mércores, 5 de agosto de 2026

Sendeirismo en Babia e Luna

Hai uns días Viaxes O Lóstregho estivo no noroeste da provincia de León facendo sendeirismo nas fermosísimas comarcas de Babia e Luna. Certo é que a base operativa estaba en Villablino, a capital da comarca da Laciana, pero todos os días facíamos os quilómetros que nos levaban un pouco máis cara ao leste ás comarcas antes mencionadas. Como xa sabíamos, o lugar era espléndido e as rutas tamén o eran, pero hai que recoñecer que tivemos bastantes problemas para completalas, como veredes a continuación:

- Ruta 1 (luns): Babia Alta. Ruta circular que comezaba en Piedrafita de Babia, subía a un chozo de pastores e basicamente rodeaba a Peña Larga, pasando pola aldea de Cacabillo. Na segunda parte pasábase xunto á Laguna Grande. Daquela non o sabíamos, pero foi a ruta que fixemos máis completa, pero houbo un tramo polo medio que tivemos que facelo un pouco por libre, guiándonos pola intuición, xa que tiñamos como referencia unha estrada e unha aldea. Outros días non tivemos tanta sorte.

- Ruta 2 (martes): Anel de Luna. Ruta circular, a máis esixente das previstas, de algo máis de 20 quilómetros. Comezamos en Robledo de Caldas e, como sempre, os primeiros quilómetros todo ía moi ben, o camiño estaba claro e non había dúbidas na sinalización. Pero pasamos un valado cunha porta e aí comezaron as dúbidas. Non volvimos ver ningún sinal máis en ningures. Seguindo a traxectoria que víamos na ruta deunos por subir por un camiño por onde había cabanas de pastores (algo moi habitual neste tipo de rutas), pero despois dun par de horas por alí, non veíamos saída e parece que estabamos algo lonxe da ruta. Non quedou máis remedio que dar volta.

- Ruta 3 (mércores): Fontes do Sil. Ruta con forma de raqueta (primeiro lineal e despois circular) que sae da aldea de La Cueta, a que está a máis altitude na provincia de León (uns 1400 msnm). Poderíamos dicir algo parecido á ruta anterior. A primeira metade moi ben, non había demasiada perda. Estabamos chegando á parte culminante, a zona onde xorden os primeiros mananciais do río Sil, e comezaron a desaparecer as marcas de sendeirismo habituais. Volvimos atopalas pero foinos imposible atopar as da baixada, así que tivemos que voltar polo mesmo camiño da ida. E aínda así vimos uns cantos camiños paralelos que parecían ser correctos.

- Ruta 4 (xoves): Vega de Carbajal. Unha ruta curtiña e moi sinxela que nos tiña reservada tamén unha sorpresa, totalmente inesperada. Ruta circular que comezaba en San Emiliano, pasaba pola aldea de La Majúa, despois ía a Candemuela, e de aí iría a Pinos, para volver a chegar a San Emiliano. Pois entre Candemuela e Pinos había que subir e baixar un monte cunhas porcentaxes de inclinación importantes. Subímolo por un lado, pero chegou un punto en que nos foi imposible localizar o camiño de baixada, porque só había precipicios que nos farían despeñarnos.

- Ruta 5 (venres): Lago Chao. Último gatillazo, por razóns totalmente diferentes ás anteriores. Ruta sinxela, moi ben sinalizada (non como as anteriores). Todo ía de marabilla ata que chegamos cerca do lago e os regatos e turbeiras da zona nos impediron pasar. Tristísimo.

Alguén que lea isto pode pensar que o sendeirismo é moi frustrante. Para nada. Hai que recoñecer que a racha desta semana foi terrible, e nunca víramos nada parecido. Algunha destas cousas pasa cada certo tempo, pero tan concentradas non. Seguro que o superaremos.

Saúdos.




domingo, 26 de xullo de 2026

A Coruña en acuarelas

A verdade é que non resulta moi acaída a sección de "Banda deseñada" para esta obra, pero crear unha específica para ela (que seguramente ficará soa alí) tampouco me parece gran idea. O caso é que no Culturgal do ano 2024 finalmente fíxenlle gasto no posto de Almacén de Fábulas, unha miniempresa montada por Anabel Ramudo que basicamente vende as acuarelas pintadas por Eduardo Baamonde.

Teñen cadernos de diferentes cidades e vilas de Galicia. Eu merquei a da Coruña, que ten 64 páxinas. Editárono no 2018, pero por algúns símbolos que veñen nalgunhas das acuarelas, parece que maioría foron pintadas a finais de 2017 e comezos de 2018.

Saúdos.

Jack o Destripador

Por razóns que non veñen ao caso, nos últimos días oín falar de novo do famoso caso de Jack o Destripador, e viñéronme ganas de ver algunha película que tratara o tema. Supoñía que algunha de cine clásico habería, dada a obsesión dos británicos co tema, e obviamente non me equivocaba. Agora ben, esta que vin eu decidiron darse certa libertadas e variaron lixeiramente a historia. De feito, o título orixinal da mesma era "O inquilino", e parece que previamente Hitchcock fixera unha película muda titulada igual e da mesma temática, así que esta versión da historia debía estar xa correndo pola zona.

"Jack o Destripador" foi dirixida en 1944 por un tal John Brahm, director alemán do que nunca oíra falar. Os tres principais papeis do elenco son para Laird Cregar (quen fai do asasino en serie), Merle Oberon e George Sanders. Un par de curiosidades. Polo visto, no caso real os investigadores comezaron a chamarlle "Jack o Destripador" ao sospeitoso principal porque o suposto autor lle mandou cartas á policía e nunha delas asinaba con ese nome. Por outra banda, o actor Laird Cregar morreu poucos meses despois de facer a película, cuns 30 anos de idade, polo visto polas secuelas físicas do adelgazamento para que lle deran máis e mellores papeis, xa que medía dous metros e pesaba moito máis de 100 quilos. Pero non lle valeu de moito.

A historia é máis ou menos coñecida. A novidade aquí (que non semella coincidir coa realidade) é que a causa dos asasinatos a mans dese tipo débese a que unha artista abandonou ao seu irmán, e el suicidouse debido á pena. Así que el decide vengarse das mulleres artistas. Nos primeiros asasinatos dos que se fala na película a verdade é que mata a "artistuchas" da rúa que non triunfan en absoluto. Pero o principal da trama consiste en que intenta matar a unha xa máis famosa e coñecida, pero a salvan no último momento. Nese intre, cando está acurralado, tírase a través dun cristal do teatro e cae ao río. Certo é que o tipo resulta do máis sospeitoso dende o primeiro intre. Xa se lle ve que é raro, pero é que ademais manifesta uns costumes e hábitos do máis estraño, que obviamente espertan as sospeitas de todo o mundo, ata Scotland Yard se entera.

Polo que parece, no caso real, o asasino matou a cinco prostitutas no barrio de Whitechapel (moi cerca da Torre de Londres e da Ponte da Torre), nun intervalo breve de tempo, dun par de meses. En todos os casos, degollaba ás víctimas e tamén extraía algúns órganos internos (ás veces máis, ás veces menos, suponse que o medo a ser descuberto lle facía apresurarse ás veces). Naqueles anos, máis ou menos naquela zona, tamén houbo outros seis asasinatos que alguén quixo atribuirlle a el, pero semella claro para os investigadores máis serios que non hai demasiadas similitudes.

Si que chama a atención que se produciran tantos casos tan brutais nun período de tempo e espazo tan pequeno, e que despois pararan por completo e non se producira nada parecido en ningún outro lugar (parece que ninguén foi capaz de atopar ningún caso similar que continuara coa serie). Parece que case todo Londres sufría unha gran superpoboación na época e grandes bolsas de pobreza. E obviamente, aínda que houbo e hai teorías do máis variadas, semella que o caso quedou sen resolver.

Saúdos.



Náufrago

A esta película tíñalle algo de ganas dende había tempo, pero nunca se daban as condicións. Ademais teño que recoñecer que Tom Hanks non me cae demasiado ben, aínda que non semella mal actor (foi mellorando cos anos, por sorte). Acabo de descubrir que o título orixinal é algo así como "Desechar". Non sei se é mala tradución ou a que podían querer referirse, pero vai resultar que a tradución hispanofalante vai ser acaída e todo.

"Náufrago" foi dirixida en 2000 por Robert Zemeckis. Os dous papeis principais do guión son os de Tom Hanks e Helen Hunt, os demais son bastante irrelevantes. A parte principal da película foi rodada nun illote do arquipélago de Fiji.

Penso que na película basicamente hai tres partes: a breve primeira, na que nos presentan o personaxe; a segunda ou principal, os catro anos que pasa na illa despois do accidente de avión; e a terceira, non tan breve como podería pensarse, unha vez que é rescatado e volve á súa vida convencional, aínda que xa non poderá ser o de sempre.

Con respecto á primeira e á terceira (que son as que non asociaríamos a esta película), diremos que o personaxe é un tipo moi valorado na empresa de mensaxería FedEx, cun nivel de traballo e estrés altísimo, que case non pasa por casa, xa que é requirido pola súa empresa para resolver problemas por todo o planeta. Acaba de chegar de Moscú a Tennessee, onde vive coa súa moza e a súa familia, e ten que marchar axiña para Malasia, e aí é cando sufre o accidente de avión que o confina durante catro anos nunha illa deserta do Pacífico.

Unha vez rescatado, a súa ex-moza desmáiase cando recibe a nova de que está vivo. Casou cun home diferente e teñen un fillo porque, claro, pensou que tiña que darlle un xiro á súa vida e deuno por morto, como case todo o mundo. No aeroporto ao que chegan, o novo marido da súa ex-moza vén desculparse, pero ela non se ve capaz de irlle falar. Uns días máis tarde si chegan a verse e, polo que parece, ela aínda ten dúbidas e pensa por un intre en marchar con el de novo, pero el dille que é mellor que siga coa súa nova vida, que el xa refará a súa.

En canto aos catro anos na illa, que é a parte máis coñecida da película (como é obvio), pois nada, que se ve como vai evolucionando e aprendendo a facer cada vez máis cousas para ser máis autónomo e ser capaz de sobrevivir. Xunto con el á illa chega o cadáver dun dos pilotos do avión e un mogollón de paquetes que ían no avión aos que lles vai sacando partido. Por exemplo, coas coitelas duns patíns para xeo fai elementos cortantes de diferentes usos. Un balón de voleibol Wilson acaba sendo a súa única compañía.

Saúdos.





venres, 24 de xullo de 2026

A máscara da morte vermella

Acababa de ver unha película protagonizada por Vincent Price (ver seguinte artigo), e iso lembroume unha débeda pendente que tiña. Claro, xuntar na mesma película a Roger Corman, Vincent Price e Edgar Allan Poe non ía dar como resultado unha comedia, como é lóxico. Por se non o sabedes, Roger Corman era coñecido en Hollywood por ser un artesán moi rentable porque era capaz de facer películas en prazos moi breves e con orzamentos moi limitados, aproveitando todo tipo de recursos. Por exemplo, esta película da que imos falar ter uns decorados moi chulos, pero non se fixeron para esta película, senón para outra película anterior que precisamente levou premios por eses decorados.

"A máscara da morte vermella" foi dirixida por Roger Corman en 1964, e está baseada nun dos múltiples relatos de Edgar Allan Poe (nun período de catro anos fixo outras sete obras como esta). No elenco estaban Vincent Price, Hazel Court, Jane Asher (naquela época foi a moza de Paul MacCartney durante cinco anos), Patrick Magee (actor irlandés que fai papeis relevantes en varias das películas máis importantes de Stanley Kubrick), David Weston, Nigel Green, David Davies, Skip Martin e Verina Greenlaw.

A historia está ambientada na Italia medieval. Un nobre déspota, chamado Próspero, organiza unha festa privada no seu castelo. Ao mesmo tempo, a zona na que se atopa está sendo arrasada por unha doenza chamada a "morte vermella" (nunca se aclara, pero semella algo similar á peste, ou algo así). Os amigos de Próspero non queren saír do castelo, e tampouco queren que entren os aldeáns, que seguro que lles contaxiarán a terrible doenza. Por se non chegara con iso, a festa privada no castelo remata cun baile de máscaras.

Antes de entrar á festa, na aldea máis cercana, Próspero encaríñase de Francesca, a aldeana con máis caracter, e mete na cadea ao seu mozo e o seu pai. Pero a morte vermella consegue entrar no castelo. Por se non chegara con iso, Próspero e a súa muller Xuliana (que ten ciumes de Francesca, o novo xoguete de Próspero) son admiradores de Satán. Como vedes, a combinación é totalmente gañadora.

Saúdos.



A mansión dos horrores (House ou Haunted Hill)

Non me preguntedes como cheguei a esta película, porque eu tampouco sabería explicalo. Hai unha versión moito máis recente, dos anos 90 ou incluso posterior, pero obviamente eu optei pola versión clásica. Xa o título dá moito de sí. O título orixinal en inglés xa é algo coñecido, pero como habitualmente, no mundo hispanofalante decidiron innovar nos anos 50. En España foi "A mansión dos horrores", en Venezuela foi "Mansión diabólica" e en México e Arxentina foi "Mansión sinistra".

"A mansión dos horrores" foi dirixida en 1959 por William Castle. O elenco (creo que completo ou case) estaba formado por Vincent Price, Carolyn Craig, Elisha Cook, Carol Ohmart, Alan Marshal, Julie Mitchum e Richard Long. Como anécdota, diremos que o director, nalgunhas proxecións da época, facía aparecer ao carón da pantalla un esqueleto movido por fíos (como sucede na película nalgún momento) para dar sustos aos espectadores. Daquela si que había xente chisposa.

A situación sería moi novidosa na época, pero a estas alturas xa está moi manida. Un excéntrico millonario e a súa muller organizan unha estraña festa nunha mansión que acaban de alugar e que ten fama de estar maldita, porque alí morreron xa unhas cantas persoas en moi estrañas circunstancias. Son convocadas cinco persoas, que chegan por separado á mansión, en cadanseus coches fúnebres (é parte da graza da convocatoria). Teoricamente, se conseguen aturar a presenza alí dende as 12 da noite ata as 8 da mañá, o magnate pagaralle a cada un 10.000 dólares, e parece que todos están bastante necesitados deles. Así que na mansión están sete persoas, as cinco convidadas máis os dous anfitrións. Durante un momentiño vese a dous criados, que son os que pechan a porta herméticamente dende fóra cando marchan ás 12 (as fiestras teñen barrotes).

Obviamente, alí dentro pasan cousas moi estrañas, que nunca son o que parecen, e que poñen a case todos dos nervios. Para defenderse, o anfitrión dálle a cada un unha pistola para defenderse (xa sabedes que esta é a típica escusa estadounidense para poder atacar aos demais). Así que todos con pistolas, a festa xa está montada. Non vou destripar o que sucede, por se alguén aínda non a viu. Pasa o típico destas situacións, aínda que todas as persoas que están alí din que non se coñecen de nada, algunhas desas persoas están mentindo, e outras saben o anterior, aínda que non o din, polo tanto xa están preparadas ante posibles ataques.

Saúdos.



Scarface

Como xusto acababa de ver unha película sobre Howard Hughes (lede o artigo seguinte do blog), quedáronme certas ganas de ver algunha película na que el participase. Atopei facilmente esta que vos traio hoxe, xa a vin pero hai moitos anos, pero non lembraba demasiado. Está baseada na vida de Al Capone, e ademais fíxose poucos anos despois das súas andanzas, e polo visto, tivo moito impacto na sociedade estadounidense. Por esta zona do planeta aínda se lle chama bastante "Scarface", aínda que ás veces se lle engade "o terror do hampa". Noutras partes de Hispanoamérica decántanse por Caracortada e outras variantes (o protagonista principal ten unha visible cicatriz con forma de cruz no pómulo esquerdo).

"Scarface" foi dirixida en 1932 por Howard Hawks e producida por Howard Hughes con guión de Ben Hetch. Recalco todo isto porque parece que Hawks e Hetch non se fiaban en absoluto do produtor, e tiñan cláusulas nos seus contratos por se os despedía sen razón, cousa que pasaba con certa frecuencia con ese personaxe. O elenco estaba formado por Paul Muni, Ann Dvorak, Osgood Perkins, Karen Morley, Boris Karloff e George Raft.

Pois nada, que un tal Tony Camonte (realmente refírense a Al Capone) comeza sendo un lugarteniente temido da mafia italiana en Chicago, e comezan a producirse unhas mortes estrañas nese entorno, e hai cambios de xefes, pero ao tal Camonte nunca lle parecen suficientes, porque quere mandar el, e ao final acaba conseguíndoo. Pero acaba enfrontándose só a todos, e na película din que tamén quería decidilo todo na familia (non sei se no Al Capone real era así, pero non é descartable en absoluto).

A película remata coa policía cercándoo na súa casa e matándoo cando intenta fuxir. Hai un final alternativo no que o deteñen, e é condenado á máxima pena nun xuízo. Esto é relevante porque na época o código Hays que se aplicaba no cine pretendía dar leccións morais sobre o que pasaba na sociedade, e parece que os gangsters como Al Capone estaban comezando a ser idolatrados de máis. Estaba aínda moi recente o crack do 29 e estaba vixente a Lei Seca. Como seguro que sabedes, Al Capone foi á cadea por evasión fiscal e morreu na súa cama uns anos máis tarde.

En Youtube atopei unha versión en español latino e coloreada con intelixencia artificial. Curiosa.

Saúdos.



O aviador

Hai tempo que tiña certo interese en ver esta película, pero raramente tiña tempo para facelo, pero agora en verán si dispoño de tempo, así que me animei. Recoñezo que o que máis me chama a atención dela é que é algo así como unha biografía de Howard Hughes (non confundir con Howard Hawks, nomes moi parecidos e incluso traballaron xuntos nalgunha famosa película), que debía ser un personaxe bastante peculiar. Poderíamos resumilo dicindo que era unha mestura de aviador (autodidacta pero bastante xenial, segundo algúns) e cineasta (isto bastante menos), que ademais era bastante excéntrico e chegou a ser multimillonario, tipo animal moi aprezado en Estados Unidos.

"O aviador" foi dirixida en 2004 por Martin Scorsese. No elenco destacan  Leonardo DiCaprio, Cate Blanchett, Kate Beckinsale, John C. Reilly, Alec Baldwin, Alan Alda e Jude Law. Como sempre, estiven documentándome para escribir este artigo, e seguramente mesturarei o que sae na película con outra información sobre a vida e obra de Hughes, pero que non aparece no filme. Pero iso pode axudar a centrar o personaxe.

Howard Hughes naceu en 1905 en Texas e morreu alí (vaia, nin iso está moi claro) en 1976. Un feito importante que marcou a súa vida é que a súa nai padecía misofobia, ou sexa, medo total a xérmenes e microorganismos, e iso quedoulle a el, que estaba sempre duchándose, lavando as mans, e tiña obsesión coa limpeza extrema, e desenvolveu un TOC en torno a iso, pero vaia, nos últimos anos da súa vida, semella que pasou ao estremo contrario, con épocas de total illamento e moi pouca limpeza. Polo que parece, nos seus últimos tempos xa era bastante acusado. Ou sexa, todo un personaxe.

Segundo contan na película, era un tipo moi enérxico e ambicioso, que sempre viviu con moitos cartos, e que ao longo da súa vida fixo moitos máis (parece que foi a primeira persoa da historia, que se saiba, en ter un patrimonio persoal de máis de mil millóns de dólares), pero iso tamén o convertía en caprichoso.

Sendo moi novo, xa traumatizou a Hollywood rodando unha película sobre aviadores titulada "Os anxos do inferno", que tardou varios anos en rodar porque non tiña as cámaras suficientes (que ninguén entendía por que precisaba tantas) e que foi un total éxito. E ademais, cando acaba de presentala, saíu "O cantor de jazz", a primeira película non muda da historia, e engadiulle algo de son á súa película recén rematada. Ou sexa, "a cabeza non lle paraba"...

Na película fálase algo da súa incidencia en Hollywood (estivo saíndo algún tempo con actrices como Katherine Hepburn), moitas das súas parellas e esposas foron famosas actrices de Hollywood. Pero sobre todo céntrase na súa vida como enxeñeiro aeronáutico e pola loita empresarial entre a súa compañía, a TWA, e a dominadora do mercado naquel momento, a Pan Am, e a súa intención de expandirse a Europa e facer voos transoceánicos.

Está dispoñible en varias plataformas pero acabo de atopala completa en Youtube en español latino.

Saúdos.



mércores, 22 de xullo de 2026

Invitación a un asasinato

Onte pola noite tiña un par de horas libres e non tiña moitas ganas de facer nada moi complexo, así que tocou ver unha película, e esta vez só me deu para atopar unha bastante mediocre en Amazon, unha trama ao estilo de Agatha Christie. Son cousas que pasan. Polo visto, pertence a un xénero chamado "whodunit", que son as típicas tramas de misterio nas que hai que resolver un enigma.

"Invitación a un asasinato" foi dirixida en 2023 por un tal Stephen Shimek. Nalgunha páxina din que é unha produción francesa pero eu non o vexo, a min paréceme netamente británica. No elenco semella destacar claramente Mischa Barton (actriz absolutamente descoñecida para min), que está acompañada por Chris Browning, Bianca Santos, Giles Matthey, Grace Lynn Kung, Seamus Dever, James Urbaniak, Amy Sloan e Alex Hyde-White.

Miranda, unha florista londinense a quen lle encantan os enigmas e que ten unha gran capacidade de observación, recibe a invitación dun coñecido magnate para pasar unha fin de semana na súa mansión nunha illa.

Cando está chegando alí no tren coincide nun vagón con todos os outros convidados pero ela xa se decata como que hai un convidado de máis. Chegan á mansión e dinlles que o magnate non pode estar ese día alí debido a problemas meteorolóxicos, que chegará ao día seguinte.

Nas comidas que veñen a continuación vanse coñecendo as seis persoas que foron convidadas alí e os tres servintes que os atenderán durante esa fin de semana. Como era previsible en enigmas deste tipo, vai habendo mortes ou cousas parecidas e case nada é o que parece.

Como é unha película recente, non vou destripar máis do necesario, pero digamos que un dos convidados realmente era un avogado contratado polo magnate para averiguar quen vai ser realmente o seu herdeiro, xa que todos os convidados realmente son fillos do magnate (pero non o saben), xa que o magnate tivo aventuras coas súas nais no pasado.

Saúdos.



A Odisea

Xa fun ver unha das estreas cinematográficas do ano, unha desas escasas ocasións nas que vou ao cine comercial. Na miña opinión, o director máis importante da segunda metade do século XX foi Stanley Kubrick, e no século XXI (non digo que sexa o seu sucesor) o está sendo Christopher Nolan. Como me pasaba con Kubrick, non todas as súas películas me gustan, pero en xeral escolle uns temas que me interesan e roda dun xeito que resulta moi atractivo. Pero tamén digo que da combinación Nolan - Odisea esperaba máis. Non sabería dicir exactamente que máis esperaba, pero non me pareceu para tanto.

Tampouco me vou meter na voráxine de críticas que lle caeron ao director por escoller un elenco no que había negros, asiáticos, persoas transxénero e cousas parecidas. Son cousas dos tempos, pero está claro que en Estados Unidos teñen moito medo a eses sesgos, e intentan representar un mundo variado que existe agora (nas últimas décadas principalmente), pero que na antigüidade non era así. Queda algo raro pero tampouco me vou escandalizar por iso. E moito menos polas críticas que din que o acento estadounidense non queda nada ben na versión orixinal. Claro que non, pero creo que non queda moita xente viva para falar en grego clásico, éche o que hai. Por outra banda, considero unha tontería preocuparse demasiado polas voces nun produto audiovisual GRAVADO. Quen queira escoitar boas voces actorais debería ir ao teatro, é o único lugar onde se pode disfrutar iso.

Preocupábame algo máis que parte da historia da Odisea ía aparecer na película (dura case tres horas, había tempo para metelo todo ou case todo). Acabo de mirar e parece que falta toda a parte inicial da volta de Odiseo e os seus compañeiros. Ou sexa, todo o que lle pasa cos cícones, os lotófagos e con Eolo. A partir de aí si que aparecen o resto de aventuras: Polifemo, lestrigóns, Circe, Hades, Escila, Caribdis e a illa de Helios. E casualmente tamén falta o capítulo que vén despois, cos feacios. Despois chega a Ogigia, pasa sete anos con Calipso sen lembrar todas estas historias, e finalmente volve a Ítaca.

"A Odisea" foi dirixida por Christopher Nolan en 2026. Os principais papeis foron para Matt Damon, 
Tom Holland, Anne Hathaway, Robert Pattinson, Lupita Nyong'o, Samantha Morton, Zendaya, Charlize Theron, Samantha Morton, John Leguizamo, Jon Bernthal e Himesh Patel.

Para que non o saiba, a Odisea, un dos dous grandes poemas épicos de Homero da Grecia Clásica, conta a volta de Odiseo (Ulises en latín) á súa terra Ítaca, despois de ser o principal detonante da victoria na Guerra de Troia, que se conta na Ilíada. Odiseo propón a trampa do Cabalo de Troia, un gran cabalo de madeira que os gregos deixan como ofrenda aos troianos, despois de dez anos infrutuosos de asedio á cidade. Os incautos troianos meten o cabalo na súa cidade sen decatarse que dentro del hai un feixe de soldados gregos que abrirán as portas da cidade ao inmenso exército liderado por Agamenón. Esta parte final da Guerra de Troia tamén aparece bastante na película. Pero na mesma tamén se fixan bastante na evolución do personaxe de Odiseo, tipo moi astuto e sagaz, pero que comeza a ver que o saqueo de Troia se cadra non foi tan boa idea, e que iso pode dar fin a esa época da civilización, na que manda a Lei de Zeus, de ser hospitalario cos visitantes (tan de moda no mundo actual).

A partir de aí, Odiseo e os seus intentan volver a Ítaca. Saen de Troia ao mesmo tempo que Agamenón e Menelao, pero semella que Odiseo xa non ten moitas ganas da súa compañía (a guerra de Troia durou dez anos), e busca unha ruta alternativa que el cre máis curta. Se estamos escribindo isto e a obra que conta a travesía se titula a "Odisea", está claro que se trabucou. Iso si, Nolan conta isto con múltiples saltos na liña temporal, como é habitual nel. Polo que acabo de ler, a "Odisea" de Homero tampouco ten unha narración temporal lineal, tamén vai dando saltos cara diante e atrás (lina hai varias décadas, xa non a lembro demasiado).

Rematarei comentando como resolveu tecnica ou artisticamente o director varias das historias, e que me chamaron a atención pola súa creatividade e brillantez:
- Cando chegan á illa de Eea, na que se atopa Circe, varios dos soldados de Odiseo se adiantan e dan coa súa cabana. Circe parece unha campesiña e semella ter medo inicialmente dos soldados, pensando que lle van facer algo malo. Eles tranquilízana dicindo que só teñen fame e que veñen coller algo de víveres para proseguir a viaxe nada máis. Ela dálles de xantar e vese que a eles lles encanta a comida que lles ofrece, pero dun xeito moi entusiasta. Ela comeza a acariñar a cabeza dun deles, e vaise vendo aos poucos como primeiro a cabeza dese soldado, e despois todo o demais, se vai convertendo nun cocho. Odiseo estaba só cazando noutra parte da illa e xa notou algo raro cando lle disparou a un cervo, e cando foi recollelo, viu que era unha home. Vai buscar o resto de soldados, pregunta por eles, Circe dille que xa estiveron alí pero que marcharon sen agardar por el, e ve un montón de cochos moi nerviosos ao redor. Desconfía da comida que lle ofrece Circe, que desencanta aos soldados e os converte en homes de novo.
- O Hades é simplemente unha praia con area negra (supoño que de tipo volcánico). Cando Odisea convoca a Tiresias e aos mortos, os "cadáveres" simplemente érguense xa que estaban na capa superior ou superficial desa praia. Odiseo pode falar con varios deles, como Sinón (o soldado que avisou aos troianos que o Cabalo de Troia era unha ofrenda dos gregos, que marcharan) e con Agamenón (Odiseo e os seus homes non sabían que morrera traizoado polos seus), que lle dán consellos e peticións variadas para cando volva a Ítaca.

Pois iso, que está ben pero eu esperaba máis. Saúdos.



Con el chegou o escándalo

Recoñezo que non me agrada demasiado o xénero do melodrama no cine, pero tamén recoñezo que esta película, que estiven intentando "esquivar" por esa mesma razón, ao final desagradoume menos do que esperaba. Se non me trabuco, botárona hai algún tempo no espazo de cine clásico da 2, os luns pola noite, e eu raramente falto a esa cita. Pero cando o fixeron por primeira vez, tiña cousas urxentes que facer e ademais a película é un pouco longa, todo iso unido a que é un melodrama, pois fíxome desistir. Pero agora é verán e danse mellores condicións para intentalo, e a cousa non estivo mal.

Seguramente o título da película merece un parágrafo aparte. É a adaptación dunha novela (que por suposto non lin) e alí seguramente está mellor explicada a razón do título orixinal, que é algo así como "O home do outeiro". Nunha cita literaria ao comezo da película dan a entender algo así como que "o home do outeiro debía dedicarse a cazar", e a verdade é que no primeiro tercio da película a caza ten unha presenza moi considerable. E se cadra tamén se insinúa que o protagonista é un cazador de mulleres, porque ten unha grande "fama" na comarca. En España decidiron titulala "Con el chegou o escándalo", supoño que relacionado do tema anterior. En México aínda foron máis creativos e optaron por "A herdanza da carne", que algo tamén ten que ver coa historia, pero máis tanxencialmente. Recoñezo que non sería capaz de poñerlle un título coherente a esta historia, se cadra "O cazador".

"Con el chegou o escándalo" foi dirixida en 1960 por Vincente Minnelli. Os principais papeis do elenco foron para Robert Mitchum, Eleanor Parker, George Peppard, George Hamilton, Everett Sloane e Luana Patten.

Toda a trama xira en torno ao personaxe de Wade Hunnicutt, un terratenente texano que ten moito poder e influencia na súa comunidade, e debido a iso todo o mundo transixe co feito de que lle gustan moito as mulleres e de que poucas pode haber na zona que non foran seducidas por el antes ou despois, e de que moitos nenos ou nenas do lugar realmente foron concebidos por el, e todo o mundo o acepta, sen máis. De aí o "escándalo" ou a "carne" nas traducións do título no mundo hispanofalante.

Por outro lado temos a Hannah, a súa muller, que se casou con el case hai vinte anos, sen saber nada da súa fama (pero axiña se enterou), que vive con el na súa casa, pero que case non conviven, e trátanse con cinismo e desprezo.

Tamén está Theron, o único fillo lexítimo e recoñecido por el, que comeza a película sendo un neno do que se burlan os veciños pola súa inxenuidade, e aos poucos vaise vendo como "madura" (ao principio con xestas na caza, que na zona son moi aprezadas), e despois botando unha moza coa que acaba tendo un fillo, pero sen el sabelo, xa que a abandona antes, debido ao lío mental que se forma cando se decata da súa estraña situación familiar.

Por se non chegara con isto, temos a Rafe, mozo que traballa con Wade, que lle fai todo tipo de servizos e que máis ou menos é mantido por el. De feito, durante bastante tempo, tamén titoriza a Theron (ten uns poucos anos máis ca el) en todo tipo de asuntos. Ao final Theron acaba sabendo (o resto da xente xa o sabía de antes) que Rafe é un dos moitos fillos de Wade espallados pola comarca. Wade non o recoñece pero fai todo para mantelo, e Rafe non se queixa nin reclama nada a maiores. A Rafe gustaríalle que Wade o recoñecera como fillo seu, pero nunca chegou a conseguilo.

E podemos completar o mapa sentimental da zona coa familia Halstead. Alí está Libby, a moza de Theron que ten un fillo con el, pero este non chega a sabelo porque a deixa antes, para gran desgusto de Libby, que está embarazada pero ten que casar antes de que naza o fillo. Pero tranquilos, que neste lugar hai solución para todo. E o pai de Libby, Albert, apenas aparece dúas ou tres veces, pero acaba tendo unha gran relevancia no final da historia.

Saúdos.



luns, 20 de xullo de 2026

Os camiños da vida

Neste ano 2026 cúmprense 50 anos da morte do insigne Ramón Otero Pedrayo. Por esa razón estanse celebrando variadas homenaxes para conmemoralo. Tendo en conta que foi un polígrafo que escribiu de todo, interésanme algo do seu ensaio sobre xeografía e historia de Galicia (aos que xa acabarei chegando), algo o seu teatro (prefiro velo representado que lelo, pero todo se andará) e sobre todo a narrativa.

En narrativa ten publicada bastante cousa, pero creo que son sobre todo libros de relatos, que non me gustan tanto. Das novelas principais xa lin "A romaría de Xelmírez" (esta xuraría que non hai moitos anos), "Arredor de si" (esta si, hai varias décadas) e quedábame a outra máis importante, "Os camiños da vida", que merquei este ano e lin nos últimos días.

A novela está a piques de cumprir un século, xa que foi publicada en 1928, cando el tiña 40 anos. Foi publicada no seu momento en tres partes (porque efectivamente esa é a súa estrutura), pero a editorial Galaxia xa decidiu no ano 1978 publicala nun volume único, cousa moi lóxica porque xunta só unhas 350 páxinas.

A novela trata básicamente da Galicia do século XIX, na que se vai pasando dos fidalgos rurais, que van perdendo peso e relevancia, a unha sociedade máis burguesa na que os comerciantes teñen máis importancia na toma de decisións. Os fidalgos representan en parte o caciquismo que todos coñecemos, sobre todo os máis conservadores, xa que a sociedade está comezando a dividirse en conservadores e liberais. Está ambientada nunha vila ourensán chamada Trasouto, que se supón que debe ser a Trasalba na que vivía Otero.

Os títulos das tres partes e a súa temática son:
- Os señores da terra: presenta basicamente as familias dos dous pazos que protagonizan a historia. Os conservadores da familia Doncos que habita A Seara, cuxo declive imos vendo co avanzar da novela, e os liberais da familia Puga, que viven na Pedreira, aos que lles vai un pouco mellor, pero tampouco é para tanto.
- A maorazga: nesta parte fálase de moitas cousas pero sobre destácase a Ramoniña, unha das mulleres do Pazo da Pedreira, que vai sacando adiante a casa, a pesar de que algúns dos integrantes tampouco é que colaboren demasiado.
- O estudante: esta parte céntrase en Paio, o sobriño de Ramoniña, que marcha a Ourense e a Santiago despois, para estudar o Bacharelato e despois Medicina, e ten a toda a familia esperanzada de que saque o título, salve á familia, e as vellas poidan ter unha vida algo máis regalada nos últimos anos da súa vida.

Saúdos.



domingo, 19 de xullo de 2026

Pedro Páramo (película)

Oín falar moito e moi ben da novela "Pedro Páramo" de Juan Rulfo, pero pola razón que sexa, aínda non puiden lela. A min gústame moito o realismo máxico hispanoamericano e parece que esta obra é un dos seus cumios. Despois de ver a película, efectivamente ten pinta de que debe ser así, pero iso xa chegará. Hai pouco fixeron en Netflix unha versión cinematográfica, e animeime con ela.

"Pedro Páramo" foi dirixida en 2024 por Rodrigo Prieto, con guión do español Mateo Gil. Non estou eu moi ao tanto do cine mexicano (nin o estiven nunca), pero confío en que toda esta xente son estrelas alí. No elenco destacan Manuel García Rulfo, Tenoch Huerta, Ilse Salas, Mayra Batalla, Héctor Kotsifakis, Roberto Sosa, Dolores Heredia, Giovanna Zacarías, Noé Hernández, Ishbel Bautista e Yoshira Escárrega.

A película conta basicamente a historia de Pedro Páramo, un cacique local que viviu moitos anos e que conseguiu manexar á xente que vivía ao seu redor, algúns deles mercenarios, para enriquecerse coa Revolución Mexicana. Faino a través de continuos flash-backs e cambios de narrador. Os primeiros chegan á vila na que estaba a súa casa, Comala, pero a vila realmente está abandonada e todos están mortos (aínda que non o pareza, sinto o spoiler pero iso xa está máis que dito sobre a novela).

Pois iso, Pedro Páramo era un tipo listo pero moi mal bicho, andaba con moitas mulleres, só recoñeceu a un fillo, ao que tiña malcriado e que morreu dunha morte tráxica, maltratou a moita xente do seu entorno, e namorou dunha rapaza á que coñeceu na infancia, e que volveu sorpresivamente a Comala cando xa era maior, basicamente para morrer alí, porque xa viña bastante trastornada. Esa morte deixouno arrasado, e xa case non reaccionou máis.

Saúdos.



Maigret

O outro día estaba buscando nalgunha plataforma algunha película que non fora moi longa e que tratara sobre algún tema que me puidera interesar (esa combinación é bastante letal normalmente). Pero esta vez atopei algo. Hai xa moito tempo oín falar de Jules Maigret, un detective creado polo escritor George Simenon, e que protagonizou un feixe de novelas dese autor. Se publicaron tantas novelas del, será porque ten un certo atractivo, pero o caso é que nunca lin ningunha novela nin vin ningunha película sobre ese personaxe. Así que me animei con esta. Polo visto, está baseada nunha novela titulada "Maigret e a moza morta". Soábame que o detective era un tipo maior, algo groso e bastante seco. O actor protagonista parece facer moi ben o seu traballo, pero xa non teño moi claro se actúa demasiado ou non (antes si o facía, e moi ben).

"Maigret" foi dirixida por Patrice Leconte en 2022. O elenco estaba formado por Gérard Depardieu, Jade Labeste, Aurore Clément, Mélanie Bernier, Clara Antoons, Anne Loiret, John Sehil, Norbert Ferrer, Bertrand Poncet e Moana Ferré.

Unha fermosa rapaza aparece morta nun parque, cun luxoso vestido que non semella cadrar co resto da indumentaria. Ninguén a recoñece nin sabe nada dela, semella como se non existira. Pero Maigret, coa súa tenacidade, vai atopando sinais do seu paso pola cidade e vai coñecendo a persoas que tiveron algo de trato con ela, aínda que dicían que había tempo que non sabían nada dela.

Ao pouco tempo Maigret crúzase cunha rapaza moi similar e que ten bastante parecido coa rapaza morta. Fai algo de amizade e pídelle participar nunha actividade para ver as reaccións das persoas que dicían coñecer á rapaza morta, e o resultado é demoledor. Iso permítelle resolver un caso ben retorcido e no que non había moitas luces.

Saúdos.



Os xirasois cegos (película)

Oín falar da novela na que está baseada a película hai moitos moitos anos, creo que case cando a publicaron. Algúns anos máis tarde fíxose a película, pero eu non prestei demasiada atención. O outro día atopeina nunha plataforma, e como ademais era unha película breve, deille unha oportunidade, e a verdade é que está bastante ben. A película está ambientada no Ourense de 1940, aínda que lendo algo sobre a novela orixinal non me parece que tivera nada que ver con Galicia necesariamente. Sospeito que o director, que vivía alí naquela época, quixo achegarse a esa terra e así tamén incluíu a uns cantos actores secundarios galegos na produción.

"Os xirasois cegos" foi dirixida en 2008 por José Luís Cuerda. O guión foi del e de Rafael Azcona, que morreu pouco despois. Está baseado na novela do mesmo título escrita por Alberto Méndez en 2004, que supuxo un grande éxito póstumo para el, que morreu pouco despois tamén. A novela está conformada por catro relatos, e na película mesturaron dous deles con certa mestría, pero o principal era o último relato, que tiña o mesmo título que a obra completa. O elenco está conformado nos principais papeis por Maribel Verdú, Javier Cámara, Roger Príncep, Irene Escolar, Martíño Rivas, Raúl Arévalo e José Ángel Egido.

A historia céntrase nas dúbidas que asaltan a un diácono, que ao saír do seminario foi enviado a batallar á guerra, e alí adquiriu máis hábitos mundanos que eclesiásticos. Así que segue dubidando da súa vocación, e o rector do seminario o envía a dar clase a un colexio relixioso. Alí coñece a un rapaz que é bo academicamente, pero ao que non se lle ve moito amor polo recén implantado rexime, algunha vez ao comezo da xornada o sorprenden non cantando o "Cara al sol", como os demais rapaces.

Cando percibe iso, intenta contactar coa nai, para explicarllo, e queda prendado da súa beleza, así que as dúbidas clericais que o asaltaban volven xurdir de novo, con máis forza que antes. Fai todo o posible por estar con ela coa excusa de enderezar ao rapaz, pero a nai xa se decata de que detrás diso debe haber algo máis.

En paralelo con todo iso, resulta que na casa do rapaz, vive a nai e tamén o pai, que está perseguido polo rexime nacional, así que está escondido e nunca sae. Polo tanto, o cura non ten tan mal ollo, pero obviamente non sospeita que o pai está vivo e vive alí, todo o mundo lle di que morreu e non o discute. Ademais diso, ao comezo da película, a irmá maior do rapaz, embarazada do seu mozo, un poeta que tamén está perseguido polo rexime, ten que fuxir da casa. Os dous intentan cruzar a Portugal, pero non teñen demasiado éxito (esta parte era o segundo relato do libro, aquí decidiron unilos).

O final é moi dramático e inesperado, así que non o vou destripar aquí.

Saúdos.



sábado, 18 de xullo de 2026

Engurras

O outro día conseguín que funcionara de novo na miña "smart tv" a aplicación de streaming da TVG. Non debe levarse demasiado ben co meu televisor, estivo algún tempo que non conseguía entrar de ningún xeito, e o outro día probei, e funcionaba outra vez, pero aínda segue facendo cousas algo raras. En calquera caso, aproveitei para ver unha obra á que tiña moitas ganas dende hai tempo.

"Engurras" é a versión en galego de "Arrugas", a película baseada na banda deseñada de Paco Roca. Non sei moi ben en que consiste facer unha película a partir dunha banda deseñada, pero o director foi un tal Ignacio Ferreras. A música é de Nani García e dobraxe en galego foi a cargo das mesmas persoas que a dobraxe en español, polo menos nos actores principais: Álvaro Guevara, Tacho González e Mabel Rivera.

A historia conta a chegada a unha residencia de anciáns de Miguel, un home que comeza a ter os primeiros síntomas de alzheimer. Tócalle compartir habitación con Emilio, un porteño que parece bastante simpático, que parece ser o máis sano de toda a residencia, pero que tamén ten uns comportamenos estraños como pedirlle cartos a todo o mundo, aínda que alí dentro non serven para case nada.

Pouco a pouco vanse vendo diferentes casos de usuarios do centro, e Miguel descubre que no seguinte andar están os que xa están moito máis graves, que teñen que ser atendidos para case todo. El non se decata, pero cada vez vai tendo máis síntomas de alzheimer, que el non quere ver nin asimilar. Ao final Miguel ten que subir á seguinte planta, e Miguel trasládase con el, para facerlle compañía e atendelo, porque cada vez lle fai máis falla.

A verdade é que esta historia e a realidade das residencias de anciáns resulta abrumadora.

Saúdos.



Ulises

Como estes días estrean a versión de "A Odisea" rodada polo grandilocuente Christopher Nolan e seguro que irei vela en canto poida, tiven ganas de repasar a historia. Gústame moito a mitoloxía clásica, pero xa lin hai moitos anos esta obra de Homero e tiña ganas de refrescar datos. Por outra banda, hai pouco lin "Circe ou o pracer do azul", de Begoña Caamaño, a quen lle dedicaron o Día das Letras Galegas deste ano 2026, así que parte da historia tíñaa ben fresca. Para conseguir todo isto, vin en Youtube unha versión deste mito rodada hai moito tempo, que me lembrou ao meu querido cine clásico.

"Ulises" foi dirixida en 1954 por Mario Bava e Mario Camerini. Teoricamente foi unha coprodución entre Italia, Francia e Estados Unidos. Pero a parte francesa non a vexo por ningures, a parte estadounidense parece o actor principal (Kirk Douglas, de pais bielorrusos), un dos secundarios (Anthony Quinn, máis ben mexicano), e algún guionista, e o resto era todo italiano. No elenco destaca obviamente Kirk Douglas e Silvana Mangano (que fai de Penélope e Circe), despois poderíamos mencionar a Rosanna Podestá, Antonio Quinn e Franco Interlenghi.

A estas alturas xa deberíades saber que a "Odisea" (Odiseo era o nome de Ulises en grego) trata da azarosa volta de Ulises da guerra de Troia (que durou dez anos) á súa patria Ítaca. Alí está agardando a súa muller Penélope, co seu fillo Telémaco, aos que Ulises case non chegou a tratar e coñecer, pois marchou para Troia. Unha serie de aproveitados que esperan e desexan que Ulises morrera, están agardando en Ítaca a ter novas del, para ver se poden casar con Penélope e, sobre todo, converterse en reis de Ítaca, que é a súa principal aspiración. Penélope xa non sabe que facer para calmar as súas ansias, e di que tomará unha decisión cando remate un manto que está facendo no seu telar, pero polas noites desfai o traballo do día e este nunca avanza, e iso ten moi cabreados aos seus pretendentes. Pois mentres pasa iso, Ulises e os seus compañeiros están intentando volver, pero vaia, tampouco teñen tantas ansias, e "enganchan en todas as silvas".

Esa volta consta de moitas aventuras diferentes. A película non é longa, en torno á hora e media, así que non quedou máis remedio que saltarse moitas das aventuras e centrarse en varias, como as de Polifemo, as sereas e a de Circe. A parte final é parecida, cando un irrecoñecible Ulises (que semella un mendigo), tamén se presenta como posible pretendente ao trono, ante as risas de todos os demais, e ninguén consegue disparar unha frecha cun arco que propuxo Penélope, xa que só Ulises era capaz de tensar aquel arco.

Saúdos.



Cóntame un conto cuántico

Merquei no ano 2020 un libro sobre física cuántica en galego, publicado por Xerais. Titúlase "Cóntame un conto cuántico" e o autor é Juanjo Lamelas.

Con el intentaba entender algo máis e mellor ese rollo da física cuántica, que semella bastante incomprensible. Confiaba en que fora capaz de contalo de forma máis comprensible. Faise axudar con debuxos dun personaxe chamado Electroncio, para facilitalo. Pero non, é demasiado complexo.

Comeza contando a historia dende a filosofía grega, e os filósofos que xa chegaron á idea de átomo naquel momento. Vai avanzando polos séculos e a historia. Pero obviamente chega un momento arredor do século XVII ou XVIII onde a física dá un salto que é xa case insalvable para todos, e xa non digamos ao chegar a finais do século XIX ou comezos do XX, cando aparece o electromagnetismo (que ten bastante que ver co tema) e a física cuántica. Saen moitos dos nomes míticos da filosofía e da ciencia, pero nalgún momento o máis normal é perder o fío e ser incapaz de seguilo. Éche o que hai.

Saúdos.



A porta do ceo

Xa hai moito tempo que oín falar desta película, que era como un western maldito, incluso soábame que algúns a consideraban unha película moi mala. Como estes días teño tempo e estaba nalgunha das plataformas de streaming ás que teño acceso, aínda que é algo longa, animeime a vela. E non me desagradou en absoluto. Si é certo que debeu haber movidas moi variadas na relación entre o director e a produtora, das que se pode falar. Unha delas é que o director acabou presentando unha película de 5 horas e media, pero a productora reduciuna a unha versión comercial de 2 horas e media (a que eu vin). Polo visto, chegou a estrearse algunha versión de case 4 horas. Está ben pero tampouco botei nada en falta especialmente, así que non se me ocorre moi ben de que tratarían esas 3 horas que eu non vin.

É unha película do Oeste, supuxo a ruína para a produtora United Artists, que foi absorbida por Metro-Goldwin-Mayer a continuación. Polo visto, costou uns 44 millóns de dólares (non entendo moito deste tema, por suposto, pero tampouco me explico moi ben a que viñeron os grandes gastos, porque tampouco me pareceu que tivera grandes luxos e medios, pero tamén é certo que hai moitas horas de metraxe rodado que non vimos, sabe Dios o que habería aí) e só recadou 3 nos Estados Unidos (probablemente fóra moito menos). Ao final, parece que tivo unhas perdas de cerca de 80 millóns de dólares. 

Polo visto, ata aquel momento, aos directores deixábanlle ter control sobre os gastos da película, pero a continuación desta, todos os estudios engadiron a cláusula Cimino para que non volvera suceder. No caso deste director a súa película anterior, "O cazador", fora un grande éxito, así que lle deixaron as mans libres para facer o que quixera. Polo que acabo de ler, despois do fracaso desta película da que imos falar agora, xa case non rodou nada. Intentou comezar varias rodaxes, pero foi apartado inmediatamente en canto viron que comezaba a pedir recursos infinitos, cousa que nel era bastante habitual.

"A porta do ceo" foi dirixida por Michael Cimino en 1980. Os papeis principais do elenco foron para Kris Kristofferson, Christopher Walken e Isabelle Huppert. Nos secundarios poderíamos destacar a Jeff Bridges, John Hurt, Sam Waterston, Brad Dourif, Mickey Rourke e Joseph Cotten. Xa digo, a película é moi visible e non lle vexo nada estraño que a convirta en nefasta. O que si pode suceder é que a historia amosara unha cara dos Estados Unidos que moitos non quixeran ver e por iso intentaron boicoteala, iso si me parece máis coherente. De feito, algúns críticos falan moi ben dela, así que algo raro sucede con esta película, semella unha campaña orquestada por alguén para poñerlle mala fama.

Basicamente, a historia trata do enfrontamento entre a Asociación de Gandeiros de Wyoming e un continxente de inmigrantes da Europa do Este (principalmente rusos) que chegaron a esa zona a finais do século XIX. O principal dos feitos transcorre no condado de Johnson en 1890.

A asociación de gandeiros, que son claramente uns supremacistas xenófobos (se cadra era iso o que algúns non querían ver) pretende fusilar sen ningún tipo de xuízo a 125 deses inmigrantes (coñécenos tan ben que xa saben o seu nome perfectamente) para recuperar o control total sobre todo o gando da zona, xa que por roubos ou outras circunstancias, consideran que o están perdendo en demasía. Así que xa vedes que o conflito está máis que servido.

A partir deste caldo de cultivo, xurden a maioría dos personaxes principais. Jim Averill é o sheriff do condado. Formouse hai 20 anos en Harvard (primeira escena da película) e agora tócalle resolver problemas no mundo real. Irvine é un compañeiro seu de promoción, que é avogado da asociación de gandeiros, pero non está en absoluto de acordo con este xiro reaccionario que promove Frank Canton, o presidente da asociación, co apoio de todos os socios (todos homes, obviamente). Nate Champion é o capataz da asociación de gandeiros, e intenta minimizar os roubos na medida do posible, e ás veces é bastante contundente, pero tampouco está de acordo co xiro xenófobo que se acorda. E por último está Ella Watson, prostitura que ama tanto a Jim e a Nate, e que non sabe moi ben por quen decidirse.

Na lista de 125 persoas ás que pretende axustizar a asociación están o sheriff (para que non moleste, e porque xa saben que está en contra) e Ella (porque din que acepta pagos no seu prostíbulo con gando que todos saben que é roubado). Ao final, o sheriff avisa á comunidade inmigrante do que sucede e incluso di o nome das persoas que están nesta lista. El é cesado no cargo e os inmigrantes marchan ao campo a enfrontarse co grupo de mercenarios contratados pola asociación. Non vou contar o final pero direi que o gobernador do Estado e por suposto o exército apoian aos gandeiros.

Saúdos.



luns, 13 de xullo de 2026

Gran Hotel Budapest

Cando estiven estes días revisando o catálogo de películas de Netflix, a outra perla interesante que atopei foi "Gran Hotel Budapest", da que oíra falar moi ben. Como preveía, resulta deslumbrante, e terei que seguirlle a pista ao seu director, Wes Anderson, porque parece que moitas das súas películas teñen ese estilo e fotografía. Non sei se é unha boa referencia, pero lembroume algo ao cine de "Amelie" ou "Delicatessen", de Jeunet e Caro.

"Gran Hotel Budapest" foi dirixida por Wes Anderson en 2014. Unha das cousas que sorprende (pero ao final só fai falla ter algo de cartos e facerse coñecidos para que actores e actrices famosas queiran saír brevemente nas túas películas) é o elenco, formado por moitas estrelas, e a maioría delas só saen un momentiño facendo papeis moi pequenos. Temos a Ralph Fiennes, Tony Revolori, F. Murray Abraham, Mathieu Amalric, Edward Norton, Bill Murray, Willem Dafoe, Jeff Goldblum, Adrien Brody, Saoirse Ronan, Léa Seydoux, Jason Schwartzman, Tilda Swinton, Tom Wilkinson, Owen Wilson, Bob Balaban, Harvey Keitel e Jude Law. Non está nada mal.

A historia é moi tola. Basicamente fala sobre a fama xa pretérita dun magnífico hotel que se atopaba nos anos 30 nunha vila balneario de Centro Europa (parte da rodaxe ou inspiración estivo en Karlovy Vary). Ese hotel de luxo estaba rexentado por un tal Gustave que era tremendamente esixente pero tamén toda unha celebridade. A ese hotel ían moitas mulleres maiores e multimillonarias, entre outras cousas a practicar sexo con ese tal Gustave, que as tiña encantadas.

Unha das máximas admiradoras de Gustave morre en estrañas circunstancias, e cando van visitala ao seu castelo constatan que alí pasou algo raro. De feito, hai moitas copias do posible testamento e pode que aínda haxa máis, e a familia da señora non parece que vaia aceptar calquera cláusula do testamento, só as que os favorezan a eles. E para iso utilizarán as técnicas que sexan necesarias, incluídos algúns sicarios bastante violentos que traballan para eles.

Penso que é mellor non desvelar nada máis, entre outras cousas porque tampouco é unha historia de misterio como as de Agatha Christie. A historia ten moita máis chicha e a forma de rodala, tan orixinal e vistosa, fai todo o demais.

Saúdos.



sábado, 11 de xullo de 2026

O cautivo

Había meses que non pasaba por Netflix para ver o seu catálogo de películas, que sempre me pareceu bastante pobre, e o segue sendo, pero atopei esta película de época dirixida por Amenábar, que sempre é unha garantía. Non está nada mal, tómase certa licenzas culturais, pero iso non é raro facelo, todos os creadores aproveitan a oportunidade.

"O cautivo" foi dirixida en 2025 por Alejandro Amenábar. O elenco que se encargou dos papeis principais estivo formado por Julio Peña, Alessandro Borghi, Miguel Rellán, Fernando Tejero. José Manuel Poga, Luis Callejo, Albert Salazar, César Sarachu, Luna Berroa e Roberto Álamo. Parece que é unha produción italo-española, pero non vexo demasiada presenza italiana, agás nun dos actores principais e no vestiario.

A película basicamente conta a vida de Cervantes nos seus cinco anos de prisión en Arxel, entre 1575 e 1580. Polo que parece, ata aquel momento era máis un home de armas que un home de letras, pero naqueles anos de cautiverio, tiña moi activas as súas capacidade para fabular e contar historias, aparte de que algo estivo escribindo.

Estiven documentándome e parece que moitos dos personaxes principais que aparecen na película efectivamente existiron e coincidiron con Cervantes nese cautiverio, pero nalgúns dos casos as relacións foron algo diferentes e o director tomouse certas licenzas para que a historia lle quedara máis chula. Obviamente, a máis controvertida é suxerir que Cervantes e o seu captor Hassan Bajá tiveron algún escarceo homosexual. Polo que parece, na sociedade daquel lugar e época, si estaban permitidas determinadas relacións homosexuais, pero na película parece como se fora o máis habitual e que se amosaban abertamente nas rúas. Semella que a cousa non era para tanto. E moito menos que Cervantes fora protagonista dunha delas. No cárcere no que estaba Cervantes e os seus compañeiros atopábanse só "principais", ou sexa, persoas consideradas importantes e polas cales se podían obter boas recompensas, como a de Cervantes, que era de 500 escudos, que en canto foron pagados lle permitiron saír dalí.

Tampouco cadran demasiado ben as datas, pero éche o que hai. Cervantes estivo alí preso de 1575 a 1580. Dous clérigos que aparecen na película tamén estiveron alí, pero chegaron en 1577, pero na película non se conta nada diso, semella como que todos xa están alí cando chega Cervantes (que obviamente é o comezo da película). O sultán (ou como se chame ese cargo) Hassan Bajá tamén estivo por alí naquela época, pero non se concretan moi ben os anos nin cargos. Como se di na película, non era árabe, senón veneciano, e sabía moitas linguas debido a andar movéndose polo Mediterráneo.

O escritor liderou catro intentos de fuga (no último foi delatado por un dos clérigos antes mencionados, que tiña relación co Santo Oficio). Ao final, foi liberado polo pago do seu rescate cando xa estaba a piques de ser levado a Constantinopla. E o encargado de recadar os cartos foi un fraile dos que se chamaban "redentores", que ían recadando cartos para liberar cautivos en situacións como estas. Na película faise acompañar este fraile dun servente que leva os cartos. E os dous son a viva imaxe do Quixote e Sancho Panza, outra divertida licenza poética do director.

Saúdos.



Azucre

Estiven lendo unha novela curta que levaba varios anos na miña casa. Titúlase "Azucre" e foi escrita por Bibiana Candia, escritora coruñesa. Polo que parece, a versión orixinal foi escrita en castelán pero co título tamén en galego. Eu lin unha versión en galego, editada por Kalandraka, traducida por Xurxo Chapela, e cunhas fermosas ilustracións de Xosé Cobas, que non sei levaba a versión orixinal.

O libro esta ben, como xa dixen é breve, de capítulos curtos e unha prosa bastante poética (de feito, a autora ata agora escribira poesía, é a súa primeira novela). Pero sobre todo na parte final paréceme que se esvaece un pouco a historia, que é bastante potente, e deixa moitos fíos soltos. Iso non tería nada de malo, se deixara os outros fíos mellor atados, pero insisto, no tramo final, paréceme que perde algo da forza que tiña no resto da historia.

A trama é sinxela. A mediados do século XIX uns "galegos" (por chamarlle dalgún xeito) dedicáronse a levar xente nova de Galicia aos "inxenios" de Cuba para traballar na cana de azucre. En Galicia había moita pobreza (polo que fora) e pensaban que ían para un mundo mellor, pero non era así en absoluto. Porque os malnacidos que organizaban iso (dos que falarei a continuación), dedicábanse a escravizalos. A súa idea era que "un galego ten que traballar como dous negros e cobrar o mesmo que un escravo", ese era o negocio. Pero axiña descubren o que está pasando (Cuba aínda é colonia española) e poden desmontar o chiringuito. Só unha vez durante a novela se desvela o nome do culpable: Urbano Feijoo Sotomayor.

Acabo de atopar na web do Consello da Cultura Galega información detallada sobre este personaxe, Urbano Feijoo Sotomayor. A familia é orixinaria da provincia de Ourense. O pai xa era militar e todos os fillos tamén o foron. Pero ademais diso, todos eles intentaron medrar social e economicamente con negocios moi mal xestionados e claramente fraudulentos. Ou sexa, que eran ladróns e incompetentes, combinación pouco estraña.

Sen entrar no que fixeron os seus irmáns maiores, Urbano intentou medrar con este e outros negocios estraños na Habana, pero axiña detectaron as súas argucias, e Ramón de la Sagra recibiu cartas nas que lle contaban como funcionaba o negocio, e conseguiron botalo abaixo. Pero non creades que este tipo acabou no cárcere nin nada parecido. Volveu a España e aínda foi deputado nas Cortes durante tres lexistlaturas durante as seguintes décadas, sempre por diferentes vilas da provincia de Ourense. E sempre roubando e aproveitándose dos demais, pero como era tan burro, axiña o collían, pero seguía probando sorte.

Saúdos.



xoves, 9 de xullo de 2026

A laranxa mecánica (novela e película)

Se seguides este blog, seguramente xa saberedes que a miña película favorita é "A laranxa mecánica", dirixida por Stanley Kubrick en 1971. Non sabería dicir cantas veces a vin, supoño que unhas catro ou cinco. Se é así, onte foi a quinta vez, e a anterior foi hai uns cinco anos, cando se estaban cumprindo os 50 anos da súa presentación. Se alguén está interesado/a en saber o que publiquei aquí hai cinco anos, pode pinchar aquí.

Pero non estou escribindo este artigo porque vira de novo a película simplemente, senón porque conseguín ler a novela na que está baseada. Concretamente lin unha edición de 1975 publicada pola editorial arxentina Minotauro. Só me pareceu ver un par de veces a expresión "nomás", polo demais é perfectamente comprensible por un lector da península ibérica. Merqueina na librería coruñesa de segunda man Arcadia.

Na película xa se notaba claramente, pero na novela é moito máis evidente, está escrita utilizando un curioso dialecto ou idioma chamado "nadsat" (polo visto, é como se di "adolescente" en ruso). O autor mesturou moitos vocablos rusos, algúns xitanos e algunhas palabras inventadas. No final do libro hai un glosario dunhas cinco páxinas que fai falla nos primeiros capítulos, despois xa te vas quedando con esa xerga e xa vas entendendo o texto sen demasiados problemas. Polo visto, lin nalgures que o autor foi a Rusia un pouco antes de escribir esta novela (1961) e aprendeu algo de ruso, e pareceulle ben meter ese léxico nesta novela. Por outra banda, o autor tamén era un experto en James Joyce, que tamén inventaba palabras, así que lle pareceu ben homenaxealo deste xeito. E por último, o autor decidiu escribir o libro neste dialecto para intentar que envellecera mellor, que sempre resultar fresco, como narrado por alguén xoven.

Primeiro lin a novela (non é moi longa, lese en 5-6 horas sen problema) e inmediatamente despois vin a película, para comparalas. Cando estaba lendo a novela, todo me estaba soando bastante, así que non atopei grandes diferenzas entre as dúas. Xuraría que lin nalgures que o escritor quedou moi contento coa adaptación cinematográfica (sospeito que sen a película, a novela pasaría moi desapercibida). Pero acabo de enterarme dun detalle curioso. Hai dúas edicións do libro, unha con 20 capítulos e outras con 21. Stanley Kubrick e máis eu limos a de 20 capítulos, e nos perdemos ese capítulo 21 cun final máis esperanzador e luminoso, no que o protagonista, Alex, aínda que tiña pensado volver á delincuencia anterior, atópase cun dos seus colegas, que xa está casado, e o anima a sentar a cabeza e formar unha familia. Polo que din, aínda que Kubrick lera esta versión con capítulo 21, seguramente pasaría bastante del, íanlle máis os finais tormentosos.

Lembro rapidamente a trama e estrutura da novela (na novela vese moito máis claramente que na película, na que se pasa dunha parte a outra sen interrupción nin indicación de ningún tipo, e seguramente non estaría mal):
- Primeira parte: vense as principais falcatruadas de Alex e a súa banda
- Segunda parte: despois de ser traizoado pola súa banda, vai ao cárcere, e alí escoita falar da "técnica Ludovico", e é tratado
- Terceira parte: sae do cárcere supostamente curado pero a vida demóstralle que realmente non era tanto así, e que vai ter bastantes problemas para reinsertarse de novo.

Xa digo, en xeral, pareceume que a película é tremendamente fiel á novela. Pero atopei algunhas pequenas diferenzas que me gustaría resaltar:
- Na película non aparece algún dos seus asaltos máis importantes, por exemplo o primeiro, no que agreden a un señor que vai pola rúa e que leva sesudos libros sacados dunha biblioteca. Cando sae do cárcere, é agredido de novo por ese señor e os seus colegas.
- Non ten a máis mínima relevancia, pero debeu ser unha licenza artística de Kubrick ou alguén do equipo. Alex, nun caixón da súa habitación, ten como mascota unha serpe, vese varias veces na primeira parte da película. E na última parte, cando volve a casa e os seus pais o tratan fríamente e o invitan a marchar, dinlle que a serpe morreu. Ou moi cego estou, ou na novela que lin eu, non hai a máis mínima alusión a ningunha serpe nin animal similar.
- E a última si que é bastante máis relevante. Na última parte, cando chega de novo á casa do escritor ao que deixaron minusválido e a cuxa muller violaron en grupo (e morreu despois), o escritor inicialmente non o recoñece e intenta utilizalo para a súa loita política contra o goberno. Pero máis tarde, por algún comentario de Alex mencionando a Dim (o Lerdo), o escritor acaba caendo na conta e é cando lle entran ganas de provocar o suicidio de Alex, que lle servirá como vinganza persoal e tamén como ferramenta contra o goberno. É así na novela. 
- Pero na película está moito mellor conseguido. Como a agresión inicial lle estaba parecendo a Kubrick demasiado sosa, suxeriu que Alex cantara algunha canción durante a agresión. O actor protagonista só sabía unha canción, que era "Singing in the rain", do famoso musical de Gene Kelly. A Kubrick gustoulle moito, e saíu inmediatamente a mercar os dereitos desa canción, que conseguiu en cuestión de horas. Cando Alex volve á casa despois de saír do cárcere e é agredido polos seus ex-colegas que agora son policías, está tranquilamente dándose un baño e ponse a cantar esa canción de novo. É nese momento cando o escritor recoñece ao seu antigo agresor. 

Remato comentando a razón do título, que agora o teño bastante máis claro. Na película non se fai a máis mínima mención a el, pero na novela si se menciona en varias ocasións:
- En primeiro lugar, "A laranxa mecánica" era o título da novela que estaba escribindo o escritor cando foron por primeira vez á súa casa para agredilo. Cando volve Alex só por segunda vez, ve que está xa publicada, e le algún fragmento.
- Cando o Ministro do Interior intenta demostrar que Alex xa está curado, oponse o capellán da prisión, e dille que o que están vendo non é un bo rapaz, é unha persoa sen criterio nin libre albedrío, que xa non ten capacidade de tomar decisións na vida, que perdeu a súa humanidade. Semella unha "laranxa mecánica", contrapoñendo a natureza orgánica da laranxa ao automatismo dos mecanismos. Insinúa que é mellor unha mala persoa que ten o seu propio criterio e que decide ser así por decisión propia, que non unha "boa" persoa cos reflexos condicionados e a liberdade cortada.

Está claro que, que non vira a película (seguramente moito máis doada de conseguir que a novela), recoméndolle completamente vela. E se alguén di que liu que é moi violenta, era moi violenta hai 55 anos, os hábitos nese aspecto cambiaron moitos nas últimas décadas.

Saúdos.



Verán 1993

Onte tiña ganas de ver algo de cine e fun a RTVE Play, a ver que había dispoñible. Nas películas internacionais non atopei ningunha que me chamara demasiado a atención, e nas españolas atopei unha da que oíra falar moi ben, que era esta. Pero máis ben debería dicir que é unha película catalá, aínda que eu a vin dobrada ao castelán, non me pareceu que o audio orixinal lle dera ningún valor engadido (seguro que moitos cataláns non entenderán isto, pero que lle imos facer).

"Verán 1993" é unha película dirixida en 2017
por Carla Simón, na que parece que conta basicamente a súa propia vida. Xa rodou tres películas e a terceira, "Romería", conta a súa vida uns anos máis tarde. Os actores e actrices son na súa maioría non profesionais. Basicamente os máis importantes son Laia Artigas (nena de 6 anos protagonista), Paula Robles (a súa curmá de 3 anos), Bruna Cusí (tía da nena protagonista e nai da súa curmá), e David Verdaguer (parella de Bruna).

Cando ten seis anos, a nai de Frida morre de sida en Barcelona. O seu pai correra a mesma sorte moito antes. Debido a iso, deciden que a nena se vaia a vivir a unha masía cos seus tíos e unha curmá. Os avós e outras tías e familiares van visitalos varias veces ao longo do verán, principalmente en fins de semana, e case sempre sen avisar.

Á nena, que sempre viviu na cidade, cústalle un pouco adaptarse á vida rural, e ademais non conxenia demasiado ben coa súa nova familia, sobre todo coa súa tía, que intenta poñerlle algunhas pautas e normas, o seu tío é algo máis permisivo. Tampouco se pode negar que a nena é algo retorcida, porque na súa relación coa súa nova "irmá" pequena, tamén se lle ven algunhas actitudes algo ambiguas.

Por se non chegara con iso, todo o entorno, ao que pouco se ve, como o médico da zona, ou os amigos da familia, teñen certo coidado no trato á rapaza, porque todos saben a razón da morte da nai de Frida, e naqueles anos aínda non se sabía moito do virus, pero causaba moito medo. Un día que está xogando con outros nenos nun parque faise unha ferida que sangra, e algunha nai amiga vén rapidamente a avisar que ninguén a toque, creando un momento de tensión.

En definitiva, unha película bastante lenta e na que non pasan grandes cousas, pero visible.

Saúdos.


Victor o Victoria

Xa sabedes que lle teño certa lei ao espazo de cine clásico da 2, que proxecta películas "clásicas" os luns pola noite. Se botan alí unha película que non vira ou non coñeza, fíome un pouco e intento velas. Nesta ocasión non puido ser, pero como preveía, ao día seguinte xa estaba en RTVE Play. O título desta soábame dende hai décadas, e tamén me soaba que algún dos personaxes principais xogaba a facerse pasar por unha persoa do outro sexo. O que non sabía era que era unha reivindicación tan potente do mundo LGTBIQ+ (temática que non me interesa especialmente). Pero hai que recoñecer que a historia está ben tramada e que os personaxes, e sobre todo os diálogos, están moi ben. Acabo de enterarme que a versión orixinal desta historia rodouse nos anos 30 na UFA berlinesa. Seguro que a Hitler non lle fixo moita graza.

"Victor o Victoria" foi dirixida en 1982 por Blake Edwards, que tamén era un dos produtores, un dos guionistas e o marido de Julie Andrews, a actriz principal. Está moi ben acompañada por Robert Preston, James Garner, Lesley Ann Warren, Alex Karras, John Rhys-Davies e Peter Arne. É unha comedia musical, se cadra é un dato interesante.

Dende logo, é unha amable comedia de equívocos, ambientada no París de 1934. Todo xurde da amizade entre Victoria Grant, cantante con moi boa voz pero moi mala sorte que se divorciou e perdeu o traballo, e que ten moitas dificultades para saír adiante. Coñece por casualidade a Toddy, un cantante homosexual xa maior, ao que tampouco lle vai demasiado ben. Por unha sucesión de casualidades, a Toddy se lle ocorre que, se Victoria se corta o pelo e canta cun tono máis baixo, podería facerse pasar por un ficticio conde polaco chamado Victor Grazinsky. Proban visitando a un dos principais axentes da cidade e o éxito é abrumador, e aínda máis cando, ao final da actuación, o "conde" quita a peluca e amosa que é un home (vaia, unha muller co pelo curto, pero se cadra o concepto era moi avanzado para a época).

Unha das persoas que foi invitado a esa estrea e percorreu moitos quilómetros foi King Marchand, un empresarario e medio mafioso de Chicago, que queda prendado do espectáculo, que está convencido de que Victor non é un home, e non para ata conseguir descubrilo de verdade. Mira ti por onde, a Victoria el tamén lle gusta, así que xa vedes o lío que se pode armar.

Por se non chegara con iso, a noiva oficial do mafioso, que non entende nada, é enviada de novo a Chicago, e alí quéixase a outro socio mafioso do que está pasando en París. E o escolta de King acaba desvelando que el tamén é homosexual dende hai décadas. Ao final, King e Victoria están xuntos, pero só poden estalo en privado, e en público teñen que finxir que só son coñecidos. E hai outros personaxes secundarios que están intentando descubrir que hai de raro nese personaxe.

Saúdos.



luns, 6 de xullo de 2026

Gala do 50 aniversario da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda

O outro día celebrouse no Teatro Rosalía de Castro a Gala do 50 Aniversario da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, co teatro ateigado de xente. Foi un espectáculo curto, de pouco máis de hora e cuarto.

Foi presentado por Chus Álvarez. Comezou tocando unha peza o gaiteiro Raúl Galego, dedicada á súa filla Carmela, que é unha das cinco persoas que agora forman a presidencia colexiada da entidade. A continuación saíron Carmela Galego e Jesús Castro a glosar algúns dos fitos deses 50 anos de historia. A continuación houbo unha peza audiovisual titulada "21 almas en movemento" e outra de danza contemporánea titulada "Entre redes e espantapeixes", as dúas con Antía Goyene e baseadas en obras de Maruja Mallo.

A segunda parte consistiu no número "Os trintatres reiseñores da porqueira", do dúo humorístico Mofa e Befa. A continuación saíu Eva Veiga e recitar poemas de Rosalía de Castro, Luz Pozo e Luísa Villalta. E rematou cunha breve actuación de Mercedes Peón en solitario.

Saúdos.



Morgana en Esmelle

E uns días máis tarde de "Circe ou o pracer do azul", lin "Morgana en Esmelle", que é aínda máis curtiño. Este foi publicado en 2012, cando a autora tiña 48 anos, cando lle diagnosticaron un cancro que, tristemente, acabou no seu falecemento en 2014. É unha novela totalmente diferente á primeira, pero tamén está moi ben.

Se a primeira novela se baseaba na relación epistolar entre Circe e Penélope, esta ten unha estrutura totalmente diferente. Consta de dezaseis capítulos non moi longos nos que hai diferentes narradores ou fontes de información: Felipe de Amancia (personaxe de Álvaro Cunqueiro en "Merlín e familia"), Merlín, as crónicas de Ávalon ou a propia voz de Morgana.

Os capítulos que teñen como narrador a Felipe de Amancia ou a Merlín lembran moito ao mellor dos Cunqueiros. Esta novela levou moitos premios, sospeito que este trazo literario tivo moito que ver, con longas descricións, unha linguaxe requintada e unha fantasía desbordante.

De novo, reescríbese a lenda do rei Artur dun xeito totalmente novidoso, minimizando e menosprezando o labor dos homes e poñendo en valor o das mulleres. Neste caso, fálase moito de Morgana, a meiga medio irmá de Artur que vive en Ávalon, e a súa tía Viviana, irmá de Igraine, a nai de Morgana e Artur, que tamén vive en Ávalon, que na xuventude estivo moi unida a Merlín, pero que acabaron separándose e odiándose.

Pon o foco en que Merlín manexou todo o entorno para conseguir que Artur fose o rei de todas as tribos celtas, algo que nunca se conseguira. Debido a esa desunión, foran invadidos polos saxóns, aos que Artur conseguiu expulsar de novo. E tamén di que escolleron a Xenebra como a súa muller porque era unha feligresa da nova relixión cristiá, e que iso os uniría a todos.

De fondo tamén estaba a fluída relación entre Artur e Morgana, que eran medio irmás, pero se adoraban, e que acabaron tendo unha relación que deu lugar ao seu fillo Mordred, que acabou provocando a morte de Artur.

Saúdos. 



Circe ou o pracer do azul

Como xa anunciei no artigo anterior deste blog (seguramente o seguinte que leades), ía ler as dúas novelas publicadas por Begoña Caamaño, a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas deste ano 2026. Só escribiu dúas novelas, e non moi longas, así que non semella un esforzo grandioso. A primeira delas foi "Circe ou o pracer do azul", publicada en 2009, cando a autora xa tiña 45 anos, e a primeira que publicou. Gustoume moito.

Esta autora destacou por reescribir os mitos dende un punto de vista feminista, que obviamente non tiñan na súa versión orixinal. Nesta novela reescribe parte da "Odisea" de Homero, dándolle moito máis peso a varias das personaxes femininas, e minimizando e vulgarizando aos heroes masculinos.

Neste caso, Circe, que atrapa a Ulises na súa illa de Eea, como facía con todos os mariños que pasaban cerca dela, namora perdidamente del e comeza un idilio, que fai que retrase aínda máis a súa volta á súa terra, Ítaca, na que espera pacientemente Penélope, muller de Ulises.

Pero a diferenza do mito clásico, Circe escríbelle unha carta a Penélope para darlle conta da relación e saber como afrontar o tema. A Penélope non lle parece mal a idea, porque tampouco é que tivera unha boa relación con Ulises, casou con el, tivo un fillo pero apenas chegou a coñecelo xa que inmediatamente marchou para a guerra de Troia. Agora leva once anos esperando por el, o seu fillo Telémaco xa vai grandiño e xa comeza a reclamar a súa cota de poder (parécese ao seu pai, ao que non coñeceu de momento), e entre os dous teñen que espantar aos numerosos pretendentes que queren facerse co poder de Ítaca e que desexan que Ulises non volva.

Penélope ademais ten que xestionar o feito de ter noticias de Ulises pero non revelar como lle chegan as noticias, a través dun corvo mariño que leva as cartas das dúas protagonistas. Vaise tecendo unha relación de amizade que revela que o heroe non é merecedor dese trato e que aparentemente en Eea hai un home diferente e máis sensible ao que marchou a Troia.

Saúdos.



Sendeirismo en Babia e Luna

Hai uns días Viaxes O Lóstregho estivo no noroeste da provincia de León facendo sendeirismo nas fermosísimas comarcas de Babia e Luna. Certo...