venres, 4 de decembro de 2020

Agosto do 36

Creo que esta é a primeira publicación sobre literatura neste blog recentemente estreado. A cousa vai ben cando atopo tempo para ler. Neste caso proseguín o avance pola Colección 120 da Voz de Galicia, que se publicou en 2002. Dos 120 títulos publicados xa vou polo número 77, non está mal. Este foi "Agosto do 36", do xornalista Xosé Fernández Ferreiro, que faleceu hai un par de anos, creo. Oín falar varias veces desta novela, así que a collín con ganas.

Con ese título, supoño que xa intuiredes de que trata, non hai que ser un lince. Está ambientada nalgún lugar inventado da Galicia rural en agosto de 1936, pouco despois do golpe militar. E reflexa unha historia da que xa teremos escoitado moitos exemplos reais. Neste caso, son un matrimonio de profesores da República que son perseguidos por un veciño fascista que lles fai pagar todas as rencillas que tiñan pendentes dos anos anteriores, por razóns políticas e persoais.

A parella de profesores chámanse Gregorio e Sara. Os dous son moi queridos na súa aldea e contorno, pero obviamente as "forzas vivas" que están contentísimas co golpe militar non están tan contentas con eles, e aproveitan aquelas primeiras semanas ou meses de venganza atroz para facerlles pagar as inxustizas da época. O principal instigador desa venganza é Manuel "O Garabís".

Cando se produce o golpe militar, Gregorio, que sabe que van ir por el, fuxe ao monte, ao ser cazador ten armas e coñece moi ben as montañas cercanas, sabe onde agocharse. Sara queda na súa casa, pensando que ninguén lle fará nada. Pero, para a súa desgraza, por se non chegara con todo o demais, é unha muller moi fermosa, e os golpistas do 36 non destacaron polo seu respecto á muller precisamente. Manuel "O Garabís" é un veciño que nalgún momento intentou mocear con Sara, el di que foron mozos, e ela di que non, que bailaron algunha vez nunha festa, pero nada máis. Pretende vengarse dela por iso, e tamén de Gregorio por conseguir á muller dos seus soños. Como vedes, o caldo de cultivo perfecto para un drama.

No entorno da aldea a cousa non pinta moito mellor. O taberneiro é un vendido aos fascistas, e por iso case ninguén vai xa por alí, así que transmite información, vixila aos veciños, e parece bastante mal tipo. O cura párroco tampouco é de boa lei. E os veciños teñen moito medo, non lles gusta o que ven, pero non se atreven a facer nada, porque os fascistas están moi crecidos e violentos.

Para intentar pillar a Gregorio, un comando fascista liderado por Manuel apresa a Sara, e a levan a unha aldea abandonada que está camiño das montañas, chamada A Touza. Alí a teñen atada a unha árbore e exposta ao sol naquel caluroso verán. Disparan ao aire para que Gregorio se entere, caia na trampa e poidan matalo. Isto dura varios días, e o libro trata basicamente diso. Todos os homes dese comando soñan con poder violar a Sara, antes ou despois, e aínda que parece que vai suceder, ao final non sucede. Ademais, está a tensión de que todos cren que Manuel non lles deixará facelo porque considera que Sara será para el ou para ninguén. De feito, ao final Sara morre sorpresivamente por uns disparos de Manuel. Spoiler total: Gregorio non acaba aparecendo para salvar á súa muller. Morreu a noite anterior a Sara, por uns disparos do comando, que fixeron pola noite cando viron unhas sombras, pensaban que non fora nada serio, pero ao final si o era.

En definitiva, a novela está ben, pero non resulta moi sorpresiva (e a min ese factor sempre me interesa, claro), porque deste tema neste país xa se ten falado moito. Se cadra non o suficiente, pero está bastante manido, aínda que é suficientemente importante para que o sexa máis. E o que falta por ver, que algúns nostálxicos andan por aí de novo.

Saúdos.



Ter e non ter

Esta película non a vin na televisión, senón que está nunha colección de cine clásica que me cederon hai algún tempo, e coa que me deleito de cando en vez. Foi dirixida por Howard Hawks en 1944 e a parella protagonista está formada por Humphrey Bogart e Lauren Bacall. Ela tiña 19 anos, debutaba no cine, e el era moito máis maior, pero de feito casaron ao ano seguinte. 

Polo visto, pretendían con ela facer máis ou menos o mesmo que conseguiran con "Casablanca" un par de anos antes, pero non tivo o mesmo éxito, obviamente. Digo isto porque tamén está Bogart nun paisaxe exótico, intentando pasar de todo e sen implicarse nos grandes conflitos mundiais, indo ao seu, pero ao final, por unhas cousas ou por outras, acaba enleado.

A historia é un tanto curiosa. Está ambientada na Martinica, onde Bogart é patrón dunha embarcación que vive de levar a turistas a pescar, pasear e cousas polo estilo. É o comezo da II Guerra Mundial e incluso nun lugar tan alonxado nótase, porque é colonia francesa, e ese país xa está invadido por Alemania, e alí na Martinica hai unha delegación do goberno de Vichy, colaboracionista con Alemaña.

Bogart ten unha habitación nun hotel cuxo bar e restaurante do baixo está sempre ateigado de xente, e o que leva ese hotel colabora coa resistencia francesa. Pídelle colaboración a Bogart para ir buscar unhas persoas descoñecidas a unha illa para levalas a outro lugar da zona. En principio, el rexeita, pero ao final acepta, pero sen a máis mínima intención de colaborar máis, pero xa intuiredes que o acaba facendo.

E polo medio tamén aparece Lauren Bacall, que non ten apenas cartos, e está pasando dunha illa a outra no Caribe. Acaba namorando a Bogart, a medio hotel, e colaborando tamén na trama dalgún xeito.

Algunhas curiosidades literarias sobre a película son que está baseada nunha novela de Ernest Hemingway que polo visto non era gran cousa. Parece que houbo unha aposta entre productores, directores e guionistas a que eran capaces de coller unha novela mala dun bo novelista, e poñéndolle bos guionistas, actores coñecidos e intentando tirar do éxito de "Casablanca", conseguirían facer unha gran obra. Ao mellor pasáronse un pouco de frenada, pero non lles quedou mal. Por certo, un dos guionistas foi un tal William Faulkner, non sabía eu que tamén se dedicara a isto. Aínda que a verdade é que de Faulkner sei ben pouco, ten moita fama, pero eu só lin unha obra e non me gustou nada.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...