sábado, 14 de maio de 2022

O mercader de Venecia

Seguín explorando a aplicación de RTVE Play na miña nova Smart TV, e despois de moito mergullar, atopei un tesouro que xa tiña esquecido: o bo feixe de obras de teatro que se gravaron durante décadas no mítico programa Estudio 1. Agora creo que xa producen bastante poucas, pero nas primeiras décadas da cadea si fixeron bastantes, por iso moitas delas son en branco e negro.

Vin moitas que semellaban moi interesantes, pero decanteime por unha célebre obra de Shakespeare, da que oíra falar moitas veces, pero que nunca vin en teatro nin en cine, porque hai varias adaptacións dela: "O mercader de Venecia". Nesta gravación de Estudio 1, do ano 1957, o papel teoricamente principal, o do usureiro xudío Shylock, é representado por José Bódalo, gran actor. O resto de actores non me soaban demasiado, agás algunha voz (supoño que de dobraxe) e algún nome, como o de Gemma Cuervo.

Bassanio é un noble empobrecido de Venecia, que lle pide axuda ao seu amigo Antonio para poder optar ao matrimonio de Porcia, unha fermosa muller pretendida por príncipes de moitos países. Antonio si ten cartos, pero neste mesmo intre os ten todos embarcados en diferentes expedicións a moitos países. Debido a iso, pídenlle un préstamo de 3.000 ducados a un avarento xudeo chamado Shylock, que odia aos cristiáns. Este acepta facer o préstamo, convencido de que non van poder devolverllo, e pide que, se non se devolve no prazo sinalado, se lle outorgue unha libra de carne da parte do corpo de Antonio que o propio Shylock escolla. Ou sexa, que non pide devolución con intereses, senón algo máis prosaico. Antonio acepta, convencido de que non chegarán a tal situación.

Mentres sucede todo iso, Jessica, a filla de Shylock, farta do seu pai, escapa da súa casa con Lorenzo, outro nobre veneciano, e refúxianse en casa de Porcia. O pai de Porcia, xa falecido, estableceu que a súa filla casaría co primeiro nobre ou príncipe que fora capaz de acertar cal dos tres cofres que el deixou contén unha foto da súa filla. Os cofres son de ouro, prata e chumbo. Obviamente, todos os príncipes que pasan por alí escollen o de ouro ou o de prata, pero nunca o de chumbo, que é o que escolle Bassanio, conseguindo así a man da súa amada, que tamén o desexaba a el, e non a un príncipe. 

Nese momento cúmprese o prazo dado por Shylock e todos os barcos de Antonio naufragaron, polo que debe cumprirse o pago da libra de carne. Reúnese o xulgado presidido polo Dux de Venecia, e Shylock di que non ten compasión e que debe cumprirse a lei, senón o presitixio de Venecia decaería. O Dux pediulle consello a un lexislador da zona, que non se atopa ben de saúde, e no seu nome envía a un lexislador novo moi competente e o seu axudante, que realmente son Porcia e a súa criada disfrazados de homes. Examinan o caso ante o xulgado e din que Shylock ten razón, e este escolle que a parte do corpo sexa o corazón. Pero o lexislador disfrazado dille que o contrato di que só ten dereito a carne, non a sangue, polo tanto, se derrama unha soa gota de sangue o perderá todo, así é derrotado Shylock no xulgado.

Hai outros detalles menores que non considero necesario revelar aquí. Chamoume a atención que, polo visto, na obra orixinal dase noticia ao final de que varios barcos de Antonio finalmente se salvaron, pero na obra de RTVE rodada hai 65 anos non aparece esa escena final.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...