venres, 16 de xullo de 2021

O último truco

A maxia é unha arte escénica que non me desagrada en absoluto. E Cristopher Nolan é un dos directores de cine actuais que está facendo unha carreira máis interesante, na miña humilde opinión. Se este director fai unha película sobre maxia, o resultado pode ser curioso. E se a película trata da rivalidade entre dous magos e no medio da historia aparece Nikola Tesla, a cousa xa ten moi boa pinta.

O outro día botaban a película na 1 co título de "O último truco" (acabo de traducilo ao galego, obviamente). Pero o tema do título dá moito de sí. Na Wikipedia di que o título en España foi "O truco final" (non hai gran diferenza, pero igual non é) e que en Hispanoamérica foi "O gran truco". Pero resulta que o título orixinal en inglés é "The prestige", ou sexa, algo así como "O prestixio". Pero seguramente estades interpretando mal o seu significado. Segundo explican na primeira escena da película, todo truco de maxia divídese en tres partes: presentación (onde se explica que é o que vai pasar), o truco propiamente dito, e a última parte é o "prestixio", que é onde o mago demostra que todo foi unha ilusión e volvemos á situación inicial. Supoño que de aí vén a palabra "prestidixitador". Por exemplo, presentar un paxaro, facelo desaparecer, o "prestixio" é que o mago o faga aparecer de novo.

A película resulta moi interesante e trepidante, como pasa case sempre con este director. Trata basicamente da feroz rivalidade entre dous magos de finais do século XIX en Inglaterra. Creo que son de ficción, chámanse Borden (Cristian Bale) e Angier (Hugh Jackman). Está de máis dicir que o fan moi ben. Están secundados por secundarios de luxo como Michael Caine, Scarlett Johansson ou David Bowie facendo de Nikola Tesla.

Borden e Angier son inicialmente amigos e colaboradores do mago John Cutter (Michael Caine). Nun determinado momento, hai un accidente provocado pola suposta audacia de Borden, que resulta na morte da colaboradora de Cutter, que casualmente era a muller de Angier, e iso provoca a súa inimizade e feroz rivalidade posterior.

Os dous melloran moitísimo e intentan ofrecer trucos cada vez máis incribles e perigosos. Borden semella levar algo a dianteira. Inventa un perigoso pero efectivo truco chamado "o truco da bala", na que lle disparan pero parece coller a bala no aire. Pero Angier un día boicotea unha das actuacións de Borden, e fai o truco da bala disparándolle de verdade, polo que Borden perde dous dedos da man esquerda.

Pouco despois, Borden presenta outro truco incrible chamado "O home transportado", no que se ve como entra nun armario nunha parte do escenario, e inmediatamente sae por outro armario similar que está na outra esquina do escenario. Angier asiste fascinado ao truco e intenta averiguar como o fai. E pouco despois, el tamén o presenta, pero facendo trampa (igual que o outro, pero non sabe exactamente cal é).

E xa non vou contar máis, porque aínda que a película ten xa 15 anos, creo que aínda non a viu tanta xente, e as películas de Nolan teñen tantas aristas e currunchos, que desvelalos quedaría feo, e vos ides divertir moito máis véndoa. Xa vos digo, nada é o que parece e ides levar moitas sorpresas. Por certo, Tesla aparece porque unha das súas máquinas, teoricamente, pode permitir a teletransportación. Vós veredes se é certo ou non.

Saúdos.

Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...