martes, 8 de decembro de 2020

Spectre

En xeral, as películas de James Bond poden resultarme algo atractivas. Aparte de ser películas de acción normalmente ben rodadas, teñen tramas máis ou menos interesantes. E para completar, normalmente teñen escenarios en diferentes lugares do planeta, cousa que a min sempre me agrada. Un día destes botaban "Spectre", que foi a produción "bondiana" do 2015, dirixida por Sam Mendes, protagonizada nestes tempos por Daniel Craig, que semella ter levantado de novo a saga, despois dalgún tempo algo devaluada. Tamén me agrada porque pode ser unha contrapartida pirotécnica dende Europa ás producións estadounidenses, e iso nunca está mal.

A historia vai máis ou menos na liña habitual, tampouco é para sorprenderse. Uns super malos-malísimos queren dominar o mundo, cunha organización chamada Spectre, que teñen como logotipo un polbo (ese chiste en Galicia seguro que non fixo graza) e esta vez queren facelo incluso infiltrándose no MI6, que agora vai dirixir un tipo novo e bastante escuro, botando ao novo M, a Bond e a todos os demais.

A escena inicial en México DF é bastante flipante, durante o desfile do Día dos Mortos, no Zócalo e avenidas adxancentes. Mentres Bond está cunha fermosa muller na habitación dun hotel, descúlpase un momento, sae á terraza, segue polo teito de varios edificios e ponse a escoitar unha conversa entre mafiosos nun edificio cercano. Cando colle toda a información necesaria, dispáralles e consegue matar a todos os asistentes agás o principal. E por algunha estraña razón, o último dos seus disparos provoca unha explosión que derruba o edificio, caendo cara adiante e tirando tamén o edificio no que se atopaba el. Pero xa intuides que el sae perfectamente do trance. Nese momento atópase co mafioso italiano ao que estaba perseguindo, e vai detrás del durante o desfile do Día dos Mortos. Chegan ao Zócalo, e alí un helicóptero recolle ao mafioso, pero Bond consegue subirse. Dentro do helicóptero hai unha pelexa de Bond contra todos os demais, incluídos os pilotos, polo que está a punto de estrelarse na praza varias veces. Obviamente, Bond mata a todos os demais e acaba pilotando a nave, que el sabe de todo.

Os escenarios internacionais que eu lembro son México DF, Roma, un case nada de Tokio, os Alpes austríacos, Tánxer e o deserto do Sáhara, e por suposto, Londres. En Roma é o enterro do mafioso anterior, onde seduce e salva a vida á súa muller, protagonizada por Mónica Bellucci. Tamén o perseguen polo río, onde perde o seu super-deportivo, despois de asistir e ser recoñecido nunha reunión de Spectre.

De Tokio só se ver unha breve reunión ao máis alto nivel nunha oficina, así que o puideron rodar en calquera sitio. Nos Alpes Austríacos atopa a un dos membros máis importantes da organización, que está a piques de morrer. Pero iso permítelle atopar á súa filla (protagonizada por Lea Seydoux, a principal chica Bond desta película), que tamén ten un papel importante. Dende aí van a Tánxer, a un hotel e habitación onde o seu pai ía con frecuencia. Iso permítelles saber que o lugar que buscan está no deserto do Sáhara. Collen un tren onde están a piques de perder a vida, unha vez máis. E dende unha parada perdida no deserto, un chófer lévaos a un cráter no medio do deserto, onde se atopan as instalacións centrais de Spectre, dirixidas por un tipo que supostamente morrera hai anos nun accidente na neve, e que tivera relación con James Bond na súa accidentada infancia.

Pois nada, que está ben, é amena, pero ás veces xa marea un pouco tanta conspiración, tanto maloso que supostamente estaba morto pero finalmente non o está, que non te podes fiar de nada do que ves, porque se cadra, é o contrario do que pensabas. Pero seguramente verei a próxima que boten.

Saúdos.



Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...