venres, 28 de febreiro de 2025

O Padriño III

Por algunha razón, Francis Ford Coppola nunca quería facer ningunha parte máis desta saga, aínda que o público e a industria o pedían repetidamente. Tragou coa segunda, pero negouse coa terceira, e tardou case vinte anos en aceptar. Obviamente, o reparto xa estaba bastante cambiado, porque o tema daba un xiro considerable.

"O Padriño III" foi dirixida por Francis Ford Coppola en 1990 (as outras eran de 1972 e 1974). En cabeza seguía Al Pacino (a gran estrela da saga, aínda que sempre sae Marlon Brando na promoción), con secundarias como Talia Shire e Diane Keaton. Xa non está Robert Duvall, porque parece que pediu un pastón e non quixeron darllo. Pero aparecen novas estrelas como Andy García, Sofia Coppola (parece que inicialmente ía ser Winona Rider), Eli Wallach ou Joe Mantegna.

Basicamente a cousa vai de que Michael xa vai vello, perdeu forza e poder, e quere legalizar os seus asuntos, e pretende facelo aliándose co Vaticano en negocios inmobiliarios. No Vaticano hai xente á que lle parece ben, pero a outra non tanto. El pretende non meterse en líos, pero os líos veñen a el, e aparece o seu sobriño Vincent, o máis enérxico e que lle recorda máis á súa xuventude, que vai facéndose co poder.

A parte final da cinta é en Sicilia, onde vai debutar na ópera o seu fillo como cantante, opción que el non quería, porque prefería que fora avogado, pero a súa ex-muller conseguir convencelo. Obviamente, na propia Sicilia, saen de novo todos os mecanismos da mafia, e o final é bastante apoteósico, con moitos dos personaxes principais morrendo na última escena, incluído o Papa Xoán Pablo I, que durou pouco tempo vivo (na realidade tamén).

Saúdos.



O Padriño II

No espazo de cine clásico da 2 botaron nos últimos días as tres partes da saga de "O padriño". A semana pasada non vin a primeira parte, porque xa a vira hai poucos meses, cando foi a anterior emisión. Pero esta semana botaron a segunda e a terceira, que eu xa as vira, pero había moito tempo. Ou sexa, italianos e italo-americanos matándose entre sí por razóns nunca moi claras.

"O Padriño II" foi dirixida por Francis Ford Coppola en 1974. Ten un reparto algo ou bastante parecido á primeira parte, aínda que tamén é certo que naquela morre bastante xente, sobre todo ao final. As principais aparicións son as de Robert De Niro, que fai de Vito Corleone xoven que está medrando en Nova Iork. E tamén pode destacar Lee Strasberg, que fai de Hyman Roth, un dos principais amigos e despois rivais de Michael, que está sobre todo asentado en Miami.

O máis peculiar desta parte é que a metraxe se reparte entre dúas historias. Por unha banda, os comezos do século XX, cando Vito chega a Nova Iork sendo neno, comeza a facerse un home, e vendo as inxustizas do xefe da mafia local, decide matalo para ocupar o seu lugar. Robert De Niro está moi convincente nese papel. A outra vía trata de que Michael e a familia están asentados en Nevada, controlan hoteis e casinos nas Vegas, pero está a punto de morrer nun atentado na súa propia casa. Comeza a investigar quen puido ser o traidor, como pasa sempre nestas tramas mafiosas, e acaba cargándose a case todo o mundo e reafirmando o seu poder.

Saúdos.



O sabuxo dos Baskerville (1939)

Haberá que poñer ese título para diferenciar esta película da outra que vin hai pouco baseada neste relato (está un pouco máis abaixo no blog). Si, parece que a historia me está gustando. Xa dixen: o personaxe de Sherlock Holmes gústame moito, a ver se podo ler e ver todo o que poida proximamente. A película non é moi longa, sobre hora e cuarto, está en Youtube, pero recoñezo que tiven que vela de novo uns días máis tarde do primeiro intento, porque a primeira noite que me animei, semella que estaba máis canso do que parecía, e quedei durmido nalgunhas escenas do medio, e despois non entendía o final.

Esta versión de "O sabuxo dos Baskerville" foi dirixida por Sidney Lanfield en 1939. Os dous actores principais foron os que protagonizaron aquela saga da 20th Century Fox nos anos 40: Basil Rathbone como Sherlock Holmes e Nigel Bruce como Doutor Watson. Nesta película tamén ten bastante protagonismo Richard Greene, que fai de Henry Baskerville. E tamén recoñecín a John Carradine, o pai do clan Carradine, que fai do maiordomo dos Baskerville, que ten certa relevancia.

A historia vén sendo a de sempre. A familia Baskerville ten sobre ela unha suposta maldición que vén de hai varios séculos, cando Hugo de Baskerville cometeu unha tropelía e foi devorado por un sabuxo nos pantanos de Devonshire. Acaba de morrer Charles Baskerville, aparentemente do mesmo xeito.

A noticia chega a Sherlock Holmes, e pídenlle axuda para resolver o caso e, de paso, protexer a Henry Baskerville, último da saga, que vén dende Canadá para facerse cargo da herdanza e propiedades. Comezan a pasar cousas raras, como un intento de asasinato e a desaparición de obxectos de Henry no hotel, como unha bota vella.

Chegan á súa mansión nos pantanos, e nótase que o ambiente está bastante enrarecido. Na zona dos pantanos viven algunhas persoas máis, como un preso fuxido da prisión, que morre atacado tamén por un sabuxo, e que levaba roupa de Baskerville (por unha razón que aquí non imos explicar, vede a película). E tamén vive unha familia que ao final ten certo grao de cercanía familiar cos Baskerville.

Notei algúns cambios de certa relevancia entre esta versión e a de 1959, e sospeito que esta é máis fiel ao libro e na outra tomáronse máis liberdades. Non lin o relato, pero creo que pode ser así.

Saúdos.



Xoana de Vega: a muller que desafiou o seu tempo

Acabo de ler este interesante libriño (ten pouco máis de 100 páxinas, e de formato pequeno, podería lerse en pouco máis de 1 hora) sobre a f...