sábado, 24 de abril de 2021
O corpo
Speed
O golpe
Gran Torino
Desta película oín falar moi ben en moitas ocasións nos últimos anos, e o outro día tiven a sorte de que a botaban na 2, sen cortes publicitarios. Da ficha técnica podemos dicir que foi dirixida e protagonizada en 2008 por Clint Eastwood (o resto do elenco é moi pouco coñecido, polo menos para min), que nos últimos anos está facendo moitas películas moi valiosas cunha sensibilidade que non se lle coñecía.
Clint Eastwood encarna a Walt Kowalski, un vello cascarrabias e moi repunante ao que lle acaba de morrer a súa esposa, que era crente moi relixiosa, a diferenza del. Os seus fillos e netos apenas teñen contacto con el, porque é moi desagradable no trato con todo o mundo, e só están intentando quedarse cos seus bens cando chegue a súa morte, que non semella moi lonxana.
Por se non chegara con iso, vive nunha pequena poboación no medio Oeste estadounidense, na que cada vez hai menos brancos e máis asiáticos, e tamén algunha persoa doutras razas, como hispanos ou negros, pero principalmente asiáticos, aos que Walt non soporta, e trata con desprezo. Ou sexa, unha vida moi alegre e un tipo do máis agradable.
Xusto ao seu carón vive unha familia de asiáticos, da etnia "mong". Por un casual, el entra en contacto coa filla da familia, culta e sociable, que non lle importa que Walt se meta con eles. Ten un irmán máis pequeno, chamado Thao, que é moi sensible e que non socializa apenas cos demais, e moito menos con unha banda de asiáticos que merodea polo barrio intentando impoñer as súas andanzas.
Pero eles fíxanse nel e o presionan para que se integre na banda. Moi en contra dos seus intereses, el intenta facelo, suponse que sobre todo por librarse deles. E a banda pídelle que lle roube ao seu veciño Walt un coche fantástico que ten gardado no garaxe, un Ford Gran Torino dos anos 70. Walt traballou nesa fábrica e despreza a un dos seus fillos por vender coches xaponeses.
O rapaz intenta roubar o coche, pero obviamente fracasa, porque ten moi poucas luces, e aínda menos para roubar coches. Walt píllao "in fraganti". Pouco despois, os da banda veñen á casa dos veciños para intentar render contas do roubo frustrado, e Walt defende a todos cunha escopeta.
E aí dá o xiro a película. A familia asiática comeza a apreciar e venerar a Walt (para a súa sorpresa) e, como pago por salvar a Thao, deixan que faga uso dos seus servizos durante varias semanas, nos que fan reparacións nas casas veciñas, e cousas parecidas que reconcilian a todo o barrio.
Pero os da banda non están dispostos e seguen presionando, meténdose con Walt e coa familia asiática, porque eles queren dominar o barrio. O sacerdote do barrio e a familia son conscientes de que a cousa se está quentando e pode acabar moi mal. E efectivamente é así, pero como o final é bastante sorprendente e a película non ten moitos anos, non volo contarei.
Interesante película. Insisto, Eastwood, ao que eu e moitos tiñamos catalogado como dereitoso ou fachoso, estase destacando nos últimos anos por películas ben curiosas como esta ou "Million dollar baby", que chaman bastante a atención polos seus valores e xiros argumentais.
Saúdos.
Érase unha vez en América
Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...
-
Hai unhas semanas atacoume a nostalxia. No espazo de cine clásico da 2 botaron a película "M.A.S.H.", que posteriormente deu lugar...
-
A sección de series deste blog non é que estea moi ben mantida, porque é un formato que non me agrada demasiado, como creo que sabedes. Dáme...
-
Unha das grandes últimas montaxes do teatro español foi "1936", a cargo do Centro Dramático Nacional. Parece que se estreou a fina...