O outro día púxenme a buscar algunha película interesante en Netflix (normalmente non hai demasiadas) e atopei unha de cine histórico que non pega nada co catálogo desa plataforma. O título soábame bastante pero creo que non a vira nunca. Despois do visionado, creo que podo aseguralo. E resultou moi interesante, e aínda o é máis investigar sobre o contexto histórico real no que está ambientada. O "león" do título parece ser o rei Enrique II (que era todo un personaxe) e está ambientada no inverno, concretamente no Nadal, aínda que non me pareceu ver neve en ningures, e seguramente tería lóxica que aparecera, pero vaia, é un detalle irrelevante.
"O león en inverno" foi dirixida en 1968 por un tal Anthony Harvey, do que nunca oíra falar. Os papeis principais do elenco son sete, o resto de personaxes son totalmente secundarios e apenas aparecen. Foron interpretados por Peter O'Toole, Katharine Hepburn, Anthony Hopkins, Timothy Dalton, Nigel Terry, John Castle e Jane Merrow.
O rei de Inglaterra, Enrique II, convoca en Chinon (un castelo francés) no Nadal de 1183 á súa Corte para decidir a cal dos seus fillos lle deixará o trono, porque xa se vai facendo algo maior, ten uns 50 anos. Hai algunha mención ao Rei Lear porque é unha historia tradicional británica, aínda faltaban varios séculos para que Shakespeare escribira unha famosa obra de teatro sobre o tema. Agora ben, como é relativamente doado, podemos indicar perfectamente quen era toda a Corte que estaba convocada, porque a película está baseada nunha obra de teatro de James Goldman (que tamén fixo o guión), e ten toda a pinta de ser unha obra de teatro:
- Enrique II: o ambicioso e enérxico rei, que meteu na cadea á súa ambiciosa e astuta esposa, vive coa súa amante Alois, que é unha das moitas que tivo, e que ten como fillo favorito a Xoán, o pequeno que vive con el e que debe andar polos 18 anos.
- Leonor de Aquitania: a esposa de Enrique II, que leva uns dez anos no cárcere por decisión do seu esposo, e á que só deixan saír en ocasións especiais coma esta. Parece odiar a Enrique pero aínda amalo por momentos, o seu fillo favorito é Ricardo, o maior.
- Ricardo: o maior dos fillos varóns que lle quedan a Enrique II (parece que tivo varios antes, pero xa non viven), foi despois coñecido como Ricardo Corazón de León. Enrique tamén recoñece que é o mellor dotado para ser rei, pero teme moito a súa ambición. Nalgún momento insinúase que puido ser homosexual, pero parece que non hai ningunha evidencia histórica de que fora así.
- Godofredo: despois coñecido como Godofredo II de Bretaña. Como vedes, nin o pai nin a nai se decantan por el, sempre é o esquecido. Na película preséntano como un tipo calculador e moi falso.
- Xoán: despois coñecido como Xoán Sen Terra (este e Ricardo deberían soarvos da historia de Robin Hood, personaxe de ficción). Era ambicioso e quería ser o sucesor do seu pai, pero parece que tiña moi poucas luces, seguramente por iso Enrique o prefería.
- Filipe II de Francia: Foi tamén convidado a esta Corte en Chinon, porque estaba cerca e porque varios dos asuntos lle tocaban moi de cerca. Para comezar, a amante de Enrique II e probablemente futura raíña de Inglaterra era a súa irmá Alois. Por outra banda, nalgún momento insinúase que puido ter unha relación sentimental con Ricardo. Tamén estaba en xogo un tratado cos ingleses polo que estaba en xogo a propiedade dunha vila importante.
- Alois: amante de Enrique II, irmán de Filipe de Francia, e ofrecida como esposa a Ricardo e Xoán se acaban sendo designados como sucesores de Enrique II (aínda que ía seguir sendo a amante de Enrique). Na película está a piques de ser casada con Ricardo, xa están diante do cura e todo.
E despois de todo este lío, e pasar varios días negociando e conspirando todos contra todos, o pai meter na cadea aos fillos, e estar estes a piques de matalo, a cousa remata marchando cada un para a súa casa sen resolver nada. As familias reais están cheas de vagos.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario