mércores, 5 de xaneiro de 2022

Xasón e os argonautas

A mitoloxía gústame, e a grega en particular tamén, e non creo que sexa o único. Este pasado luns, no espazo de cine clásico da 2 botaban "Xasón e os argonautas" e nin o pensei. Pero é unha produción curiosa, cun elenco moi pouco coñecido, e onde sobresaen os efectos visuais da época de Ray Harryhausen, que non foi nin nominado ao Óscar desa categoría.

A película foi dirixida en 1963 por un tal Don Chaffey. O elenco está formando por actores e actrices bastante pouco coñecidos que, por dar unha referencia, ou non teñen ficha propia na Wikipedia (en castelán, refírome), ou destacan por esta película. A única actriz que tivo algo de fama foi Honor Blackman, que nesta película fai de Hera. Os actores que fan de argonautas parecéronme bastante mediocres, os que facían de deuses do Olimpo (só dous ou tres dicían algo) xa parecían algo mellores.

Pois nada, conta con bastante fidelidade (pero non total), a peripecia de Xasón e os argonautas indo á Cólquida na busca do vellocino de ouro. O usurpador rei Pelías non quere que Xasón se converta en rei de Tesalia, e sen identificarse, dille que debe ir á Cólquida na busca do vellocino (que é o pelexo dun carneiro). Así o ten entretido e seguramente non volva, porque queda moi lonxe.

Montan unha grande expedición cos mellores loitadores de Grecia, entre eles o mesmo Hércules. Van pasando por diferentes peripecias, algunhas debido á súa codicia e outras debido a que son as pedras do camiño. Pero acaban chegando á Cólquida, a pesar de que dicían que quedaba moi moi lonxe. Alí son apresados, pero conseguen liberarse coa axuda de Medea, unha sacerdotisa local que namorou de Xasón, quen lle salvou a vida, e conseguen escapar.

Como dicía, unha das cousas máis destacadas da película son os efectos visuais de Ray Harryhausen, feitos coa técnica da "stop motion". As catro escenas principais onde aparecen son:

- O xigante Talos, unha estatua de bronce que esperta cando rouban parte do seu tesouro

- As Arpías, dúas bestidas voadoras que non fan máis que molestar a un cego que lles orienta sobre o camiño que deben seguir, e que son capturadas polos argonautas

- A Hidra que está protexendo ao vellocino, aínda que aquí innovaron un pouco, porque ese monstruo é da historia de Hércules, non da de Xasón.

- A loita cos sete esqueletes que saen dos sete dentes da Hidra.

Non é de Harryhausen, pero para a época tamén debiu estar moi ben a aparición de Tritón, o fillo de Poseidón, que axuda ao barco dos argonautas a pasar por un estreito onde se afundían todos os barcos.

Saúdos.



Oliver Twist

Había tempo que tiña ganas de ler algunha obra de Charles Dickens, a quen lle precede a fama de bo escritor. "Oliver Twist" é unha das súas obras máis famosas, a segunda que escribiu, e sóame que vin algunha das súas adaptacións cinematográficas, das que non lembro case nada, así que seguramente non as vin completas. Aproveitando que a editorial Rinoceronte publicou unha primorosa edición en galego, con tapa dura, formato pequeno e papel fino estilo Biblia, merqueina e pasei unhas interesantes horas léndoa.

A novela está ambientada na época na que se escribiu, comezos do século XIX, principalmente en Londres. Dickens publicouna por entregas nunha revista que el mesmo dirixía, pero ao ver o éxito que tiña, publicouna en varios volumes, incluso algo antes de que remataran as entregas da revista. Por momentos parece ter un tono bastante irónico, e semella que ao autor non lle caían demasiado ben os filósofos experimentais, dos que se mofa en varias ocasións. Debía ser un debate moi vivo na época e lugar, pero agora soa algo raro. Transmite unha idea do Londres victoriano como un lugar bastante inmundo e insalubre, pero onde rapaces bos de natureza como Oliver aínda poden saír adiante, se o intentan.

Oliver Twist nace nunha vila cerca de Londres, e como a súa nai morre ao pouco de nacer el, méteno no hospicio dunha parroquia. De feito, alí póñenlle o nome e o apelido, porque a nai non viviu o suficiente para comunicalos. O rapaz é bo, pero o hospicio, os funcionarios da parroquia e todo o entorno é bastante mezquino, e interpretan como mal comportamento actitudes bastante normais e razonables. Chega a traballar durante pouco tempo nunha funeraria, pero tamén alí o ambiente é moi sórdido, así que un día decide escapar e ir a Londres, que non está demasiado lonxe.

En Londres non coñece a ninguén, pero din que a actividade alí é tanta que se pode saír adiante en múltiples actividades, aínda que pola novela parece que poucas son legais e honorables. Cando está chegando alí, crúzase cun rapaz algo maior que el, chamado Jack Dawkins "o Merlo", que é un ladrón moi reputado. Lévao con el e preséntallo a Fagin, un xudeu que está metido en todo tipo de actividades ilícitas e que manexa a un grupo de rapaces entre os que "o Merlo" destaca.

Xunto a eles está outro mal bicho, chamado Bill Sikes, que fai todo tipo de roubos e atracos. E xunto a eles, están varias rapazas, que parecen dedicarse a roubos e tamén á prostitución. Son Bet e Nancy, esta última é a moza de Sikes, e acaba resultando bastante importante na historia. Un día levan os rapaces a Oliver para que os vexa roubar en directo, a ver se vai collendo práctica. E rouban a un señor que está revisando un libro diante dunha librería. De casualidade, Oliver, aínda que non participa no roubo, é apresado, aínda que acaba sendo liberado, porque se demostra que non roubou nada, e queda baixo a custodia do señor.

O señor e a súa ama de chaves téñeno na súa casa durante varios días, e nela ve un cadro co retrato dunha muller moza que lle lembra a alguén. E os señores da casa tamén se decatan desa coincidencia. Un día pídenlle que vaia facer un recado, un pouco para poñelo a proba, a ver que tal se comporta, e cando sae da casa a facelo, atópano os seus antigos colegas, e volve á marxinalidade, para a súa desgraza.

Nese momento Fagin e Sikes pensan nel para facer un roubo nunha casa de campo, a unha certa distancia de Londres. E pensan nel porque é moi pequeno e é o único que pode meterse por unha fiestra diminuta e abrir as portas ou fiestras dende dentro. El non está informado para nada diso, pero cando se decata da situación, intenta alertar aos da casa que se vai cometer un roubo. Pero chega tarde, porque os da casa xa se decataron, dispararon e déronlle a el.

Os ladróns lévano pero déixano pousado nun prado a pouca distancia da casa. Na casa estase falando do caso ao día seguinte, perseguiron aos ladróns pero fuxiron, pero non atoparon a Oliver. Pero este, en canto se repón, vai andando con dificultades á casa máis cercana, que casualmente é na que intentaron perpetrar o roubo. Alí aténdeno e trátano moi ben en canto descubren que non é máis ca un neno pequeno.

A partir deste punto, a historia vai ben ou máis ou menos ben para Oliver. A primeira familia de boa xente, que o tivera só uns días, non se esqueceu del, porque creron recoñecer ao neno, e estiveron facendo investigacións para localizalo. Por outra banda, Nancy consegue averiguar onde se atopa unha das mulleres da casa na que intentaron roubar, e cóntalle onde vivía Oliver, e a que actividades se dedicaba. Queda con eles uns días máis tarde, para contarlles máis partes da historia. Mentres, esa muller contacta coa primeira familia, e xuntos póñense a urdir un plan para coller a outro delincuente máis, que aparece algo pero non moito na novela, chamado Monks, e que é medio irmán de Oliver. 

Nancy é espiada por un dos novos integrantes da banda de ladróns, que casualmente coñeceu a Oliver antes de vir a Londres, e cóntalle toda a historia aos da banda. Como resultado diso, Sikes mata a Nancy con moita brutalidade. O asasinato estremece á cidade e todo o mundo comeza a perseguilo, e acaban dando con el na cidade, onde intentara esconderse. O resto da banda tamén cae nesa operación. E Oliver vive unha vida feliz a partir dese momento, xa que as dúas familias que o coidaron deciden poñerse a vivir cerca para ser felices no campo. Este tramo final é un pouco lacrimóxeno e de "culebrón", cando se descubre o lío familiar polo que recoñeceron a Oliver.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...