luns, 11 de abril de 2022

Excursión a Madrid 2022


A última vez que fun co meu alumnado de excursión a Madrid foi en 2019. Faltaban 2-3 semanas para facer a de 2020 cando chegou a pandemia. E a verdade, non tiña eu moi claro que se puidera facer esta de 2022 con tanta facilidade como se fixo. Había seguros COVID adicionais que as familias podían contratar por se pasaba algo, tiñamos plans de continxencia por se algún alumno ou profesor collía o virus durante a excursión, e todo iso. Pero ao final pasaron as cousas típicas que pasan nas excursións deste tipo, e todos esquecemos o virus. O único que o lembraba eran as máscaras, pero pouco máis.

O programa da excursión foi o seguinte, bastante similar ao doutros anos:
- 1º día: Desprazamento a Madrid, parando a xantar no Restaurante Sol de Ávila. Instalámonos no Hotel Exe de Xetafe (4 estrelas) e marchamos para Madrid, para ver o musical "O Rei León". Á saída, ceamos na Taberna Kruger e outro autobus lévanos de novo ao hotel, xa de madrugada.
- 2º día: Visita panorámica en autobus por Madrid, cunha guía que se sube no Prado. Facemos o último tramo, dende o Palacio Real ata a Praza de Neptuno, a pé. Xantamos no VIPS da Praza de Neptuno. Despois de xantar visitamos o Museo de Cera. Deixamos tempo libre ao alumnado polo centro de Madrid e voltamos para cear no hotel.
- 3º día: Damos un paseo polo Retiro, despois imos ao Museo do Ferrocarril (na mítica Estación de Delicias do Monopoly), imos para o centro comercial Xanadú, xantamos no McDonald's e despois imos esquiar a Snowzone. Voltamos a cear no hotel.
- 4º día: Pasamos todo o día no Parque Warner.
- 5º día: Voltamos para Coruña parando para visitar Segovia e xantando no Mesón Tapería "El Bokao".

Como sempre, non estivo mal, pero xa me estou facendo vello, e vai sendo hora de ir dando o relevo, ese proceso parece estar xa en marcha. Eramos 3 profesores para 67 alumnos, todos metidos nun super-bus de 71 prazas moi ben conducido.

Saúdos.

M.A.S.H.

Hai unhas semanas atacoume a nostalxia. No espazo de cine clásico da 2 botaron a película "M.A.S.H.", que posteriormente deu lugar a unha mítica serie que botaron durante 10 anos da miña infancia. O que eu lembro é a serie, de feito non sabía nin que existía unha película anterior. A película e a serie só compartiron un actor nun papel secundario, creo. Lembro a serie (e a película é igual ou peor) como moi disparatada, o que non casa nada coa súa temática supostamente militar. Polo visto, pretendía transmitir unha mensaxe antibélica, e penso que o conseguiu. Outras fontes tamén din que as productoras lles deixaron facer estas barbaridades porque estaban máis liadas con producións máis importantes e que descoidaron esta, e que o director estaba borracho con frecuencia, e que os actores, que tamén o estaban pero non tanto, intentaron botalo e ao non conseguilo, máis ou menos dirixiron eles a película.

A película foi dirixida en 1970 por Robert Altman. O reparto é moi coral e os principais actores e actrices foron Donald Sutherland, Elliott Gould, Tom Skerritt, Sally Kellerman e Robert Duvall. Gary Burghoff facendo o papel de "Radar" foi o único vínculo que atopei entre a película e a serie. Por certo, MASH son as siglas en inglés de Hospital Quirúrxico Móbil do Exército. Estaba supostamente ambientado na Guerra de Corea, pero a película fíxose cando estaba tendo lugar a Guerra do Vietnam, e suponse que era unha ácida crítica desta.

A historia non é demasiado complexa. Un hospital militar ubicado cerca da fronte na Guerra de Corea arranxa e cura todo o que pode nesa difícil situación. Suponse que pola moita presión á que están expostos, case todos os que están alí están como cabras. Destacan os tres médicos principais, que ademais de operar todo o que lles pasa por diante con bastante solvencia, collen unhas borracheras terribles, están sempre de broma, e de cando en vez xogan ao golf e incluso fan viaxes para xogar ao golf. Está claro que a disciplina militar con eles non se segue con moito rigor.

Pero hai un par de altos cargos no escalafón que tamén están nese campamento que son moito máis estrictos na súa moral e na súa práctica cristiá. E obviamente chocan cos outros. Unha delas é a xefa de enfermeiras, coñecida como "Beizos Quentes" despois dun desafortunado incidente con outro dos militares da súa corda.

Saúdos.



Dirty Dancing

Pois si, finalmente cheguei a esta película só con 35 anos de retraso. A min non me gusta nada bailar nin ver bailar a outros, así que pensei que non me perdía nada importante para min. Pero alguén me insinuou que ese tema era só o decorado da película, pero que tiña temáticas sociais bastante máis profundas, e iso fíxome animarme a vela.

A película foi dirixida en 1987 por Emile Ardolino e os papeis principais foron para Patrick Swayze, Jennifer Grey, Cynhtia Rhodes e Jerry Orbach. Creo que a maioría dos países mantiveron o título orixinal en inglés, pero como habitualmente, en Hispanoamérica descolgáronse con algunhas traducións curiosas, como "baile quente", "baile suave" ou "baile atrevido".

A película está ambientada nun verán de comezos da década dos 60, parece que no extremo nordeste dos Estados Unidos. Hai un resort de montaña no que vai veranear moita xente, de clase máis ben alta. Moitos dos camareiros e traballadores son estudantes de prestixiosas universidades daquela zona, como Cornell, Columbia, Harvard ou Yale. Estudar nesas universidades privadas é moi caro e hai que conseguir financiación onde sexa, incluso liándose cos fillos e fillas dos ricachóns que van ao resort.

Baby Houseman vai coa súa irmá maior e os seus pais a ese resort, e ao pouco de chegar alí, queda prendada de Johnny Castle, un dos profesores de baile. A súa irmá maior tamén queda prendada de Robbie, un estudante de medicina de Yale, e o pai das rapazas, que é un reputado médico, pensando que o Robbie este é un bo rapaz, está pensando en recomendalo, pero ao final descúbrese que é un pillabán.

Johnny é un dos varios profesores de baile do resort, e a súa vida é aínda máis mísera e precaria que a dos estudantes universitarios, e vai malvivindo a base de dar clases ou ser contratado para exhibicíons de baile en hoteis da zona. A súa parella de baile está embarazada de Robbie e intentan facerlle un aborto en condicións moi pouco fiables. A cousa sae mal e Baby avisa ao seu pai para que lle salve a vida. O pai cre que Baby e Johnny están tonteando, e que o fillo era de Johnny, así que desaproba totalmente a relación. Pero resulta que o fillo era de Robbie, ese "futuro médico" ao que mira con tan bos ollos. Pero claro, o pai de Baby aínda non sabía iso.

Ao final, Johnny tamén é despedido do hotel por ser acusado de roubar unhas carteiras. Pero descúbrese que tiña coartada, porque pasara a noite con Baby, e tamén se sabe que os ladróns eran unha parella de velliños aparentemente inofensivos. Na famosa escena final, Johnny e Baby bailan diante de todo o mundo a canción da película, acláranse todos os malentendidos e todo acaba ben, coma sempre.

Pois iso, gustoume o discurso sobre o clasismo, elitismo e esnobismo da relación entre traballadores e visitantes, recoñezo que non mo esperaba demasiado.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...