domingo, 16 de xuño de 2024

Os xenerais de África

Seguimos avanzando pola Biblioteca Galega 120, a colección de literatura galega que A Voz de Galicia editou no ano 2002, cando se cumprían 120 da súa posta en marcha como xornal diario. Hai uns días lin o volume 107, titulado "Os xenerais de África" e escritor polo poeta e fotógrafo Víctor Vaqueiro, aínda que esta obra está composta por 10 relatos breves.

O autor non escribe mal, aínda que creo que escribiu pouca narrativa. No epílogo confesa que todas as historias teñen algo ou moito que ver con Vigo e que o título que estaba pensado inicialmente era "Vigueses". Pero alguén comentoulle que era unha referencia demasiado obvia, e era mellor cambialo por outro. Se non me engano, os Xenerais de África é unha referencia de relativa importancia nun dos relatos, ambientado na época do golpe de estado do 36, que foi liderado polos Xenerais de África (con Franco á cabeza), pero nada máis. Así que tampouco teño claro que este título sexa moi representativo da obra.

Hai varios baseados no mundo do fútbol, deporte do que debe ser seguidor, e polo visto, do Celta. Hai outros dous, que están bastante separados na obra, que contan un mesmo suceso, un asasinato dunha persoa a outra, dende os dous puntos de vista: curioso. Xa digo, 10 relatos, cada un deles de 8-10 páxinas de media, doados de ler en xeral, agás algunha excepción.

Saúdos.

Monuments Men

Hai anos lin unha interesante novela (pero baseada en historia real) escrita por Robert Edsel que falaba sobre este tema, e agora acabo de ver a película baseada naquel libro. No tramo final da II Guerra Mundial, un grupo de expertos aliados, algúns militares e outros que foron militarizado para a ocasión, principalmente estadounidenses, con apoio dalgún británico e franceses, intentaron salvar a maior cantidade posible de obras de arte europeas que estaban en mans dos nazis, e que corrían moito perigo se estes decidían destruílas ao ser derrotados, como parecía que ía suceder. Non me negaredes que semella un tema moi interesante.

"Monuments Men" foi dirixida en 2014 por George Clooney e o elenco (case todo masculino, claro, por estar tan militarizado) estaba formado por Clooney, Matt Damon, Bill Murray, John Goodman, Jean Dujardin, Bob Balaban, Hugh Bonneville e Cate Blanchett. Nada mal.

Pois iso, en 1943, vendo o rumbo que está tomando a guerra, algún militar estadounidense, preocupado por ese tema que non preocupaba case a ninguén, pide permiso para formar un pequeno grupo de expertos en arte (a maioría non están no exército, pero fannos entrar) que vaia por toda Europa para intentar salvar as obras de arte que aínda non estean en mans dos nazis, e localizar as que estes xa teñen.

Para ser máis operativos, ese grupo de sete homes divídese en varios (normalmente parellas), que van a diferentes países para intentar preservar, sobre todo, obras insignes que aínda non caeron en mans dos nazis. Nalgún caso conségueno pero noutros casos non é así, e incluso algúns deles morren no intento (mira ti que casualidade, case sempre lle pasa aos que non son estadounidenses).

Hai unha muller francesa, Claire Simon, que estivo traballando para altos xerarcas nazis e ten máis ou menos localizadas a maioría das obras que saen de París, pero négase a colaborar co axente estadounidense porque está convencido de que a súa única intención é levarse todo para América. Cando comproba que non é así, pásalle toda a información que ten, que é moita, e iso axuda a localizar moitas das obras antes de que os nazis as destrúan e de que os rusos, que están chegando polo outro lado, se queden tamén co botín como compensación de guerra.

Como curiosidade, parece que os nazis gardaron todo ese tipo de obras en minas e tamén nalgúns castelos, como o famoso castelo de Neuschwanstein (que Walt Disney utilizou como modelo para os seus).

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...