sábado, 7 de outubro de 2023

Contos de medo

Nas últimas semanas estiven lendo o libro "Contos de medo", editado por TrisTram no ano 2005. Ese tipo de obras, que frecuento moito últimamente, resúltanme moi útiles nestas épocas de moito traballo porque podo ler 1 ou 2 relatos cada día, e non importa demasiado se tardo uns días en retomar a lectura, como sucede de cando en vez. Non descartaría que eu mercara este libro varias veces, moi espaciadas no tempo, e que llo prestara a alguén. 

Incluso creo que a editorial TrisTram xa non existe, estivo moi activa en torno ao cambio de século, pero hai tempo que non oio falar dela. Esta editorial lucense parecía estar algo especializada na tradución ao galego de obras e relatos célebres a nivel mundial, como os deste libro. E os encargados desas traducións eran persoas que se dedicaban a outros menesteres, como Jorge e Pepe Coira (con extensa traxectoria no mundo audiovisual), Marta Cuba e Santiago Martínez. Estas catro persoas foron as encargadas das traducións desta agradable obra que acabo de rematar. E acabo de ver na miña biblioteca outros dous volumes da súa colección: "Contos de fantasmas" e "Contos de detectives".

A selección de relatos que hai neste libro é ben interesante:
- "Cabo do morto" de Guy de Maupassant
- "Té verde" de Sheridan Le Fanu
- "A cousa maldita" de Ambrose Bierce
- "A máscara da morte vermella" de Edgar Allan Poe
- "A casa do xuíz" de Bram Stoker
- "O inmortal mortal" de Mary Shelley
- "A muller do soño" de William Wilkie Collins
- "O relato da aparición da Señora Veal" de Daniel Defoe

Como en todo libro de relatos, hai niveis dispares, pero en xeral, a media é bastante boa neste caso. Chamoume a atención o primeiro relato, que fala sobre a morte de Schopenhauer, que debía ser todo un personaxe.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...