mércores, 12 de maio de 2021

Abyss

Eu xuraría que vin esta película cando a estrearon, supoño que no cine. Botábana o outro día na televisión, e aproveitei para vela de novo. Non lembraba case nada, pero deixárame boa lembranza, así, na brétema...

Foi dirixida en 1989 por James Cameron, que xa comezaba a despuntar, aínda que lle faltaban uns poucos anos para facer "Titanic". No elenco destacan Ed Harris, Mary Elisabeth Mastrantonio e Michael Biehn. Hai que ter en conta que o único que triunfou bastante foi Harris. Mastrantonio tivo algo de fama por aqueles anos, pero creo que anda bastante desaparecida dos focos. E Biehn é un secundario solvente, pero creo que pouco máis. Con respecto ao título no mundo hispanofalante, sempre tan orixinal, foron bastante respectuosos. En España mantiveron o orixinal en inglés, mentres que en Hispanoamérica o traduciron textualmente ou o variaron lixeiramente, ata "O secreto do abismo", que tampouco está tan mal, coñecendo a historia.

Un submarino nuclear estadounidense sofre un estraño accidente ao impactar ou cruzarse con algo misterioso, moi luminoso e moi enerxético a moita profundidade. Morre toda a tripulación. A Armada monta unha expedición para intentar salvar todo o que poida, por exemplo os torpedos nucleares. Para iso, póñense en contacto cunha plataforma petrolífera subterránea cercana ao lugar do accidente, que ten instalacións e equipos para axudar na búsqueda a grandes profundidades.

Dende o primeiro momento, como era previsible, hai mala relación entre os traballadores da plataforma petrolífera e os especialistas da Armada. Estes, coa súa paranoia militarista habitual, e non digamos habendo material nuclear polo medio, sempre están tensionados e sospeitan que detrás de cada movemento hai un comunista oculto. Ademais, a alta presión está afectando a algúns dos marines e na superficie hai unha treboada que destrúe parte das instalacións, que caen para o mar e crean algúns desperfectos na plataforma subterránea.

Pero as estrelas son eses "estraños seres" luminosos, que cada vez aparecen con máis frecuencia. Cando se achegan a calquera cousa, cortan a alimentación eléctrica, pero non atacan a ninguén, semellan ter moita curiosidade, pero nada máis. Por diferentes avatares da historia, acábase sabendo que eses "seres" están nunha grande nave no fondo do mar. Ao final incluso salvan a vida do protagonista cando xa se daba por perdida. E incluso esa gran nave sae á superficie e levanta no aire as plataformas submarinas e os barcos que agardaban na superficie. Moitos "magufos" do planeta opinan que esta é unha proba indiscutible de que hai extraterrestres no fondo do mar. Sen comentarios.

Saúdos.



Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...