mércores, 30 de marzo de 2022

Cube

Na miña nova Smart TV tamén se colle Rakuten TV, que é unha plataforma de streaming que ofrece series e películas gratis con publicidade. "Cube" foi a primeira (e ata agora última) película que vin nesa plataforma. Lembro que cada 15 minutos (aproximadamente) botaban máis ou menos 1 minuto de publicidade. Polo menos, sabíase canto ía durar a publicidade, porque dicían dende o principio que anuncios ían ser, e ao comezar cada un informaban da súa duración. Normalmente eran 2-3 anuncios duns 20 segundos cada un. Como curiosidade, direi que cada película poñía unha puntuación (non sei se é dos usuarios de Rakuten), e en xeral raramente chegaba ao 5, pero cando vin que esta andaba polo 7,5, pensei que podía ser mellor opción que as outras.

"Cube" foi dirixida en 1997 por Vincenzo Natali. A pesar do nome italianizado, o director é canadiano, igual que todo o elenco e a produción en  xeral, polo que parece. Non digo os nomes dos actores e actrices porque dubido bastante que sexan coñecidos fóra do Canadá.

Varias persoas aparecen dentro dunha habitación cúbica. Hai unha porta de comunicación en cada unha das seis caras do cubo. Ninguén lembra como chegou alí. Miran a través desas portas, pero acaban descubrindo que as habitacións que se atopan do outro lado son similares ás súas, e algunhas teñen trampas mortais.

Os integrantes da expedición son un policía, un arquitecto, unha médico, un especialista en fuxir de cárceres, unha estudante de Matemáticas e un rapaz autista. Ao principio todos seguen ao fuxitivo, que semella ter ideas moi valiosas para saír do cubo, pero morre rápidamente ao non detectar unha das trampas. Acaban descubrindo que a clave para saber se unha habitación é perigosa son uns números gravados na súa porta, así que a estudiante vólvese esencial para iso. Atópanse co autista máis tarde, rexeitado primeiro pola maioría, pero despois descubren que é un xenio do cálculo, así que xa o aprezan máis.

Van movéndose pola estrutura, e a estudiante descubren que hai un inmenso cubo formado por 26 habitacións desas en cada unha das tres dimensións, ou sexa, 17.576 habitacións. E tamén descubre, pola numeración, que nalgunhas ocasións, hai unha habitación 27 que lles podería sacar da superestrutura. Van pasando cousas, que non vou contar, ata que algúns conseguen saír, pero outros non.

Saúdos.


 

A vida secreta de Úrsula Bas

Hai pouco tiven a oportunidade de ler algo (sería no entroido??) e tocoulle á novela "A vida secreta de Úrsula Bas" da autora Arantza Portabales. Esta autora estase significando como a muller con máis estilo escribindo novela negra en galego. Xa non imos entrar en debates estériles de se as mulleres están máis ou menos capacitadas para escribir novela negra, co prexuízo de que son unhas historias máis ben pragadas de estereotipos machistas que dificilmente sairían da cabeza dunha muller. Creo que non son un gran amante dese xénero, pero lin esta novela e tívome enganchado, paseino moi ben coa súa lectura. A resolución da trama paréceme ben interesante, aínda que obviamente non vos desvelarei nada, sobre todo porque a novela é bastante recente, e o prestixio da autora está crecendo axiña.

Úrsula Bas é unha escritora de certo éxito cunha vida familiar algo anodina, que un determinado día desaparece, cando ía dar unha charla nunha biblioteca. Encárganlle o caso ao inspector Santi Abad, que acaba de reincorporarse á comisaría despois de case dous anos de baixa psicolóxica polo estrés que lle produciu o caso da anterior novela da autora. Alí coincide cun novo xefe, moi diferente ao anterior, e coa compañeira Ana Barroso, coa que tivo unha relación, e o resultado desta é boa parte da culpa desa baixa. O caso semella bastante intrincado e estraño, pasan cousas bastante incomprensibles, ata que comezan a atopar a conexión con outro caso similar que se produciu un par de anos antes.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...