mércores, 20 de xaneiro de 2021

Tempos modernos

Este martes pola noite na 2 botaban "Tempos modernos", película dirixida e protagonizada por Charles Chaplin en 1936 e mundialmente coñecida. Xa a vira hai moitos anos, creo que enteira, pero nunca está de máis repetir. Tamén recoñezo que ía con algo de medo, porque hai unhas semanas nesa mesma franxa horaria botaban unha das películas máis famosas dos Irmáns Marx, e só aturei 20 minutos. Non tiña claro como tería envellecido esta película, polo menos para min. Pero non sucedeu iso en absoluto, goceina case como se fora a primeira vez.

Unhas cantas curiosidades da película é que marca un antes e un despois de Charles Chaplin e sobre todo do personaxe de Charlot. Foi a primeira vez que se escoitou a súa voz, xa que tiña xa algúns efectos sonoros. Pero incluso aí é bastante vangardista, porque o único momento no que se escoita a súa voz, está cantando unha versión dunha canción cómica coñecida da época, pero cambia a letra (aparentemente) e a canta nun idioma inventado que é unha mestura de francés, italiano e inglés. Ademais, é a última película na que aparece o personaxe de Charlot. Seguramente, Chaplin quixo que se asociara ese emblemático personaxe ao cine mudo.

A outra estrela rutilante e deslumbrante da película é Paulette Godard, vinte anos máis nova ca Chaplin, con quen casou ao rematar a película, aínda que o matrimonio só durou 6 anos. Durante ese tempo, farían xuntos algunha película máis, como "O Gran Dictador".

Pois nada, resulta moi agradable ver a película nas súas diferentes escenas, case sempre dominadas polos equívocos. O extenuante traballo na fábrica, que todos asociamos á mesma, que fai que sexa internado nun psiquiátrico. As varias detencións para ir ao cárcere, onde se atopa moi a gusto, unhas por ser considerado un comunista perigoso, outras por facerse pasar por ladrón para que non vaia a súa amada... todo un alegato contras as condicións laborais e o ritmo de vida, que segue vixente case un século despois.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...