xoves, 14 de xaneiro de 2021

Quo vadis

Este Nadal tamén tocou unha película bíblica ou de temática cristiá centrada nos primeiros anos desa fe, a famosísima "Quo Vadis", dirixida por Mervin LeRoy en 1951. Hai unhas cantas estrelas protagonizando, sobre todo Robert Taylor, Deborah Kerr, Peter Ustinov e Leo Genn. E como secundarios, pero case imposibles de localizar e identificar nas imaxes, Elizabeth Taylor, Sofía Loren e Bud Spencer (eu non os vin, lin que estaban).

Basicamente fala dun determinado momento, no que o desnortado emperador romano Nerón decide, entre outras cousas, incendiar a cidade de Roma para inspirarse mellor para compoñer poesía, sen importarlle nada a vida dos seus habitantes. Polo que se ve, era un emperador moi popular entre a plebe, pero en xeral, moitos historiadores falan bastante mal do seu goberno, e semella que era algo tiránico e extravagante, pero suponse que na película o magnifícan bastante.

Nese xusto momento, a "secta" dos cristiáns (porque naquel momento o eran, aínda que non queda bonito discutir que diferenza hai entre unha secta e unha relixión) está collendo pulo, aínda que teñen que seguir ocultos, e en Roma xa comeza a haber bastantes. E alguén lle suxire a idea a Nerón de que culpe aos cristiáns do incendio de Roma.

Algún dos personaxes son xenerais cercanos ao emperador, que se namoran de mulleres que acaban sendo cristiás, e así enterámonos como foron os seus primeiros tempos, aparecen Pablo, Pedro, etc. En definitiva, unha película agradable de ver.

Saúdos.



Os Inmortais

É probable que a vira completa algunha vez no pasado, non o descarto, pero recoñezo que tiña ganas de vela de novo, porque non lembraba apenas nada. E como se cruzou no camiño, alá fomos. Falo de "Os inmortais", película dirixida en 1986 por Russell Mulcahy, protagonizada no papel principal por Christopher Lambert (que apuntaba maneiras nesta película, pero quedou en case nada), e secundado por Sean Connery, e por un tipo chamado Clancy Brown non papel terrorífico.

Xa había algún tempo que non falaba dos, ás veces, disparatados títulos traducidos en España ou Hispanoamérica. Na película fálase de varios personaxes inmortais, que se van atopando e loitando entre eles, polo tanto, a tradución española, sendo totalmente inexacta, reflexa bastante ben a trama da película. O título orixinal é "Highlander", porque o protagonista principal naceu nas Highlands escocesas. Tampouco está mal, pero vaia....

Eu lembro que alguén me falou da película pouco despois da súa estrea por algúns curiosos efectos e cambios de plano que, efectivamente, quedan moi ben. Por poñer un exemplo, nun determinado momento, ao rematar unha escena en interiores, vemos o interior dunha peceira. A cámara vai subindo lentamente, e cando chega á superficie, na parte superior, de súpeto, o que aparece a seguinte escena, que ten lugar á beira dun lago escocés.

Outra cousa que me chama a atención desta película era o alto que apuntaba o actor Christopher Lambert, pero ao final quedou en nada. Pero vendo a película, máis ou menos podo explicarmo. Non era moi expresivo, coido que pretendía vivir da súa suposta beleza, e ao final, a película é case de pelexas ou espadachíns. 

Porque a trama redúcese a que hai unha serie de personaxes que son inmortais, que foron nacendo en diferentes lugares e épocas, e co transcurso do tempo, como non morren, vanse atopando e enfrontando entre sí. Porque a un inmortal só pode matalo outro inmortal cortándolle a cabeza, e ao final dos tempos só pode quedar un inmortal, que precisamente por esa razón se converterá en mortal. Ao final, coas tonterías, na película só se se ven 4 inmortais, os tres protagonizados polos actores antes mencionados, e outro que aparece no tramo final pero que morre ben axiña.

Ou sexa, que a historia prometía, e ten momentos moi bos, pero noutros é bastante máis frouxiña, e cae en ramplonerías. E Lambert, na súa carreira, fixo moitas películas que ían nesta liña, dando poucos rexistros actorais. Agora parece que non estaba tan dotado para o tema, semella. Ah, si, e a banda sonora de Queen sempre axuda algo, claro.

Saúdos.



Río Roxo

Neste Nadal no que vin tanto cine, caeu outro western con título de río. Neste caso, trátase de "Río Roxo", un dos tres westerns que dirixiu Howard Hawks cuxo título fai referencia a un río. Hai pouco tempo vin "Río Lobo", e a outra é "Río Bravo", que seguro que a vin algunha vez, pero agora mesmo non caio. Esta é de 1948, e os papeis principais son para John Wayne e Montgomery Clift, secundados por Walter Brennan, que levou tres Óscars como actor de reparto.

A historia non está mal, sobre todo polo contraste de personaxes. Refírome a que John Wayne volve facer de personaxe inflexible e autoritario, neste caso gandeiro. E Montgomery Clift, que debutou no cine nesta película, tiña menos de 30 anos, se come con patacas ao veterano Wayne, sobre todo porque a súa personaxe resulta máis rica en matices, e a súa expresividade facial é moito maior.

A trama consiste basicamente en que, nun determinado momento a mediados do século XIX, uns gandeiros chegan ao que agora é Texas e establécense coas súas vacas nun determinado lugar, sen pararse a pensar se esa terra xa tiña ou non propietarios, aínda que me parece moi ben, o espazo era moito e tiña sentido. Pero claro, ao facelo, eses gandeiros se autoproclamaban propietarios dunha terra que pisaban por primeira vez. É un espírito moi estadounidense.

Pasan varias décadas, hai crise, están arruinados (non sei exactamente por que razón, pero polo visto, o están), e só vén a posible saída de marchar cara a Missouri cun bo feixe de cabezas de gando, porque alí hai grandes feiras onde van poder gañar cartos coa venta e recuperarse económicamente. O reto consiste entón é levar unhas 10.000 vacas dende Texas ata Missouri, que son unhas 1.000 millas de distancia (uns 1.600 kilómetros), con todos os perigos que iso conleva, indios, estampidas, climatoloxía, etc.

Esa é a idea inicial, pero segundo avanzan, van pasando cousas, e o caracter inflexible do personaxe protagonizado por John Wayne vaise facendo inimigos entre os gandeiros que o acompañan. E un deles, que é como o segundo de a bordo, e é moitísimo máis querido e respectadoa, é o personaxe protagonizado por Montgomery Clift. E nun determinado momento, este, de forma xusta, vese obrigado a deixar atado ao outro nun determinado lugar, para desviar a caravana e ir a outra feira diferente, a Abilene, no estado de Kansas.

Acaban chegando con ben alí e facendo un gran negocio. Mentres, o outro reclutou un pequeno conxunto de homes para vingarse, que acaban chegando tamén a Abilene poucas horas despois que os outros. E pelexan, pero é puro artificio, porque fan as paces axiña.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...