domingo, 31 de outubro de 2021

Un monstruo vén a verme

Onte pola noite botaban esta película (o título orixinal sería algo así como "Un monstruo chama"), e como tivo certa fama hai uns anos, decidín vela. Soábame que era en parte produción española (tamén británica e estadounidense), pero sería máis ben na parte de produción e técnica, na actoraxe non se veía nada, e semellaba rodada en Inglaterra.

A película foi dirixida en 2016 polo español Juan Antonio Bayona, director que xa leva anos facendo coproducións internacionais de moito éxito, como "O imposible". Nesta película os papeis principais son para Lewis MacDougall (o neno), Felicity Jones (a nai), Sigourney Weaver (a avoa) e Toby Kebbell (o pai). Na cinta orixinal tamén aparece a voz de Liam Neeson como a do monstruo, pero como a vin dobrada, tampouco é un dato relevante.

Connor, un neno de 12 anos, xa ten que facer de home da casa, debido á que a súa nai está enferma de cancro, e o seu pai vive en Os Ánxeles, xa que se separaron. Por se non chegara con iso, sufre de acoso escolar polos típicos matóns de colexio, e a súa avoa, que vén de cando en vez a botar unha man na casa, é moi estricta e non se leva nada ben con ela. Así que o panorama pinta feo.

Unha determinada noite, ás 12.07 horas, un xigantesto e milenario teixo que acompaña a unha capela e un cemiterio que coroa unha colina xunta a vila na que vive, e que se ve dende a súa casa, cobra vida e vén falar con el. A súa forma é monstruosa, non se pode negar, pero achégase a el con cariño e respecto prometendo axudalo nos seus problemas. Para Connor, nese momento, aínda que ten problemas variados, o máis importante sería que a súa nai curara do cancro.

O teixo di que vai vir todas as noites a falar con el, que lle vai contar tres historias que lle van servir para afrontar problemas da vida, e que a cambio, Connor deberá contarlle ao teixo unha historia que lle interesa moito, pero da que non sabe o final. Connor aínda non sabe cal é, pero finalmente sábese que é un pesadelo recorrente que ten polas noites, no que se cae a igrexa da colina, tamén o cemiterio se afunde, e el queda no precipicio sostendo a man da súa nai, que finalmente acaba caendo ao abismo.

O acoso escolar segue no colexio, aínda que un día decide vengarse, e sacando forzas de non se sabe onde, dálle unha paliza ao seu principal acosador. A directora do colexio di que debería expulsalo, pero finalmente sente lástima e non o fai.

Coa súa nai están probando novos fármacos e doses, para ver se dan con unha que funcione, pero non o conseguen, está ingresada no hospital, e está cada vez peor. O seu pai vén de cando en vez de visita, pero non se compromete a levalo a Estados Unidos, porque di que alí tampouco viven tan ben nin teñen moito sitio. A relación coa súa avoa vaise tranquilizando, porque asumen que xa pronto terán que vivir xuntos.

Finalmente chega o momento de que Connor lle conte ao teixo o final da historia, na que recoñece que, no seu pesadelo, deixaba solta a man da nai para que caera ao abismo, porque xa estaba moi canso de soportar esa carga e quería que rematara ese sufrimento. Vai coa súa avoa ao hospital e despídese da nai, que morre exactamente ás 12.07 horas, con el chorando nos seus brazos dicindo que non quería que se fose.

Nas últimas esceas intúese que o teixo podía ser algo así como a alma da nai (calquera sabe como interpretar esas metáforas visuais). Ao rapaz gustáballe moito debuxar e á súa nai tamén. En casa conservaban unhas gravacións de cando Connor era pequeno, e nela se lles veía facendo xuntos un debuxo dun monstruo moi similar ao que se ve na película, pero o fío desa creación lévao a nai. E cando xa morre, a avoa prepáralle a Connor unha habitación moi chula na bufarda da casa, e cando entra por primeira vez, Connor ve un libro de debuxos da nai que remata cun no que se ve a unha neniña subida nun teixo que se parece moito ao monstuo da película.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...