venres, 29 de marzo de 2024

O home que puido reinar

Hai moitos anos vin esta película e paseino moi ben, pero un destes últimos luns tamén a botaban no espazo de cine clásico da 2, e non puiden resistirme. É unha película de aventuras clásica que non aburre en ningún momento.

Foi dirixida en 1975 por John Huston, e os principais papeis do elenco foron para Sean Connery, Michael Caine, Christopher Plummer e Saeed Jaffrey, que non tivo relevancia na historia do cine pero si tivo algunha nesta película. A historia está baseada nun relato breve de Rudyard Kipling, que tamén aparece como un dos protagonistas da mesma, ao comezo e ao final.

A historia é ben entretida. A finais do século XIX, dous militares ingleses, aburridos da vida na colonia, deciden propoñerse o reto de subir ao lendario reino de Kafiristán (no Himalaya, unha rexión ao norte de Afganistán), para facerse reis daquel lugar e posuír as súas riquezas, se é que as hai. Soa absurdo, pero o caso é que o conseguen. Mentres están pensando nese plan, coñecen casualmente a Rudyard Kipling, masón, quen lles agasalla cun colgante que leva o símbolo dos masóns, e que resultará moi relevante.

Cóstalles moito chegar ata Kafiristán, que está no Himalaya, pero conségueno, e unha vez alí, na primeira vila contactar cun "gurka" nepalí, que lles fai de intérprete naquel reino. Dende o comezo, van conseguindo pequenas victorias nas liortas entre unhas vilas e outras, e aos poucos, ganan moito prestixio na rexión.

Nun determinado intre, en que se ven nun apuro, os autóctonos ven o colgante masón no peito dun deles (Daniel Dravot), e iso lémbralles que un importante personaxe que pasara por alí séculos atrás (máis ben milenios) deixara iconos similares. Ese personaxe era Sikander, coñecido entre nós como Alexandre Magno. Existía a lenda de que moito tempo despois do seu paso, viría o seu fillo, e todos cren que Daniel é o fillo do macedonio.

A súa sorte cambia complemente e el é considerado rei daquel territorio, como pretendían. O seu compañeiro Pechy Carnahan pasa a ser o xefe do exército, e os dous son venerados. Os locais ensínanlle tamén o tremendo tesouro que deixou Alexandre, e xa comezan a facer plans para marchar en primavera con todas aquelas riquezas.

Pero Daniel xa está convencido de ser descendente de Alexandre Magno e prefire quedar. Pechy acepta retrasar un día a súa marcha para quedar á voda de Daniel con Roxana, unha fermosa muller local. Pero na cerimonia, a noiva morde a Daniel na cara, e este comeza a sangrar. Deste xeito, os autóctonos descubren que non era ningún Deus, como pensaban, e vénganse.

Matan ao intérprete "gurka", tamén a Daniel (destruíndo unha ponte colgante moi útil para o pobo), e encadean a Pechy, aínda que o deixan fuxir algo máis tarde, moi ferido. Este volve á sede do xornal que dirixe Rudyard Kipling, para contarlle como rematou a historia.

Saúdos.



Inaugurar o tempo da xustiza (Celebrando a Luísa Villalta)

Neste ano 2024 o Día das Letras Galegas homenaxeará á poeta coruñesa Luísa Villalta, que morreu inesperadamente no ano 2004, cando tiña só 47 anos. A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda foi unha das entidades que promoveu esa candidatura, así que se volcará este ano nesta celebración, pero semella que non vai ser a única. A comezos de marzo xa se celebrou a primeira homenaxe no Teatro Rosalía, organizada pola Federación Galiza Cultura.

O acto comezou cun discurso de Xosé Manuel Carril, presidente desa Federación. No medio do acto falou Pilar García Negro, e rematou Xurxo Souto, falando da relación entre a poesía e a música, tema ao que Luísa (que era violinista) dedicou algún libro completo. Comezo falando destas intervencións máis puntuais do acto, porque o resto foron algo máis extensas.

A segunda parte do acto consistiu nun recital poético con poemas de Luísa Villalta, a cargo de Marica Campo, Xulio López Valcárcel, Cesáreo Sánchez Iglesias e Eva Veiga. Durante esta parte foron acompañados pola música do violinista Florian Vlashi. A cuarta parte consistíu na lectura de varios fragmentos da obra teatral "Concerto para un home só", a cargo do actor Miguel Pernas.

A quinta parte consistíu nun breve concerto do Grupo Instrumental Siglo XX, formado por Florian Vlashi (violín), Luigi Mazzucatto (viola) e Raúl Mirás (violonchelo). Tocaron pezas de Johann Sebastian Bach e de Paulino Pereiro, compositor galego que presentou estas pezas.

Saúdos.



Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...