luns, 18 de xaneiro de 2021

Cabaleiro sen espada

Como xa comprobaríades, estou vendo moito cine na televisión, estou redefinindo a miña relación con ese electrodoméstico do que levaba anos pasando amplamente. E o salto que dei onte nese ámbito xa foi bastante surrealista, pero apunta boas maneiras. Unha das moitas cadeas que se colle na TDT ou no cable de R é Televigo, a cadea local na que de cando en vez sae un alcalde bastante iluminado. Xa me tiña fixado con certa frecuencia que na guía dixital da televisión poñían cine nesa cadea, pero nunca vira unha película aí, só algúns fragmentos. Onte botaban esta película alí, probei, e a verdade é que a experiencia estivo moi ben, emiten en HD, así que de calidade de imaxe non hai maior queixa. E botan sobre todo cine clásico, así que o vou pasar en grande.

Como dicía, onte botaban unha película dirixida en 1939 por Frank Capra, que en España e Arxentina tiveron a ocorrencia (esta vez moi pouco afortundada) de titulala "Cabaleiro sen espada", cando o título orixinal é algo así como "O señor Smith vai a Washington", que tamén semella algo estúpido, pero dende logo é fiel á temática da película.

Jefferson Smith é un inxenuo e iluso xoven dun Estado da América profunda (creo que en ningún momento se menciona cal é exactamente) que, por estraños avatares da vida, é nomeado senador en representación do seu Estado. Non sei se sabedes que no Senado estadounidense hai 2 senadores por cada un dos Estados da Unión, un curioso sistema de representación. O outro senador por ese Estado é protagonizado polo mítico actor Claude Rains. Hai anos, foi moi amigo do pai de Jefferson Smith, e tamén era moi soñador como el, pero o tempo pasa, e agora é un político corrupto totalmente manipulado pola persoa que máis poder ten nese Estado, que é o propietario dos principais xornais.

O outro senador do Estado morre inesperadamente, e o Gobernador, que tamén está comprado polo propietario dos xornais, ten que escoller ao seu sucesor. Os poderes fácticos propóñenlle varios, pero a xente non os acepta, pero se acepta moi ben a Jefferson Smith, un heroe local que lle cae ben a todo o mundo. Os poderes fácticos aceptan porque cren que lles resultará moi doado enmarañar a Smith na maraña burocrática do Senado en Washington.

Pero chegado alí, Smith revélase como totalmente rebelde aos seus intentos de manipulación. E o máis grave é que o seu principal proxecto, un campamento para mozos de todo o país, quere emprazalo no mesmo lugar onde os outros están conspirando para construír unha presa que, obviamente, os fará ricos. E ata aí podían chegar. Sendo así, xa se sacan a careta, e lanzan toda a maquinaria propagandística contra Smith, falsificando documentos que supostamente din que as terras onde quere facer o campamento as conseguira antes a baixo prezo, para poder despois venderllo ao Estado.

En principio, quere renunciar, pero a súa eficiente secretaria, que ao principio o despreciaba por pueblerino, agora o aprecia moito pola súa nobreza, e lle recomenda o que debe facer para revertir a situación. A película remata cunha escena surrealista, xa que hai unha norma no Senado estadounidense segundo a cal, se se dan determinadas circunstancias, un senador pode ter unha intervención da duración que desexe, sempre que estea de pé e non cale en ningún momento. Se o resto de senadores marcharan, tería que aprobarse a proposta do senador. Está cerca de 1 día completo. Vaia disparate. E máis ao final, porque cando cren que se desmaia e vai perder, resulta que o outro senador do seu Estado recoñece en público que todo o que dicía Smith era certo, e que había un proxecto corrupto para enriquecerse coa presa.

Tiña escoitado que nesta época Frank Capra tiña hábito de facer películas con James Stewart de protagonista facendo de homes bos e honrados que representaban ás persoas normais estadounidenses. "Que belo é vivir" pode ser outro exemplo. Pero o desta película xa resulta algo patético de máis. Porque eles venden como que a súa democracia é case perfecta, pero está moi lonxe de ser así, como se demostrou hai pouco. E esta película, que foi moi controvertida no seu momento, como dando a entender que a corrupción estaba moi estendida nas institucións, vai nesa liña.

Pero a min non me saen as contas. Está claro que na política estadounidense hai moita corrupción, como en calquera sitio onde os cartos teñen unha importancia tan central como nesa sociedade. Pero é que a sociedade tamén está podre, fomenta iso mesmo porque ese cancro está moi estendido. Entón venlles moi ben dicir que o "sistema" é corrupto, pero o sistema nace da súa propia sociedade, non o trouxeron os extraterrestres. Así que ese "boísmo" de que hai estadounidenses honrados que non se deixarán corromper polas institucións está moi ben, pero soa bastante falso. Teñen moita merda que limpar, só faltaba que foran dando leccións de algo...

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...