martes, 30 de decembro de 2025

Juanita La Larga

Estoume aficionando a isto de ver series históricas españolas que están en RTVE Play. Casualmente en Youtube acabo de atopar unha "película" que condensa toda ou a maior parte da serie, que dura pouco máis, porque só son tres capítulos de algo menos dunha hora, pero a verdade é que non sei como farían. Como xa dixen aquí máis veces, están baseadas en grandes novelas, neste caso do literato Juan Valera, do que oín falar pero nunca lin nada. Esta obra é a segunda máis coñecida, despois de "Pepita Jiménez".

"Juanita La Larga" foi dirixida en 1982 por un tal Eugenio Martín. O elenco estivo formado por Violeta Cela, Conrado San Martín, Mercedes Sampietro, Manuel Zarzo, Queta Claver, Manuel Alexandre, Imanol Arias, Miguel Rellán e Walter Vidarte. A min sóame menos esta miniserie que outras que vin nestes días, só fixeron tres capítulos e o elenco paréceme algo menos estelar (analizándoo 40 anos despois) que outras producións, do cal deduzo que nesta serie puxeron menos medios que noutras.

A serie está ambientada a finais do século XIX nunha vila cordobesa chamada Villalegre, pero foi rodada principalmente en Cabra e Juan Valera casualmente naceu alí mesmo, así que se cadra non é tanta casualidade. Basicamente conta a hipócrita vida da conservadora sociedade daquel lugar e época con respecto aos amores entre persoas, familias, estratos sociais e todo iso.

Juana La Larga e a súa filla Juanita son famosas na vila por traballadoras e facendosas, pero tamén por ser moi independentes e non deixarse manexar por ninguén. Ademais Juanita é a moza máis lozana e desexada do lugar, pero para todos os homes, independentemente do seu estatus social.

O malo é que o home que máis se encariña con ela é Don Paco, o secretario do Concello, que xa ten máis de 50 anos e está viudo, cando ela só ten 17. Polos costumes da época, podería ser o seu avó sen demasiado problema. Pero tan encariñado está, que elas fanlle a el un regalo dunha luxosa levita, e el a Juanita dun vistoso vestido. E dálles por lucilos nas festas da vila.

E mira ti por onde, que unha das forzas vivas máis poderosas da vila é Dona Inés, a beata filla de Don Paco, que ten sete fillos cun gandul chamado Don Álvaro, que está de xolda continuamente e perseguindo a outras mulleres, pero isto non lle parece mal a ninguén. Pola contra, Inés está moi cabreada con ese capricho de seu pai, e ten como aliado ao cura, que nas misas das festas lanza afiados dardos dende o púlpito, que todo o mundo entende perfectamente.

As cousas tranquilízanse e Juanita comeza a traballar case como secretaria de Dona Inés. Don Paco observa como Don Andrés, o cacique da vila, tamén está namorado de Juanita, e decide marchar unha noite de alí, sen avisar a ninguén. Todos entran en pánico pensando que lle pasaría algo, pero está varios días fóra, incluso resolve un secuestro, e volve á vila de novo, aínda que xa moi cambiado na súa forma de pensar.

Finalmente se desencadean os acontecementos e Don Paco e Juanita acaban casando co total beneplácito de Dona Inés, que xa cambiou totalmente de opinión con respecto a este tema, e por suposto, a sociedade local o acepta, demostrando claramente a súa hipocresía.

Saúdos.



Ninotchka

O outro día vin unha película de Ernst Lubitsch que, estando ben (con ese director é imposible equivocarse), non chega ao nivel doutras que coñecía, entroume a nostalxia de ver algunha das súas películas que xa coñecía e que me fascinaron no seu momento. A principal era "Ninotchka" e fixen unha búsqueda un pouco máis intensa en Youtube, e conseguín atopala dobrada ao castelán.

"Ninotchka" foi dirixida por Ernst Lubitsch en 1939, pero esta vez o guión non foi de Samson Raphaelson (fixo o guión de nove películas deste director, pero esta non era unha delas), foi dun equipo de catro persoas entre as que estaba Billy Wilder. Os papeis principais foron para Greta Garbo e Melvyn Douglas, que estiveron moi ben secundados por actores e actrices como  Ina Claire, Sig Ruman, Felix Bressart, Alexander Granach e Béla Lugosi, que aparece só nunha escea breve ao final. É unha comedia bastante simpática.

Tres enviados da Unión Soviética están de misión comercial en París para intentar vender as xoias dunha duquesa rusa. Casualmente esa duquesa rusa vive en París e está amigada cun conde. Por casualidade, un aliado da duquesa traballa de camareiro no luxoso hotel no que se hospedan eses tres enviados, e entérase de que as xoias da duquesa están alí e vai inmediatamente a avisala. O conde escoita a conversa e vai inmediatamente ao hotel para intentar negociar ou, polo menos, dificultar a venta das xoias.

En Moscú reciben noticias de que os avances dos tres enviados son moi poucos (ademais, o conde conseguiu convencelos axiña das bondades do sistema capitalista), e mandan a unha nova persoa para resolver a xestión, dela teñen moitas menos dúbidas da súa fiabilidade ideolóxica. Quen chega é Nina Ivanovna Yakushova (Ninotchka), rigorosa e convencida comunista que axiña detecta a febleza ideolóxica dos camaradas.

O conde coñece casualmente a Ninotchka e comeza a flirtear con ela, e case inmediatamente namóranse. En calquera caso, Ninotchka pretende seguir coa xestión como se nada, pero cada vez vai caendo nas redes do conde e resúltalle máis difícil resolver o caso. A condesa, moi avispada, consegue tenderlle unha trampa para que volva a Moscú sen resolver o tema.

Esquécense do tema, e os tres enviados pouco dilixentes son enviados a Estambul para propósitos parecidos, co resultado habitual no seu caso. De novo reciben queixas en Moscú da pouca fiabilidade deses tres enviados, e piden que manden a alguén máis dilixente. O encargado do tema pídelle a Ninotchka que se encargue, e ela rexeita e prefire non ir, pero son ordes do partido, e non lle queda máis remedio que aceptar. Cando chega alí, descubre que era unha "trampa" do conde, que está alí esperándoa.

Saúdos.



Tehanu (Historias de Terramar IV)

Seguimos lendo esta saga de literatura de fantasía neste Nadal. Esta é a cuarta parte da saga de Terramar, e parece que no seu día se subtitulou "a última historia de Terramar", pero non foi certo. A autora Úrsula K. Le Guin escribiuna xa en 1990, vinte anos despois das tres primeiras, seguramente coa intención de rematala. Pero se a les, claramente vese que non vai ser a última, e que aínda vai pasar algo máis "despois", porque un dos personaxes principais que se presenta nesta novela, pega un fogonazo nas últimas páxinas dando a entender que vai ser importante nas seguintes partes (das que xa falarei dentro duns días, porque comezo agora mesmo a súa lectura).

Nesta parte non pasan demasiadas cousas. O principal é que Tenar, xa asentada e vivindo na illa de Gont despois das peripecias que viviu con Ged na segunda parte, casou e tivo varios fillos. De feito, o seu marido xa morreu hai varios anos e os seus fillos xa se independizaron e andan ao seu. Cerca da súa casa sucede un feito terrible: un grupo de moinantes que andaba por alí (ese fenómeno é cada vez máis común nas illas, os moinantes e vagamundos) formado por unha muller e dous homes, intenta matar queimándoa nunha fogueira a unha nena. Pero algúns veciños conseguen salvala no último momento. Quédanlle unhas terribles secuelas e ten o brazo dereito queimado, perdeu case todos os dedos e o mesmo lle pasa coa parte dereita da cara, perdeu a visión dese ollo. Esta neniña chámase Therru e é adoptada por Tenar.

Chégalles o aviso de que Ogion, o mago silandeiro que lle ensinou a ela, e moito antes a Ged, está morrendo. Van visitalo e efectivamente, está nas últimas, e morre ao días seguinte, pero antes diso, xa avisa de que Therru será importante no futuro. Tenar e Therru quedan unha tempada na casa de Ogion, coidando a propiedade, pero algúns moinantes que estaban na illa chegan tamén ata alí, e están rondando a casa de Ogion e o pazo de Re Albi, onde están pasando cousas un pouco raras.

Por se non chegara con iso, chega un barco de Havnor con servidores do novo rei Lebannen (o Arren da terceira parte), porque están buscando en Gont ao novo Arquimago. Cren que Ged está por alí, pero nin sequera teñen claro se el é a persoa que buscan. Incluso insinúan se será unha "muller de Gont", pero ninguén sabe a quen se poden referir.

Tenar e Therru vense ameazadas e deciden escapar cara ao porto de Gont, onde está o barco do rei, e están a piques de ser pilladas polos moinantes, pero finalmente intervén o mesmo rei e salva a situación, e lévaas de novo á súa casa no val. Cando están alí, os moinantes intentan atacar de novo a súa casa para recuperar a nena, pero aparece Ged por sorpresa, e consegue neutralizar o ataque.

Suben de novo á montaña porque lles din que Carriza, unha estraña bruxa que era veciña de Ogion, estaba a piques de morrer, pero non era certo, só lle botaran un meigallo. Botoullo un mago bastante malvado que tiña enmeigado o pazo de Re Albi, e cando xa parecía que Tenar, Ged e Therru ían morrer despeñados nun cantil, aparece Kalessin, o primeiro dos dragóns, que foi chamado por Therru, que así demostra que ten uns poderes que ninguén coñecía. A partires deste momento recibe o nome de Tehanu, o nome dunha importante estrela.

Saúdos.



Xoana de Vega: a muller que desafiou o seu tempo

Acabo de ler este interesante libriño (ten pouco máis de 100 páxinas, e de formato pequeno, podería lerse en pouco máis de 1 hora) sobre a f...