domingo, 29 de decembro de 2024

Que fermoso é vivir!

Un Nadal máis botaron esta fermosa película no espazo de cine clásico da 2. Había moitos anos que non a veía, e como me soaba que o guión é fantástico (como así é), disfrutamos dela unha vez máis. Creía lembrar que a escena do intento de suicidio era ao comezo, e despois viña o gran flashback que o explicaba, pero non, é ao revés. Tamén me chamou a atención que, na parte final, na que se insinúa como sería o pobo se George Bailey non tivera vivido, a súa muller sería unha solteirona e bibliotecaria, dando exemplo do prestixio social desa nobre profesión. Por certo, o título orixinal era "É unha vida marabillosa".

"Que fermoso é vivir" foi dirixida por Frank Capra en 1946. O principal do elenco (hai moitos secundarios) está formado por James Stewart, Donna Reed, Lionel Barrymore, Thomas Mitchell e Henry Travers. Polo visto, foi un fracaso comercial, polo menos ao comezo, pero foi ganando moito prestixio co paso dos anos. Estivo nominado a varios Oscars, pero só ganou un por cuestións técnicas.

A película conta a vida de George Bailey. Un rapaz e home exemplar, que ten aspiracións, e que ten plans para abandonar a súa vila de Bedford Falls, pero que, unha vez tras outra, ten que descartar para seguir na vila participando ou levando a modesta empresa que fundara o seu pai, que non é moi potente pero é esencial para a comunidade (concepto ao que nos Estados Unidos prestan moita atención, aínda que despois son moi individualistas). Pero son a única competencia para o banqueiro Potter, despiadado e déspota, que pretende facerse con toda a vila.

Vense escenas ambientadas na súa infancia e adolescencia, nas que lle pasan cousas que despois serán esenciais na súa vida. Nun determinado momento, por un despiste do seu tío, perden un sobre con moitos cartos que provoca a ruina da empresa, e iso sucede na noite de Nadal. Totalmente desesperado, pensa en suicidarse tirándose dunha ponte ao río, pero nese momento entra en xogo Clarence, o seu anxo da garda, un anxo de segunda clase que estaba agardando por unha misión como esta para gañar as súas ás. Amósalle como sería a vila se el non tivera nacido, e aí decátase que era esencial na vila da vida, e volve á casa, onde descubre que os habitantes fixeran unha grande colecta que cubría sobradamente a pérdida do sobre cos cartos.

Saúdos.



Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...