luns, 15 de febreiro de 2021

Sodoma e Gomorra

Recoñezo que as películas bíblicas non me desagradan. Normalmente son superproducións, hai bos actores e actrices, e as historias son bastante curiosas. Xa non me vou meter na relixiosidade de cada un, pero habitualmente son películas agradables de ver, por múltiples razóns.

Hai pouco botaban "Sodoma e Gomorra", unha película dirixida en 1962 por Robert Aldrich, cuxo nome me soa moito pero ao que non ubico demasiado. Das súas películas semella que unha das máis famosas é "Doce do patíbulo", película bélica que creo que non vin. A principal estrela da película é Stewart Granger que fai de Lot, o patriarca bíblico boísimo que guía a un grupo de hebreos polas cercanías de Sodoma e Gomorra pero consegue que non caian nos seus vicios.

Ten a mítica escea final na que os hebreos deciden marchar desas dúas cidades veciñas e viciosas, coa promesa de non mirar cara atrás, porque quen o faga se converterá en estatua de sal. Unha das cousas que máis me chamou a atención foi que fixeron unha obra máis ou menos oculta, un encoro, co que conseguiron converter en fértiles terras totalmente ermos. E tiveron que destruilo nunha batalla contra outra tribo.

Saúdos.



Frecha rota

Coido que vin esta película hai moito tempo e deixoume un recordo moi bo, así que, unha vez máis, aproveitei para vela de novo en canto tiven ocasión. Foi dirixida en 1950 por Delmer Daves, un director ao que se cadra habería que facerlle máis xustiza, porque parecía moi eficiente, con outras películas como "A árbore do aforcado", que tamén está moi ben. Os protagonistas principais da película foron James Stewart e Jeff Chandler facendo de Cochise. Polo visto, este actor era unha superfigura nos anos 50, pero morreu a comezos dos anos 60 debido a unha serie de doenzas aparentemente sinxelas que se complicaron.

O máis importante é entender que, antes desta película, a imaxe que se transmitía dos indios nas películas do Oeste americano era de salvaxes inhumanos que impedían de forma caprichosa o avance dos boísimos brancos. Porén, nesta vese que moitos xefes indios, como Cochise, son persoas razonables e cultas coas que se pode falar e negociar. A historia está moi ben e os personaxes ganan moita forza, nada que ver cos brancos bós contra indios malos. Polo que estiven lendo, a historia está bastante baseada na realidades, os personaxes existiron, chamáronse así e fixeron máis ou menos o que se conta na película. Non é pouco.

Saúdos.



A guerra dos mundos

Lembro que esta película xa a vin no cine cuns colegas, pero cando me crucei o outro día con ela, decidín probar de novo. Creo que o fixen basicamente por Herbert George Wells, o autor da obra orixinal, que me gusta moito, aínda que esta obra creo que aínda non a lin. Xuraría que hai anos vin a versión dos anos 50, aínda que me gustaría vela de novo. Todos oímos falar moitas veces da versión radiofónica de Orson Welles de finais dos anos 30. E esta, en xeral, non está mal, pero Tom Cruise paréceme un actor ben mediocre, e creo que este non é dos papeis para os que está máis preparado.

En canto á versión, está dirixida por Steven Spielberg no 2005, que resulta certa garantía, pero tanto para ben como para mal (ten as súas cousiñas), e teño a sensación que está moi centrada no personaxe de Cruise. Tamén aparecen os seus dous fillos, pero non me parece demasiado interesante o que fan. Ten unha breve intervención Tim Robbins, que non está mal. Nunha trama deste tipo, os efectos visuais son moi importantes, polo tanto, ver unha versión máis moderna non ten por que ser malo necesariamente, pero a historia pode dar moito de sí, non hai por que tratala con simpleza.

Se non coñecedes a trama, é bastante fácil de resumir. Un determinado día comezan a verse unhas estrañas treboadas no ceo (céntranse nas da costa leste estadounidense, pero parece que as hai por todo o planeta), e ao pouco tempo descúbrese que non son simples treboadas, son pulsos electromagnéticos que paralizan todos os aparatos eléctricos, e están provocadas por unha civilización extraterrestre. Os invasores son trípodes de gran altura que disparan e queiman a toda velocidade. Están invadindo o planeta a un ritmo inaudito, pero ao pouco tempo, os humanos comezan a comprobar que eses invasores van morrendo. Acaban chegando á conclusión que estaban preparados para case todo, pero non para os microorganismos do planeta como virus e bacterias (mira ti que gran moralexa para os tempos actuais).

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...