martes, 1 de agosto de 2023

A fonte da vida

Xa había tempo que non revisaba o catálogo de Rakuten ao que podo acceder dende a miña "smart TV", e fíxeno onte. Aproveitando que poñen a puntuación media que lle dan a cada película en IMDB (que pode resultar razonablemente fiable), estiven mirando e atopei unha que non me soaba ter visto e que tiña unha puntuación bastante alta. E ademais, a sinopse era moi breve e non concretaba nada, pero a pesar de todo, animeime. É unha película bastante rara e pretenciosa, probablemente non deixa indiferente. 

"A fonte da vida" foi dirixida por Darren Aronofsky (que xa ten fama de facer cousas bastante "marcianas") no ano 2006. O protagonismo total é para a parella formada por Hugh Jackman e Rachel Weisz. Do resto do elenco, non destaca ninguén demasiado, chamoume a atención ver a Ellen Burstyn, había moito tempo que non a veía nunha película.

A ver, como explicar de que vai, non é nada doado. Teoricamente é unha alegoría da vida e da morte. Para falar dun tema tan ambicioso, ubica aos dous personaxes principais en varios ámbitos físicos e históricos diferentes. Unha das partes está ambientada no século XVI en España, no que un conquistador chamado Tomás está intentando axudar á raíña Isabel, que está sendo cercada e acosada polo Gran Inquisidor. No tempo actual o científico Tommy investiga en tumores en monos, mentre a súa muller Izzy ten un cancro, e el imaxina se os avances que consegue na súa investigación poderían axudar a curar á súa muller. E ao mesmo tempo, un personaxe similar a Tommy está viaxando polo espacio dentro dunha esfera dentro da cal se atopa unha árbore moi vella, que está intentando salvar, ás veces aparécese unha muller similar a Izzy que parece despistalo. Como vedes, non semella trivial.

Ao final, a investigación con monos semella avanzar, pero Izzy morre antes de que se poidan extraer conclusións. O conquistador vai á civilización maia e atopa a "árbore da vida", que podería axudar á raíña Isabel a recobrar o poder en España, pero o conquistador morre xunto á árbore, case provocado pola súa ansia de vida. O personaxe que ía nunha esfera polo universo choca contra unha estrela que acaba de estoupar, como vaticinaran os maias.

Como vedes, non é cine palomiteiro, dende logo. Pretende transcender, outra cousa é que o consiga.

Saúdos.



Johnny Mnemonic

Nalgunhas cadeas da TDT proxectan esta película con certa frecuencia. Aínda que hai calidades variadas, como en todo, as películas de xénero "cyberpunk", como podería ser esta, adoitan entreterme, así que decidín darlle unha oportunidade. Por certo, en boa parte do mundo hispanofalante a película mantivo o título inglés orixinal, pero noutra parte non puideron resistirse a traducila como "Fuxitivo do futuro", que xa voa algo máis libre. Por certo, está baseada nun conto de William Gibson, seguramente o autor máis destacado da literatura cyberpunk.

"Johnny Mnemonic" foi dirixida en 1995 por un tal Robert Longo. O actor principal é Keanu Reeves (que xa fixera "Speed" pero aínda non "Matrix"). No resto do elenco destacan Dina Meyer, Dolph Lundgren, Ice T e Takeshi Kitano.

No ano 2021 (película feita no 95, futuro non moi lonxano e distopía na que moita xente sufre a mans das grandes corporacións: cyberpunk de libro) a sociedade ten un asulagamento de información electrónica no aire e a metade da poboación ten un síndrome provocado pola gran cantidade de información circulante. Xa non é seguro mandar a información relevante por ningunha vía que non sexan correos humanos, que poden levar unha gran cantidade de información no seu cerebro.

Ese é o caso do protagonista, que acaba de duplicar a capacidade de almacenamento do seu cerebro, e que recibe un novo encargo, e semella moi perigoso porque aínda excede a súa capacidade, o que fai que teña que descargar a información o antes posible para non sufrir ningún "derrame" nin consecuencia terrible.

O caso é que recolle a información en Beijing e morren todos os que lle meteron a información, e a el fáltalle pouco para que lle corten a cabeza (claramente é a súa parte máis valiosa). Ten a orde de levala a Newark, en Nova Iersei, pero non sabe exactamente a onde nin con quen ten que contactar. Resulta que a información era o antídoto para curar ese síndrome que ten tanta xente, pero a "yakuza" contratada por unha poderosa empresa farmacéutica quere evitar que se revele esa información. O correo é axudado por unha guerrilla antisistema e algúns personaxes máis para poder volcar toda esa información e non morrer posteriormente.

Saúdos.



Dr Jekyll e Mr Hyde

Seguindo con esa colección que sacou a Voz de Galicia no ano 2005 e pomposamente denominada "Biblioteca Galega de Clásicos Universais", puiden ler a novela curta "Doutor Jekyll e Mr Hyde", do afamado Robert Louis Stevenson, en tradución ao galego feita por Sara Ruíz Salgado e Xosé Ramón Díaz Fontao.

Robert Louis Stevenson foi o autor de "A illa do tesouro", e xa só por iso, ubícoo no Olimpo dos autores literarios (e non creo que sexa eu o único en facelo). Hai tempo tamén lin un conto titulado "O diaño na botella" que me pareceu fantástico. E esta é a terceira obra que leo del. Esta gustoume pero xa baixou algo o nivel, porque tiña o listón moi alto ata agora. A novela é moi curta, na edición que eu teño apenas chega ás 100 páxina e lese en 2-3 horas sen demasiado problema.

A historia non ten moita chicha nin trama, e ademais é xa moi coñecida. En todas as persoas existe o ben e o mal, e o prestixioso doutor Henry Jekyll conseguiu atopar unha pócima que lle transforma temporalmente en Edward Hyde, un ser repulsivo co que incluso nin sequera garda demasiado parecido, así que ninguén consegue deducir que son a mesma persoa. O problema é que, segundo vai pasando o tempo e experimenta coa pócima, o maligno Hyde cada vez ten máis preponderancia sobre o benigno Henry Jekyll, e cada vez cóstalle máis recuperar a súa condición orixinal.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...