mércores, 27 de outubro de 2021

Amor de tango

Ultimamente non é que me sobre o tempo, así que non me explico demasiado ben de onde o saquei para ler a novela "Amor de tango" de María Xosé Queizán. Xa é o volume número 83 da Colección 120 que A Voz de Galicia editou en 2002 aproveitando o 120 aniversario do xornal. Xa me quedan menos de 40 para rematala.

Non sei por que razón, pero tiña certo receo ante esta novela e autora. Tiña certo prexuízo de que me ía costar algo a súa lectura, pero non foi así, paseino ben, lina con axilidade e gustoume a forma de escribir. Secretos que ten a lectura.

A novela está ambientada na zona de Vigo. Unha muller xa algo maior está algo extrañada polo éxito fulgurante que ten no seu momento a película "O último tango en París", que moitos españois ían ver ás cidades francesas cercanas á fronteira, porque aquí, obviamente, era imposible facelo. E a palabra "tango" lémbralle algo que lle pasou cando era nova.

Margarita, Alma e Chelo son tres boas amigas dende rapazas. Margarita suponse que é a protagonista principal da historia, a muller maior que lembrou o tango. Cando era rapaza, un tío seu que era un pouco crápula, Chinto, volveu da Arxentina. Xa tivera que marchar en extrañas circunstancias cando era máis novo, por algún lío de saias, porque lle gustaban moito as mulleres, e tiña pinta que ía acabar mal. Volveu algo máis tranquilo e reformado, pero trouxo cousas de alá, entre elas o tango. E co tango namorou á súa sobriña, e iso, de novo, tampouco gustou na familia. Iso foi no tempo da II República.

Nese mesmo tempo Alma coñeceu ao seu mozo, que era un rapaz activo en política, e ela uniuse. Eran moi progresistas e republicanos. Chelo era se cadra a máis insulsa das tres, pero tiña un pai que era moi querido e admirado.

Chega o verán do 36. Chinto ve mal as cousas, e como a relación coa súa sobriña tampouco gusta, pídenlle que marche de novo, como a outra vez. Esta vez xura que será para non volver máis nin dar noticias. Alma e o seu mozo teñen un tráxico final, por outra parte. E Chelo dá o xiro máis extraño, porque acaba saíndo cun dos falanxistas que todo o mundo sospeitaba que matara ao seu pai, e acaba os seus días algo tola e trastornada.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...