sábado, 5 de febreiro de 2022

O perfume

No Nadal, por avaría da anterior, que fixo un grande servizo durante case 10 anos, tiven que mercar unha nova televisión para o meu estudo. E decidín dar o salto á Smart TV, que parecía ofrecer algunhas cousas interesantes. Colle case todos os canais que collía a anterior (só faltaba), e que recibo a través do cable de R, pero a través do router de Internet chegan uns 50 canais máis, sobre todo das plataformas de streaming Rakuten, Pluto TV, MTV e supoño que algún máis que aínda non fun quen de identificar. Polo que estiven vendo, hai bastante broza insufrible, pero varios canais (2 ou 3, non máis), están poñendo continuamente series interesantes. Hai uns cantos canais de cine, pero as películas que ofrecen parecen bastante mediocres. Ata que unha noite, para a miña sorpresa, souben con certa antelación que emitían esta película, que me interesaba bastante, e debutei no cine na miña nova Smart TV.

No ano 85, un escritor e guionista de cine (debe ser máis guionista que escritor, porque a súa produción novelística é máis ben breve) alemán chamado Patrick Süskind publicou a novela que o fixo mundialmente famoso, titulada "O perfume". Lembro que no meu grupo de colegas a lemos compulsivamente a finais dos 80, e que a todos nos flipou. E creo lembrar que todos dixemos que estaría moi ben levala ao cine, porque a historia está moi ben, pero que polas súas características ía ser moi difícil ou case imposible. Non é doado contar unha historia baseada no olfacto, pero tampouco sería doado escribir unha novela baseada nel, e Süskind conseguiuno. Unhas décadas máis tarde, alguén intentou pasala ao cine, e polo que se ve, non o fixo nada mal. Dende logo, debe ser unha das películas nas que máis primeiros planos do naris hai, obviamente.

Foi dirixida en 2006 por Tom Tykwer, director alemán coñecido sobre todo por esta película. O papel principal foi para o británico Ben Whishaw, que debe ter unha destacada carreira, supoño, pero ao que eu só coñecía de facer un papel secundario nas últimas películas de James Bond. Os secundarios máis relevantes son Dustin Hoffmann, Alan Rickman e Rachel Hurd-Wood.

A historia de Jean-Baptiste Grenouille é ben interesante. Vive no tramo medio do século XVIII en Francia. Nace no mercado de peixe en París, un lugar nauseabundo (e as imaxes conseguen transmitilo á perfección). A súa nai dá a luz un día normal de traballo, mentres está no seu posto, e pensando que naceu morto, o deixa xunto aos restos do peixe (esta primeira escena non é para estómagos fráxiles). Pero comeza a chorar, e iso fai que os compradores saiban que alí hai un neno recén nado. Ao mirar cara á nai, que está traballando no mesmo posto, provocan a súa fuxida, aprésana e afórcana alí mesmo, e vai a un hospicio. Este detalle é interesante, porque sobre todos nos primeiros anos de vida do neno, case todos os que tiveron algo que ver na súa vida morren xusto despois de separarse del.

A señora do hospicio ten ao neno durante uns cantos anos, pero non é moi querido, porque claramente é moi raro. Acaba vendéndollo a un curtidor para que comece como aprendiz. Xusto a continuación da venta, é atracada por uns ladróns que perseguen os seus cartos, e obviamente a asasinan. Co curtidor pasa algún tempo, fai entregas por París, e nunha destas coñece a un perfumista xa decadente chamado Guiseppe Baldini, que decide contratalo vendo o privilexiado olfacto que posúe. Cando se produce a venta, o curtidor morre dun estraño accidente caendo borracho ao río Sena.

Con Baldini traballa durante algún tempo, facendo que o seu negocio reflote de novo, cando xa estaba case afundido. Baldini ensínalle que os perfumes eran a mestura de doce fragancias individuais e que, para crear o perfume perfecto, hai que atopar a fragancia número 13, que non se sabe cal é exactamente e que se menciona nunha lenda. Fai experimentos con todo tipo de cousas e seres, pero non dá con esa fragancia nova. Baldini dille que o lugar onde máis cultura hai en perfumes é unha cidade chamada Grasse. Decide marchar para alí, a ver se hai máis sorte. E para deixarlle o futuro asegurado a Baldini, déixalle recetas de moitos perfumes novos. Tristemente, ao día seguinte, a casa de Baldini vense abaixo con el dentro.

Cando chega a Grasse, descubre que el mesmo non ten olor, así que é como se non existira (polo menos para el). E ademais capta na rúa a fragancia dunha rapaza moi fermosa, e que el identifica automaticamente como a fragancia número 13, que lle permitirá atopar o perfume perfecto. Comeza a traballar na casa duns perfumistas, e en secreto, vai asasinando mulleres como prostitutas, criadas, etc., para facer experimentos sobre como captar a súa esencia. Quere ensaialo ben para poder aplicarllo á rapaza que viu na rúa, e que agora xa sabe onde vive.

A vila entra en alarma cando aparecen tantas mulleres mortas e despeluxadas (esta parte da película tampouco resulta moi agradable, aínda que non se ve apenas, sobre todo se intúe). Comezan a facerse batidas para intentar coller o asasino, pero el non esperta sospeitas, agás ao final, cando descubren soterrados os restos das súas terribles operacións. O pai da rapaza fai todo o posible para evitar que a súa filla sexa a seguinte, pero o asasino consegue seguilos polo olor, dá con eles, e a pesar de toda a vixianza, consegue a súa fragancia á noite seguinte.

O final é bastante apoteósico. Apresan a Jean-Baptiste e saben que é o asasino. Pero cando o collen, xa conseguiu crear o perfume perfecto. Na praza onde o van aforcar, espalla unhas gotas do perfume e, de súpeto, todo o mundo vese asulagado polo amor e a paixón, e todo remata nunha tremenda orxía. Incluso o pai da rapaza decide perdoalo. Marcha de Grasse para París e decátase de que nunca foi querido por ninguén, e está convencido de que foi así porque el non ule a nada. Entón chega ao mesmo mercado peixe no que naceu uns 30 anos antes, e bótase por enriba todo o frasco co perfume perfecto que creara. Todos os pordioseiros e prostitutas do lugar entran en éxtase e bótanse sobre el, devorándoo. Por fin se sinte querido. Fin.

Moi recomendable a lectura da novela e o visionado da película, por se non fixestes algunha ou ningunha das dúas cousas.


Saúdos.

Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...