venres, 7 de agosto de 2026

O paso do noroeste. As aventuras do capitán Duchesnoy

Vaise achegando unha nova edición do salón de banda deseñada Viñetas dende o Atlántico, e lembrei que tiña na casa non sei cantas obras dese tipo aínda sen ler, así que puxenme con varias delas (hai que recoñecer que se len axiña).

A primeira obra que lin tiña unha pintaza. Titúlase "O paso do Noroeste. As aventuras do capitán Duchesnoy". O guión é do escritor Xavier Queipo e o debuxo é de Primitivo Marcos. Se non entendín mal, Xavier Queipo xa escribira uns anos antes unha novela sobre esa temática e Primitivo converteuna en novela gráfica. Foi editada por Galaxia, que non me soa que teña moita traxectoria en banda deseñada.

Para os que non o saiban, o Paso do Noroeste é un mítico paso entre os xeos do Ártico que permitiría ir do Atlántico ao Pacífico sen ter que rodear América polo sur nin cruzar pola canle de Panamá. Foi moi buscado e explorado durante séculos, sobre todo polos europeos. Polo que parece, a obra é totalmente de ficción e aproveita algúns feitos sucedidos en Europa para darlle máis lustre.

Vendo o apelido do principal protagonista, parece claro que Francia é quen leva a voz cantante. A expedición parte de Brest a finais do século XVIII. A armada francesa non quere revelar cal é o obxectivo real da expedición, así que maquíllana tamén de científica, pero iso obrígalles a contratar a un naturalista chamado Mirabeau, que terá bastante influencia en moitas peripecias da expedición, aínda que inicialmente non estaba previsto que fora así.

Paran nas Azores, despois nun porto de Terranova, e nese intre revelan cal é o seu verdadeiro obxectivo. Teoricamente íanse enfrontar a asentamentos ingleses nesa mesma ruta, pero atópanos xa abandonados, e non dan con seus inimigos en ningún momento. Os momentos de máis tensión son nalgúns enfrontamentos con esquimós.

Outra das tensións é que, cando a expedición marcha de Francia, aínda impera alí a monarquía, e o capitán Duchesnoy ten unha orixe nobre, da que presume moito. Aceptan con recelo a Mirabeau, que é claramente republicano e non o esconde.

Cando estaban na viaxe de volta polo Atlántico, o seu barco naufraga, polo que parece debido ás embestidas dun polbo ou lura xigante. Só Duchesnoy sobrevive e é recollido por un barco de pescadores vascos, que o levan a Hondarribia.

Unha vez reposto, entra en Francia e cre que a situación política é a mesma que había cando marchou, pero resulta que estalou a revolución, caeu a monarquía e os nobres coma el son pasados pola guillotina. Ao principio, el presume da súa orixe porque cre que lle abrirá portas, pero ten moita sorte e todos lle perdoan a vida porque entenden que leva anos fóra do país e que aínda non é consciente do cambio radical que tivo lugar. Acaba morrendo só na miseria e deixa como único legado a historia da súa expedición.

Saúdos.




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Espero chegar en breve

Aquí hai unhas cantas cousas que contar. Hai un par de anos foi a primeira edición do festival "Viñetas dende o Atlántico" que non...