domingo, 18 de febreiro de 2024

Kong: a Illa Calaveira

Hai unhas semanas, estaba tan canso o venres pola tarde despois da esixente semana laborable, que vin anunciada esta película, e decidín darlle unha oportunidade, bastante convencido de que non sería unha grande idea, pero hai veces que un se deixa ir.

"Kong: a Illa Calaveira" foi dirixida en 2017 por un tal Jordan Vogt-Roberts. No seu elenco hai algunha xente máis ou menos coñecida como Tom Hiddleston, Brie Larson, John Goodman e Samuel L. Jackson. O resto xa non me soaban de nada. 

A trama é bastante disparatada. Un pseudo-científico que traballa para o goberno estadounidense (como non) volve contactar con el para anunciar que localizou unha remota illa no Pacífico onde pode haber monstruos prehistóricos ou cousas parecidas (non é a primeira vez que o di, xa están algo fartos del). Non se sabe moi ben como, pero acaban formando un grupo con científicos, aventureiros e militares (vaia combinación) que cruza en helicópteros unha borrasca densísima que sempre rodea a illa, e van ata alí.

Nada máis chegar alí, a metade son destruídos por gorila xigante que lles dá a benvida. Así que o famoso Kong que todos coñecemos xa aparece en escena nada máis comezar, resulta algo estraño. Pois resulta que Kong é o "bo" da illa, porque alí tamén hai moitos outros animais prehistóricos ou similares de tamaños imposibles que se enfrontan entre eles, e os máis perigosos e ademais inimigos de Kong son unha especie de lagartos. Obviamente, todo acaba ben, como non podía ser doutro xeito.

Saúdos.



Os arquivos do Pentágono

Hai pouco tempo, estaba AMC como Canal Invitado na plataforma de televisión de R. Como tiña entendido que era un canal que botaba películas interesantes de cando en vez, estiven algo pendente, e conseguín ver esta titulada "Os arquivos do Pentágono", que ao final me decepcionou bastante, porque é outra paranoia estadounidense sobre os secretos oficiais, o control dos poderes públicos, que todo iso está moi ben, pero chegan ata un nivel de obsesión que xa aburre. Por certo, pola nova reconfiguración da miña televisión creo que non volverei (polo menos nunha tempada) a ver o Canal Invitado de R, pero a cambio diso verei outras cousas.

"Os arquivos do Pentágono" foi dirixida en 2017 por Steven Spielberg (e tamén producido), e o elenco estaba encabezado por Meryl Streep e Tom Hanks. O resto de secundarios non me soaba de nada, creo. Por certo, o título orixinal da película é "Post" porque o Washington Post foi un dos xornais involucrados neste escándalo, e en moitas ocasións faise referencia a este tema como os "papeis do Pentágono" (supoño que de aí vén a tradución en España).

A trama é moi enrevesada se profundamos, pero non se quedamos na superficie, que é o que vou facer eu (pasadas unhas semanas do visionado, non lembro case nada da película, por algo será). Un xornalista que acude puntualmente á Guerra do Vietnam, anos máis tarde filtra dende o Pentágono ao The New York Times uns documentos que demostran que a administración estadounidense sabía dende había tempo que esa guerra era imposible de ganar, pero seguían mandando a reclutas alí a morrer. Esa información chega tamén ao Washington Post, que estaba pasando unha crise por un cambio na dirección. Os dous xornais son presionados polo goberno estadounidense para que non publiquen esa información, pero a pesar de todo, fanno, e inmediatamente moitos outros xornais do país, en vez de unirse ao bloqueo que pretendía o goberno, únense a eses dous xornais e comezan tamén a publicar esa información, con moito cabreo de Nixon (este tipo debía estar sempre cabreado). Na última escena da película "anuncian" o roubo do Watergate, que provocou a caída de Nixon (unha escena similar vinna hai pouco en "Forrest Gump", parecen bastante obsesionados co tema, non me extraña).

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...