domingo, 4 de xullo de 2021

Arsénico por compaixón

Esta película non a proxectaban en ningunha televisión nin cine, senón que a tiña eu nunha colección de películas antigas que me cederon hai varios anos. A trama soábame bastante, así que supoño que debín vela completa hai tempo, pero nunca está de máis refrescar a memoria, cando pode valer a pena o esforzo.

A película foi dirixida en 1944 por Frank Capra. A super-estrela da película é Cary Grant, aínda que hai outros personaxes que tamén teñen bastante protagonismo. Polo visto, el mesmo recoñeceu que non estaba demasiado contento da súa actuación, que máis ben era sobre-actuación. Do resto do elenco destaca lixeiramente Peter Lorre, que actuou en películas como "Casablanca". Pasa algo curioso co título. A tradución do orixinal sería "Arsénico e encaixe antigo", que foi o que se utilizou basicamente en Hispanoamérica. En España decidiron quitarlle o encaixe, e darlle algo de compaixón. Como pasa outras veces, o título en España é unha tradución máis disparatada, pero explica mellor a historia. Porque recoñezo que o do encaixe non o pillo, ao mellor as dúas señoras maiores levan roupas con encaixes, é unha posible especulación.

Un par de "adorables" velliñas están enchendo o seu soto de cadáveres de homes maiores e solteiros aos que, segundo a súa idea, pouco de vida xa lles queda (e menos se as coñecen a elas), e os envelenan dándolle de beber viño que leva arsénico. Niso se plasma a súa compaixón. O seu sobriño Mortimer descúbreo de casualidade, e intenta ocultalo como pode. Pero non resulta doado, porque as súas tías viven con outro irmán que está chalado e que se cre Theodore Roosevelt (isto fixo acrecentar o meu interese por ese presidente estadounidense, que debía ser algo peculiar). E por se non chegara con iso, tamén ronda por alí o seu irmán Jonathan, que sempre foi un mal bicho, que levaba décadas sen pasar por casa, e que volve por alí, entre outras cousas, para intentar ocultar un cadáver do seu último atraco. Pero claro, non sabe onde se está metendo. Tamén ronda por alí a policía, porque os veciños denuncian que o irmán chalado toca a corneta de madrugada, pero ao final se lles acumula o traballo.

En definitiva, unha comedia agradable de ver, como case todo o que se facía naquela época, pero recoñezo que algo ou bastante disparatada. Pero polo menos non é nada convencional, pasan cousas pouco habituais. Estou tamén de acordo con Cary Grant, penso que sobre-actúa bastante, non foi unha das súas mellores actuacións.

Saúdos.



Dolce Vita

No espazo de cine clásico da 2 botaron hai pouco "Dolce vita", unha das obras mestras de Fellini. Eu creo que xa a vira hai tempo, pero agora mesmo teño dúbidas de se a vería enteira naquela ocasión. É unha película longa, de case 3 horas. Sóame o personaxe de Mastroianni, obviamente, que é o elemento común en toda a película, pero non moito máis. E agora mesmo non sei se se pode deber a que non a vira enteira no seu día, ou que me aburriu bastante, como nesta ocasión. Deixo anotado na miña cabeza non volver vela. Está claro que o cine italiano non é do meu agrado, e creo que a mesma opinión podo ter do país e da súa cultura e costumes. Iso si, facer turismo por alí é unha delicia, porque teñen un pasado esplendoroso.

A película foi dirixida por Federico Fellini en 1960. Polo que parece, Fellini inspirouse en sucesos reais que estaban pasando en Roma a finais dos anos 50. Xa que Marcello Rubini (o xornalista protagonizado por Marcello Mastroianni) é un xornalista de crónica social que se move moito pola Vía Véneto, os seus bares, as súas festas e o seu desenfreno. Houbo un equipo de cinco guionistas encabezados polo propio Fellini e no que incluso parece que estaba Pasolini, aínda que non consta nos créditos. O protagonista total é Mastroianni. Só hai un par de personaxes máis que aparecen de cando en vez, pero cun papel moi residual. E o resto só con aparicións fugaces, duns minutos ou esceas.

A estrutura da película non se parece nada ao habitual. Hai como unha sucesión de esceas, un epílogo, un prólogo e algún entremés intermedio. O único común a todas elas é a presenza de Marcello Rubini. Aparece de cando en vez a súa moza Emma, da que el pasa bastante, porque lle gusta moito máis Maddalena, coa que se lía de cando en vez, e lle gustaría facelo máis. E tamén aparece de cando en vez un colega seu fotógrafo de prensa chamado Paparazzo, que deu lugar á expresión "paparazzi".

Porque as historias que se contan son do máis variadas:

- Unha noite de paixón con Maddalena, coa que acaba deitándose en casa dunha prostituta á que coñeceron esa noite.

- Os escarceos cunha estrela internacional de cine protagonizada por Anita Ekberg (as famosos imaxes bañándose na Fontana di Trevi, que duran só uns minutos)

- O encontro en casa dun amigo intelectual chamado Steiner, que vida unha luxosa vida envolta en alta cultura. Pero ao final mata aos seus fillos e suicídase.

- Dous nenos que din que viron á Virxe cerca de Roma, e que provocan unha auténtica voráxine de crentes que os perseguen para que os libren das súas desgrazas.

- O pai de Marcello vai a Roma por negocios, atópase con el e vanse xuntos a un cabaret. Ao final, ao pai dálle un amago de infarto e volve para a súa terra.

- Hai unha estraña festa nun castelo, na que Marcello intenta ligar de novo con Maddalena, pero ela acaba pasando del

- Hai outra estraña festa caótica en casa dun colega, que aparece despois por alí, e decide botalos a todos.

Xa sen contar que a película comeza cunha escea totalmente sen sentido (se algo nesta película o ten) na que se ve dous helicópteros polo ceo de Roma: un leva colgando a estatua dun Cristo, e o outro leva a Marcello e a Paparazzo. Os helicópteros diríxense á Praza de San Pedro. E remata co final da última festa xunto a unha praia na que uns mariñeiros acaban de capturar unha manta-raia dun tamaño colosal.

No Vaticano dixeron que a película era obscena (e algo de razón non lles falta) e, por exemplo, en España non puido verse ata 20 anos máis tarde. Pero vaia, en xeral, paréceme un disparate maiúsculo. Aburriume bastante. Algúns opinan que é unha das mellores películas de todos os tempos. Non se pode negar que é algo ou bastante peculiar, e que algunhas imaxes son moi poderosas, pero a min non me atraen este tipo de códigos audiovisuais.

Saúdos.



Aterriza como poidas

Cine de catástrofes aéreas, que filón!!! Parece que en Estados Unidos comezaron a facer películas deste tipo xa nos anos 50. Pero o clímax chegou nos anos 70, cando se fixeron varias da saga "Aeroporto", que normalmente levaban como apelido o ano no que se rodaban. Eu pensaba que esta película era unha parodia daquelas, e en parte é así, pero polo visto é claramente unha parodia de "Zero hour!", unha película de 1957 da que mercaron os dereitos, así que puideron copiar os nomes dos personaxes principais e diálogos completos. Curioso.

A película en cuestión foi dirixida e escrita en 1980 polo equipo formado por Jim Abrahams, David Zucker e Jerry Zucker (creo que se facían chamar ZAZ combinando as iniciais dos seus apelidos). O elenco é bastante coral e non destacan demasiado os papeis principais, porque o principal é estar dicindo e facendo tonterías o máis rápido posible. Actúan Robert Hays, Julie Hagerty, Leslie Nielsen, Robert Stack, Lloyd Bridges, Peter Graves e Kareem Abdul-Jabbar (outra estrela da NBA que se pon diante das cámaras, este aínda estaba en activo cando rodaron esta película).

E xa que dicir sobre o título, aínda que recoñezo que o reto non era doado. O título orixinal sería "Avión!" ou "Aeroplano!". En España decidiron poñer o famoso "Aterriza como puedas", que non casa demasiado pero hai que recoñecer que reflexa a trama principal da película. E en Hispanomérica decidiron ir un paso alén e titulala "E, onde está o piloto?", do que poderíamos dicir o mesmo, aparentemente disparatado pero non tanto.

Ted Stryker é un ex-piloto que tivo un desagradable accidente na II Guerra Mundial, no que el sobreviviu pero perdeu ao resto dos seus compañeiros. Ten unha relación coa súa moza Elaine, que e azafata nun avión, e están a piques de romper. Como último recurso, decide subir ao avión no que ela traballa esta noite, para intentar reconciliarse. Pero hai unha intoxicación alimentaria no peixe que cean moitos pasaxeiros e os pilotos, e non queda ninguén sano para aterrizar o avión. Entón Ted debe superar o seu medo a pilotar e, recibindo axuda dende o aeroporto e a torre de control, intenta aterrizar o avión de novo. Obviamente, todo isto aderezado con todas as tonterías que lembraredes, porque case seguro que a maioría da xente veu esta película.

Para rematar, dicir que a trama da película de 1957 é exactamente a mesma, só que non hai comedia nin parodia, suponse que é unha película totalmente seria (recoñezo que non a vin). Pero, polo visto, os diálogos dalgunhas esceas son exactamente iguais, e os protagonistas principais chámanse igual. Por certo, o papel principal era para o actor Dana Andrews, que nunha das películas da saga "Aeroporto" provoca un dos accidentes aéreos ao desmaiarse cando pilota un avioneta e chocar de fronte contra un avión comercial, creando un boquete na cabina e a morte dos pilotos (ou sexa, que este actor estaba moi asociado a catástrofes aéreas e desgrazas de pilotos de avión). E tamén dicir que, por raro que pareza, esta película botárona no espazo de cine clásico da 2. Parece que están baixando un pouco o umbral de calidade.

Saúdos.



Spotlight

Oíra falar moi ben desta película, que reivindica unha vez máis o papel do bo xornalismo, que cada vez menos queda. Como trata sobre escándalos de pederastia na diócese de Boston durante o final do século XX, pensei que tería virulenta resposta por parte da Igrexa, pero parece que non, está ben considerada por eles, e agradecen o traballo honesto dos xornalistas que desvelaron eses abusos.

A película foi dirixida por Tom McCarthy en 2015. O elenco é moi coral e o único actor moi coñecido é Michael Keaton. A min tamén me soaba algo Rachel McAdams, pero sobre todo porque a vin noutra película hai un par de meses. Pero tamén hai que destacar a Mark Ruffalo, Brian D'Arcy James, Liev Schreiber, John Slattery ou Stanley Tucci. Algunhas desas caras soábanme, pero aínda non sei de que.

A película trata sobre o tema que xa desvelei antes. Pero non é detalle menor dicir que o título "Spotlight" (en España o conservaron, en Hispanoamérica decidiron cambialo por "En primeira plana") fai referencia ao nome da unidade de investigación do Boston Globe, polo visto a máis antiga de Estados Unidos. Ou sexa, catro ou cinco xornalistas que teñen unha pequena redacción no soto do edificio, e que non traballan con présas, senón que se dedican a investigar durante meses. E este pequeno equipo vese espoleado cando chega un novo director dende Miami, algo novato e no que non teñen demasiada confianza inicialmente, e lles pide que sigan investigando sobre unha columna que leu hai algún tempo, e que lle chamou a atención. Esa columna falaba sobre un sacerdote que podía ter cometido actos de pederastia na súa parroquia, e el pensaba que o tema podía dar de sí.

O equipo ponse a investigar, aparentemente sen moita paixón, pero segundo van entrevistando a persoas, van descubrindo que o escándalo é moito máis grave do que pensaban. E sobre todo, que o bispo de Boston estaba perfectamente informado, pero non estaba actuando e estaba facendo todo o posible por ocultalo. Obviamente, hai momentos de tensión no equipo, porque chegados a un determinado punto, uns pensan que hai que desvelalo xa, e outros opinan que hai que investigar un pouco máis para poder desmontar todo o sistema e acusar aos culpables.

Ao final, acaba sendo portada do xornal, comezan a recibir centos de chamadas de máis casos que aínda non coñecían, e o bispo é enviado a un cargo honorífico na curia romana. En calquera caso, xa digo que tanto a Igrexa estadounidense como a vaticana acabaron falando ben da película e agradecendo o labor honesto e profesional dos xornalistas para desvelar este escándalo. Tamén estaría ben dicir que a investigación tivo lugar a comezos deste século e milenio, e que se viu interrompida temporalmente polos atentados de Nova Iork do ano 2001.

Saúdos.



Museo Estrella Galicia

Hai unhas semanas por fin puiden visitar o Museo Estrella Galicia, polo visto o primeiro museo da cervexa que se abre en España. Teño sorte de que ese significativo museo está a uns 15 minutos da miña casa, pero aínda así tardei 2 anos en poder visitalo. Xa hai tempo xurdiu a posibilidade de facer a visita guiada organizada pola empresa na que traballo, pero ao final non foi posible, creo que eramos demasiada xente e non era doado organizar os grupos e os horarios.

Eu xa tiña a experiencia de visitar dous museos da cervexa anteriormente. Seguramente dous dos que teñen máis fama en Europa: o da Guinness en Dublín e o da Heineken en Amsterdam. Case nada. Supoño que en países como Alemaña ou a República Checa, que xa visitei, teñen tamén museos e fábricas de cervexa que poden visitarse, pero non me cadrou. En todo caso, tiña o listón bastante alto.

A verdade é que non estivo mal. Aparte do feito de que a guía que nos tocou foi alumna miña no pasado, cousa que xa me pasa con bastante frecuencia en todo tipo de establecementos. Polo visto, nos poucos meses que estivo aberto antes da pandemia, os grupos que formaban eran dun máximo de 16 persoas. Agora só teñen 10 prazas en cada quenda, que son cada media hora. Botando contas, nunha tarde ía ser imposible que puideran atender a todas as persoas que traballan no meu colexio, pero coas cifras de antes da pandemia se cadra andabamos cerca. Supoño que esa foi a razón para descartar esta agradable visita.

Creo que se pode facer a visita por libre, a un prezo máis modesto, pero case nin a publicitan. O normal é a visita guiada con tiraxe (ou sexa, que a caña que despois degustas, a botas ti directamente do surtidor despois de que che expliquen a forma idónea de facelo). Pero podes tamén combinala con maridaxe de queixos ou de conservas. E a modalidade máis cara é o Tour 1906, que engade unha visita guiada á Coruña dese ano, co guía turístico Suso Martínez como estrela. Tendo en conta que nese ano tamén se fundou a Real Academia Galega e o Deportivo, foi un ano esencial para esta cidade.

Ao entrar danche unha pequena mochila que leva unha caixa de cartón cunha copa e un posavasos, que serán os que despois uses na degustación final. Aparte diso tamén hai cinco pequenos cilindros de cristal, nos que se gardan uns grans de distintas cebadas e lúpulos. E vanche explicando cousas sobre eles ao comezo da visita, e podes ulilos e ata comelos. E tamén vai un mini-punteiro, necesario nestes tempos de pandemia para poder interactuar con máis seguridade nas pantallas táctiles que hai en varios lugares.

Tamén se ve parte da fábrica actual funcionando, e noutra planta vense e poden probarse varios subprodutos e produtos intermedios da elaboración da cervexa. E así podemos comprobar como, ao comezo do proceso, aínda non sabe demasiado ben, pero segundo lle van engadindo ingredientes e realizando procesos, o sabor vai mellorando. Ao final, na última planta, a degustación, con vistas a través dun ventanal. A mágoa é que as vistas son a un polígono industrial e a unhas avenidas e autovías sen moito atractivo visual, coas vistas que hai nesta cidade. Lembro que as vistas na Guinness podían ser fantásticas, se non fora porque Dublín me parece unha cidade bastante fea. E que na Heineken daban a unha praza con árbores, pero en Amsterdam tamén había sitios moito máis interesantes.

Saúdos.



Todo sobre Eva

Oíra falar moito desta película, e tiña ganas de vela. E unha vez vista, paréceme aínda máis interesante, porque a historia non é moi convencional, e os personaxes e relacións entre eles son moi complexas. Acabo de ler na Wikipedia que a historia, sendo de ficción, está baseada nunha historia real do mesmo cariz, o cal me deixa aínda máis flipado. Hai xente pa tó.

E xa non digamos o baile co título. Eu teño o feo vicio de poñer aquí a tradución ao galego do título que se usou en España, pero neste caso non é moi doada, así que optei por traducir o orixinal en inglés. En España puxeron "Eva al desnudo", que pode ter certa lóxica, porque todo xira en torno á complexa personaxe de Eva. En México tamén a titularon "Falemos de Eva", e o máis incrible é que en Arxentina e México de novo (por que lle puxeron dous títulos??) a titularon "A malvada", que xa non me gusta nada, porque desvela demasiado, e quítalle moita chicha á historia dende o comezo.

A película foi dirixida en 1950 por Joseph Leo Mankiewicz. Falar do elenco é complexo. Teoricamente, as dúas estrelas máximas da película eran Bette Davis e Anne Baxter. Pero resulta que teñen moita importancia na trama tamén os personaxes protagonizados por Gary Merrill, Hugh Marlowe, Celeste Holm e George Sanders. E tamén teñen certa presenza, aínda que menor, Thelma Ritter, Gregory Ratoff e Marilyn Monroe.

A historia é bastante complexa, con personaxes profundos e retorcidos. Eva Harrington (Anne Baxter) é unha gran admiradora dunha actriz de mediana idade chamada Margo Channing (Bette Davis), presume de ter visto todas as súas actuacións todos os días. Diso entérase na porta do teatro Karen Richards (Celeste Holm), amiga da actriz, e vendo que parece unha muller moi humilde e amable, decide introducila no camerino da estrela, para que poida coñecela en persoa, cousa que obviamente marabilla á admiradora. No camerino tamén están Bill Sampson (Gary Merrill), parella da actriz e director da obra, e Lloyd Richards (Hugh Marlowe), marido de Karen e autor da obra que se representa. E por último, tamén no camerino, tamén estar Birdie (Thelma Ritter), sirvienta de Margo, que é a única que sospeita algo raro de Eva ao coñecela, porque os demais fican marabillados coa súa personalidade e o que conta da súa triste vida. Esta é a primeira potente escena, que dura bastante, e na que se presentan moitos dos personaxes principais.

Entón Margo decide contratar a Eva como secretaria e axudante para todo, e fai o seu traballo cunha profesionalidade excepcional, e como segue tendo un carácter moi afable, gáñase o cariño de todo o mundo con facilidade. Pero van pasando cousas e Margo e Eva vanse distanciando algo, porque Margo comeza a sentir algo de celos. E o cisma xurde cando Margo é convocada para un ensaio, chega moi tarde (algo que era habitual nela) e Eva, que xa estaba alí, ofrécese para substituíla, porque ao ver tantas veces a obra xa a sabía de memoria, e todos alucinan co ben que actúa. Como nese ensaio están presentes o director, o autor e o produtor da obra, xa están pensando en facer obras específicamente para Eva, ou que substitúa á propia Margo. Non é detalle menor que ese ensaio teoricamente era para facerlle unha proba á actriz Claudia Casswell (Marilyn Monroe), que supostamente era a amante de Addison DeWitt (George Sanders), un crítico teatral que é odiado por todo o mundo, pero que ten bastante poder.

Nese momento comezan a verse as verdadeiras intencións de Eva, que non son outras que converterse nunha estrela do teatro (e o consegue), pasando por enriba de quen sexa. Está a piques de romper as parellas do dramaturgo e do director, porque supostamente quería casarse con algún deles, pero ao final non o consegue. Ao final o único que a acepta é Addison, e ela tamén acaba aceptando, aínda que os dous saben que esa parella funciona máis polo interese mutuo na profesión que polo amor e cariño. E na última escea, no hotel, despois de recibir un importante premio, Eva atópase cunha sirvienta que tamén a admira moito, así que vemos como a roda segue xirando, e ela pode ser a seguinte vítima.

Saúdos.




Río Bravo

No meu arrebato cinéfilo dende que comezou a pandemia, vin un lote de películas do oeste americano cuxo título comeza coa palabra "río". Penso que unha das poucas que me faltaba (algunha outra haberá por aí, seguro) era "Río Bravo", e ademais é das máis famosas. Soábanme bastante algunhas esceas, así que seguramente xa a vira no pasado, pero non estivo mal repetir. Iso si, era un exemplo máis desas historias que tanto gustan aos estadounidenses, de "só ante o perigo" dun sheriff que representa o ben, ante o mal que se achega cada vez máis.

Esta película foi dirixida en 1959 por Howard Hawks. Tiña un elenco bastante coñecido, con John Wayne, Dean Martin, Walter Brennan (que ganou tres Oscars por actor secundario en torno aos anos 40) e Angie Dickinson. Tamén andaban por alí Ward Bond e un tal Ricky Nelson, que ten un papel destacado na película, e que comezaba a ser un ídolo de adolescentes no país, pero non me soa que tivera moito máis éxito, polo menos no cine.

A historia non ten moita chicha. Hai un cacique local que pretende manexalo todo (bastante habitual neste xénero de películas), e un irmán seu, que tamén é bastante chulo, mata a un tipo nun bar diante do sheriff e dun colega deste. Polo tanto, méteno na cadea do pobo. Ao cacique non lle parece ben, e comeza a presionar ao sheriff e os seus axudantes para que o liberen antes de que chegue alguén con autoridade do Estado e o leve para xulgar. Non ten moito máis.

Ao final, para defenderse da presión do cacique e os seus matóns, está o sheriff (John Wayne), un colega seu alcólico pero que foi gran pistoleiro (Dean Martin), un vello coxo (Walter Brennan), e un rapaz novo que tamén parece bo pistoleiro (Ricky Nelson). Ao final ganan os bos, supoño que xa o intuíades.

Saúdos.



Conan o destrutor

Sen grandes pretensións, pero como películas de entretemento, a saga de Conan pode pasar o filtro. Polo tanto, pouco tempo despois da que iniciaba a saga, "Conan o bárbaro", botaban na televisión "Conan o destrutor", e deille unha oportunidade, pero tampouco sen grandes expectativas pola miña parte, xa digo.

Foi dirixida en 1984 por Richard Fleischer, e os papeis principais foron para Arnold Schwarzenegger, Grace Jones, Olivia D'Abo e Will Chamberlain (si, a estrela da NBA, que xa estaba retirado e tiña case 50 anos). A verdade é que a película non é gran cousa, pero afonda nese universo mítico difícil de ubicar no tempo e no espazo, aínda que moitas cousas lembran en parte á escura Idade Media, e cunhas paisaxes bastante flipantes, sobre todo desérticas. Faime graza que, polo visto, esta continuación da saga tivo bastante menos éxito que a primeira, e moitos o achacan a que había bastante menos sangue que na outra.

A historia é tan simple como sempre neste tipo de películas. Conan e un colega son apresados por unha malvada raíña, e son enviados xunto coa sobriña da raíña, un ser anxelical, e parte da súa escolta, a conseguir uns obxectos máxicos. De camiño ao seu obxectivo, atópanse cun mago e unha loitadora que se unen á expedición, e viven varias aventuras moi máxicas, pero finalmente conseguen os obxectos que buscaban. Eses obxectos eran necesarios para espertar a un deus cuxa estatua tiñan no seu palacio, pero a diferenza do previsto, espertalo non trae máis que novas desgrazas, que casualmente acaban matando a todos os malos, e os bos líbranse polos pelos.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...