martes, 18 de agosto de 2026

O conde de Montecristo

Versións audiovisuais de "O conde de Montecristo" hai moitísimas, está baseada nunha novela de máis de 1000 páxinas de Alexandre Dumas que dá moito xogo, polo visto. Atopei en RTVE Play unha miniserie de 8 capítulos e boteille o dente. En múltiples ocasións vira algunha destas obras ao comezo ou polo medio, pero nunca puidera vela completa, e tíñalle moitas ganas, porque tiña pintaza de ser unha historia moi interesante. E así foi.

"O conde de Montecristo" é unha miniserie de 8 capítulos de 2024 dirixida por Bille August. O papel central é para Sam Claflin, ao que eu non coñecía de nada. O único actor coñecido (para min) é Jeremy Irons, que fai do Abate Faría, personaxe esencial pero que só aparece no segundo capítulo. O resto do elenco nos seus papeis máis importantes está formado por Mikkel Boe Følsgaard, Ana Girardot, Blake Ritson, Karla-Simone Spence, Lino Guanciale, Michele Riondino, Gabriella Pession, Harry Taurasi, Poppy Corby-Tuech, Nicolas Maupas, Amaryllis August, Jason Barnett, Nicholas Farrell e John Ioannou, Foi unha produción franco-italiana.

Supoño que xa coñecedes bastante a historia, así que non me vou extender demasiado. Edmundo Dantés é un xoven mariño marsellés que cae en desgraza a comezos do século XIX. Fai un magnífico traballo salvando ao seu barco de naufragar e por esa razón o capitán o nomea o seu sucesor, xa que o capitán morre na travesía que os trae dende Exipto. Iso non lle fai ningunha graza a Danglars, un tipo encargado da carga do buque, que creía ter méritos para ser o novo capitán. Ademais, Fernando, un catalán amigo de Mercedes, a moza de Edmundo (Mercedes tamén é catalá), tiña xa intención de casar con ela porque deran por mortos a Edmundo e toda a súa tripulación, así que a súa volta tampouco lle gusta demasiado. Escriben unha carta anónima acusando a Edmundo de ser correo de bonapartistas. E por se non chegara con todo iso, cando é detido para corroborar a acusación, o xefe de policía, Villefort, descubre que o bonapartista de París que era correo de Napoleón é o seu propio pai, do que está separado por razóns políticas.

Entre os tres entón dase unha conspiración pola cal Edmundo remata cautivo no Castelo de If, unha fortaleza inexpugnable na costa de Marsella, na que pasa uns quince anos. Ao pouco tempo de estar alí, dinlle á familia que se suicidou na súa cela, así que todos xa o dan por morto. Durante a súa última fase alí coñece ao seu compañeiro que está na cela adxacente, o Abate Faría, un tipo moi sabio que lle transmite moitos coñecementos, e xuntos cavan un túnel para fuxir. Aínda que o traballo avanza bastante ben, ao final consegue fuxir dun xeito bastante peculiar e circunstancial, que non vou revelar aquí, por se alguén aínda non coñece a historia.

Ao fuxir, fai amizade en Marsella cun mariñeiro italiano, Jacobo, que estará con el nos anos seguintes. Unha das cousas que lle ensinou o Abate Faría no castelo foi un mapa dun suposto tesouro que se atopaba na illa de Montecristo, na cercana costa italiana. Efectivamente, atópao e a partires dese intre, pode vivir cun nivel de vida elevadísimo. E dedica todo o seu tempo e esforzo en afundir aos seus tres inimigos. Non en matalos, senón en provocar a súa caída ou cadea, xa que os tres se trasladaron a París e disfrutan de grandes posicións. Finalmente Mercedes e Fernando casaron.

Polo que acabo de ler, hai algunhas sutiles diferencias entre esta miniserie e a novela orixinal, pero non teñen unha grande relevancia na historia.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agatha e a maldición de Ishtar

Hai uns días estaba buscando algunha película breve (por falta de tempo) para ver a última hora da noite, non tiña demasiado tempo para deci...