Como sabedes, nos blogs os artigos lense na orde contraria á da publicación. Isto ten algúns problemas. Por exemplo, este artigo, que será o último que leades sobre un ciclo de películas de Marilyn Monroe, é sobre a primeira película que vin dese ciclo. Nel poñerei a miña opinión e documentación despois de ter visto xa todo o ciclo, que constou de cinco películas. Basicamente quedei coa idea que tiña desa actriz, agás nunha película que me sorprendeu bastante (pero non é esta que comento aquí). Por dicilo nalgures, a idea do título orixinal era sinxela de trasladar a outros idiomas, e en case todos os países fixérono con bastante fidelidade. En varios países de Sudamérica cambiaron "casar" por "pescar" ou "atrapar", pero a esencia mantense.
"Como casar cun millonario" foi dirixida en 1953 por Jean Negulesco. Foi a primeira película rodada en Cinemascope, pero a segunda en ser proxectada en público. O elenco estivo formado por Marilyn Monroe, Lauren Bacall, Betty Grable, William Powell, David Wayne, Rory Calhoun, Cameron Mitchell, Fred Clark e Alexander D'Arcy. Por certo, a voz cantante das mulleres parece levala Lauren Bacall, Marilyn semella algo secundaria nesta película.
A historia é ben simple, pero chirría a estas alturas da historia. Tres mulleres están obsesionadas con casarse con millonarios. Por medio de malas artes, fanse cun ático nunha zona moi céntrica de Nova Iork, e van intentar usalo para conquistar a ricachóns que piquen. Agás unha, que semella a lideresa espiritual do trío (Lauren Bacall), as outras dúas semellan bastante inxenuas e son manexadas pola outra.
Van coñecendo a homes variados, algúns ricachóns que non lles gustan demasiado, outros que lles gustan máis pero non parecen tan ricos, etc. Xa non lembro moi ben o final, que case resulta irrelevante, pero creo que un dos homes que máis lles atraía e que parecía bastante pobre, realmente era moi rico, e as tres mulleres desmáianse ao decatarse da súa falta de "vista".
Saúdos.