domingo, 6 de abril de 2025

A illa dos corsarios

O outro día botaban esta película no espazo de cine clásico da 2. Non me soaba tela visto, e que fora de piratas, e tivera algunhas estrelas da época, fíxoa moi apetecible, pero tamén é certo que é unha película bastante curtiña e penso que bastante mediocre. Unha vez máis, curiosidades do título orixinal e a súa tradución. O orixinal sería "Contra todas as bandeiras" e aquí traducírono como "A illa dos corsarios". Calquera dos dous podería ser válido, pero casualmente, o español describe algo mellor a historia, xa que trata do asalto da mariña inglesa á illa de Madagascar, que en torno ao ano 1700 era unha base pirata (iso din na película, non teño nin a máis mínima idea de se iso é certo).

"A illa dos corsarios" foi dirixida por George Sherman en 1952 (vaia, acabo de ler que o final da rodaxe xa o fixo Douglas Sirk, porque tiveron que retrasalo unhas semanas porque Errol Flynn torceu ou rompeu un nocello). Os tres papeis principais son para Errol Flynn, Maureen O'Hara e Anthony Quinn. Os secundarios non teñen demasiado peso, agás Alice Kelley e Mildred Natwick.

Brian Hawke é un mariño inglés que se infiltra nun galeón pirata xunto con dous compañeiros máis, supostamente porque foron expulsados da Mariña por rebeldía. Son recollidos por un temible pirata chamado Roc Brasiliano, que desconfía deles dende o primeiro momento, pero son levados igual a Madagascar.

Alí son xulgados por un consello pirata, no que está o mesmo Roc, a capitá "Spitfire" Stevens e o mesmísimo Capitán Kidd, que xa vai maior e que xa non recibe o respecto de antano. Non o teñen moi claro, e propoñen un combate entre Hawke e outro convicto, que obviamente acaba ganando Hawke.

Dende o primeiro momento vese que Hawke e Stevens namoraron, e iso non lle gusta nada a Brasiliano, que tamén estaba namorado da capitá, o que aumenta aínda máis a súa carraxe con Hawke. Mentres, Hawke e os seus dous colegas seguen cos seus labores de espionaxe, conseguen o intelixente plano das defensas do porto, e conseguen inutilizar os canóns. Uns días máis tarde, o galeón inglés chegará alí e poderá entrar sen problemas debido ao labor dos espías infiltrados.

Saúdos.



+Cuñados

Vin a primeira parte desta simpática comedia alá na postpandemia, e ademais vina no cine, con máscara, e ata pode ser que fora a única persoa na sala, porque fun vela a unhas salas non moi concurridas un xoves pola tarde (ou sexa, xa fixen todo pensando en conseguir máis ou menos iso, e non me saíu nada mal a táctica).

Oíra que sacaran unha segunda parte, e non me desagradou a idea de vela, pero recoñezo que fixen menos esforzo que na outra ocasión. Hai unhas semanas foi a Semana do Cine Galego no Teatro Colón da Coruña. Estaba moi ocupado pero conseguín atopar un oco o venres ás 8 da tarde. E que película botaban? Pois casualmente "+Cuñados", a continuación da outra, así que a xogada saíu perfecta, de novo. Tamén é certo que non lembraba moito da outra, e moito menos o final, pero tampouco é moito atranco ese.

"+Cuñados" foi dirixida por Luís Avilés (o fillo cineasta de Antón Avilés de Taramancos) en 2024. O elenco estaba de novo encabezado polo "trío calavera", ou sexa, Xosé Antonio Touriñán, Federico Pérez e Miguel de Lira, ben acompañados das súas "cuñadas" María Vázquez, Eva Fernández e Eva Muíños. Tamén andan por alí Mela Casal, Manuel Cortés, David Perdomo e algúns actores portugueses como Ivo Bastos.

Pois nada, os tres tunantes seguen coas súas, e cos cartos do final da primeira parte (xa non lembro moi ben como lles chegaron, pero seguro que non de forma legal), montan un posto de polbo co que van tirando para diante, sen que ninguén lles pregunte nada. Pero a muller do socio portugués da empresa orixinal vai a Ourense coa intención de vengarse dos tres cuñados, pero a cousa non lle sae nada ben. Ao mesmo tempo, unha das cuñadas líase cun dos policías de Portugal que está investigando o caso, e a investigación segue porque agora aparece un cádaver no medio da ponte que une Tui e Valença do Minho. Todo isto no medio do entroido ourensán, así que moita festa.

Saúdos.



Contos na lareira 2025

Chegou á Coruña unha nova edición de "Contos na lareira", unha produción sinxela pero que o ten todo para triunfar. O escenario só ten unhas poucas cadeiras sinxelas e nun estremo hai un pote do que sae un pouquiño de fume (producido de non sei que xeito, pero non molesta e apenas se nota).

Como vedes, a receita é ben sinxela. Os convidados nesta ocasión eran dous (normalmente eran tres), pero dos máis significados: Quico Cadaval e Celso Fernández Sanmartín. Nunca decepcionan, pero como xa os vin moitas veces (a Quico algo máis que a Celso), algunhas historias xa me soan algo repetidas.

Chamoume algo a atención (para mal), que nalgunha historia o chiste baseábase en paradoxas das novas tecnoloxías, como o abismo xeracional á hora de usar móbiles. Un non vai a "Contos na lareira" para oír esas historias, para iso está "Noites de retranca" ou o "Club da Comedia" (aos que obviamente, non vou).

Saúdos.



Un Deus salvaxe

Como xa dixen aquí máis veces, unha das compañías máis fiables do actual panorama teatral galego é Talía Teatro, orixinaria de Cee pero agora radicada en Compostela (creo). Raramente fallan e case todas as súas estreas resultan moi interesantes. A última, que representaron no Teatro Rosalía da Coruña, foi "Un Deus salvaxe", da autoría de Yasmina Reza, autora francesa contemporánea que tamén acerta moito, porque cada certo tempo escribe obra con moito éxito e versións por todo o mundo, como "Arte".

Neste caso, baixo a dirección de Artur Trillo, o elenco está formado por María Ordóñez, Dani Trillo, Marta Lado e Toño Casais, que actúan con frecuencia nas montaxes desta compañía. Se podedes vela, non a perdades.

A trama da obra é sinxela. Dous nenos pelexan no parque e un rómpelle un par de dentes ao outro. Os pais do agredido convidan aos pais do agresor á súa casa para redactar e asinar un documento no que se explica o sucedido, sen maiores implicacións (ou sexa, algo parecido a un parte de accidente de tráfico). Aparentemente, hai harmonía na operación quitando algún pequeno matiz dalgunha palabra ou expresión concreta.

Pero, aos poucos, vaise notando claramente que as catro persoas que interveñen na "negociación" son moi diferentes e que aquelo non pode acabar ben. E cando digo catro persoas non digo os dous matrimonios, porque dentro de cada un deles tampouco hai moita paz, que digamos.

Os pais do agredido son unha nai moi culta e amante da arte ata un punto algo obsesivo, e un pai que se dedica a actividades comerciais e é bastante pragmático. O pai do agresor é un alto executivo que se pasa media obra colgado ao teléfono porque é avogado dunha farmacéutica que pode ter problemas por unha posible demanda. E a súa muller, se non lembro mal, tamén é avogada pero dedícase a outro tipo de temas. En calquera caso, os ataques entre eles que se ven máis adiante non van necesariamente dunha familia a outra, senón en todas direccións, e ás veces prodúcense alianzas inesperadas.

O título da obra vén dunha afortunada (na miña opinión) intervención do alto executivo, que por momentos semella o máis afastado da historia, pero que ás veces ten reflexións bastante acertadas (de novo, na miña opiníon), e que di que os nenos teñen estas cousas pero iso non significa que non sexan civilizados.

Para que vexades que a obra tivo éxito e que xa houbo moitas versións teatrais e incluso cinematográficas, déixovos un vídeo da montaxe en castelán con Maribel Verdú e Aitana Sánchez-Gijón, que xa se fixo hai máis de quince anos.

Saúdos.



Encadeados

Sóame que xa vin esta película non hai moito tempo, pero se xa non lembras demasiado da trama, sempre está ben repetir unha película se está dirixida por Alfred Hitchcock. Como curiosidade, diremos que a tradución do título orixinal sería algo así como "Notoria/o" (non teño nin a máis mínima idea a que poderían referirse), en España a titularon "Encadeados" e en Hispanoamérica "Teu é o meu corazón" (aínda que colateralmente, ao mellor esta podería ser algo fiel á trama, aínda que non é, nin moito menos, unha película romántica).

"Encadeados" foi dirixida por Alfred Hitchcock en 1946. Os dous papeis principais do elenco foron para Cary Grant e Ingrid Bergman. Entre os secundarios destacan Claude Rains, Leopoldine Konstantin e Louis Calhern.

Alicia Huberman é a filla estadounidense dun antigo espía nazi que foi xulgado por traizón a Estados Unidos. Ela leva unha vida despreocupada e pouco despois do xuízo coñece a un atractivo home chamado Devlin, que realmente é un espía estadounidense que finxe namorar dela para conseguir que traballe para elas.

O que lle piden é que se desprace a Brasil e intente contactar e seducir a Alexander Sebastian, o principal elemento do grupo nazi que está traballando alí. Xunto a el está a súa autoritaria nai e un grupo de empresarios e industriais pro-nazis que están investigando nalgo relacionado co uranio (este debe ser o famoso macguffin que aparecía tanto nas películas de Hitchcock).

A película é antiga pero está moi ben, así que non vou desvelar moito máis, por se vos interesa vela por primeira vez, ou de novo.

Saúdos.



Xoana de Vega: a muller que desafiou o seu tempo

Acabo de ler este interesante libriño (ten pouco máis de 100 páxinas, e de formato pequeno, podería lerse en pouco máis de 1 hora) sobre a f...