sábado, 30 de marzo de 2024

A Biblia... no seu principio

Como xa teño dito aquí nalgunha outra ocasión, non me desagradan as películas de temática bíblica. Aínda que poida resultar algo contraditorio para as persoas que me coñecen, a Biblia é unha fonte de guións novelescos e cinematográficos de primeira magnitude, e se ese material cae nas boas mans, o resultado pode ser fantástico (o contrario tamén pode suceder, obviamente). E nesta época de Semana Santa, as televisións adoitan repasar o catálogo bíblico. No espazo de cine clásico da 2 sorprendéronnos o outro día con esta película, da que eu polo menos, nunca oíra falar.

"A Biblia... no seu principio" foi unha produción italo-estadounidense dirixida por John Huston no ano 1966. No seu elenco había sobre todo actores estadounidenses e italianos, dos que eu destacaría (porque xa os coñecía de antes) a John Huston (Noé, tamén facía a voz de Deus na versión orixinal), Franco Nero (Abel), Richard Harris (Caín), George C. Scott (Abraham), Peter O'Toole (os tres anxos), Stephen Boyd (Nimrod) e Ava Gardner (Sara).

Basicamente esta película conta de forma resumida os 22 primeiros capítulos do Xénese, que para min son a mellor fonte de guións da Biblia. Pasan mogollón de historias coñecidas, os personaxes son tamén bastante coñecidos e dan moito de sí. Pero tamén é certo que me pareceu que o ritmo era lento. Ou sexa, o tema daba para máis pero esta vez o director non soubo pulsar a tecla correcta para facer atractiva a proposta.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...