domingo, 23 de febreiro de 2025

Código Emperador

Quería seguir vendo contidos da nova plataforma da TVG chamada "agalega.gal" e pensei que a película "Código Emperador" podía estar ben. Eu agradezo moito poder ver contidos en galego. Está ben, pero tampouco é nada do outro mundo. De momento, e non sei por que razón, na miña smart TV esta plataforma non se ve aínda demasiado ben, cando vexo unha película e levo algún tempo, como media hora, sae a famosa ruleta do "streaming" e ralentízase. Tecnicamente, non ten moito sentido, pero espero que vaia desaparecendo. As primeiras cousas que vin en RTVE Play tamén lles pasou o mesmo.

"Código Emperador" foi dirixida por Jorge Coira (xuraría que aparece nalgunha escena ao estilo de Hitchcock) en 2022. Os papeis principais son para Luis Tosar, Alexandra Masangkay, Georgina Amorós, Denis Gómez, Laura Domínguez e Miguel Rellán. Algunhas escenas foron rodadas na Coruña, lembro ter visto o Pazo da Ópera e algúns outros escenarios tipicamente coruñeses.

Juan é un tipo que traballa para o servizo secreto. Está espiando a unha parella que supostamente trafica con armas, e para conseguir infiltrarse na súa casa, finxe que recibe unha paliza para liarse coa súa criada filipina, pero ao final resulta que acaba colléndolle cariño.

Os seus compañeiros de equipo comezan a ver con preocupación esta relación, e comezan tamén a espialo e a desconfiar del, el decátase e comeza a facer o mesmo con eles. Está claro que a cousa non vai ben. Ten de man a unha amiga xornalista á que lle vai filtrando cousas de cando en vez. Como esta vez a cousa vai regular dille que é posible que lle dea un soplo ben grande con información moi detallada de todas as operacións nas que el está metido, que non son poucas.

Como a película é reciente, non vou desvelar moito máis, por se vos entra o interese de vela. Por certo, acabo de atopala completa en Youtube, pero en español, claro.

Saúdos.



A garra escarlata

Supoño que xa comentei aquí algunha vez que son moi fan do personaxe de Sherlock Holmes dende hai décadas, e está claro que non son a única persoa do mundo á que lle pasa. Se non me equivoco, iso vén dende a miña infancia. Porque aínda teño por casa un fascículo dunha colección con relatos de terror ou thriller, que editou Bruguera a principios dos anos 80. Nese fascículo, dedicado a ese personaxe, veñen uns 8 ou 10 relatos que lin con paixón no seu día.

Cada certo tempo lembro esta teima, e vexo en Youtube algunha das vellas películas dos anos 40 baseadas (ou non) nos relatos de Arthur Conan Doyle. E se vistes este blog hai unhas semanas (ou sexa, algo máis abaixo), vin hai pouco na Filmoteca de Galicia unha magnífica versión de "O sabuxo dos Baskerville", que reavivou este lume. Así que unha noite volvín a Youtube para ver algunha película deste personaxe, calquera me podía valer. E caeu esta.

"A garra escarlata" foi dirixida en 1944 por Roy William Neill, que se especializou nas películas desta saga. Os dous papeis principais foron para Basil Rathbone e Nigel Bruce (facendo de Sherlock e Watson, obviamente). Hai moitos e moi bos secundarios pero non me soa absolutamente ningún. Que quede claro que esta película non está baseada en ningún relato de Conan Doyle, senón que está inspirada precisamente no "Sabuxo dos Baskerville", en canto a ambientación e tipo de misterio.

Sherlock Holmes e o Doutor Watson están en Quebec nun congreso de ocultismo, e alí coinciden con Lord Penrose, que precisamente preside a sociedade canadiense de ocultismo. Están discutindo sobre unha estraña lenda da vila na que vive Lord Penrose, que provocou a morte de moitas ovellas degoladas nos últimos tempos, o que fai pensar a algúns aldeanos que hai un animal moi fero que ninguén consegue ver nin localizar.

Obviamente, Holmes non cre niso, pero cando están alí, reciben a noticia de que a muller de Lord Penrose acaba de morrer do mesmo xeito, e desprázanse todos ao lugar para investigar. Holmes faise o despistado e manda a Watson a investigar á taberna, a ver que información pode conseguir. Mentres, el mesmo, de incógnito, tamén comeza a investigar noutros lugares cercanos. Sen desvelar moito o final, acábase descubrindo que o asasino é un antigo actor con moita capacidade de mimetismo e transformismo que pasa desapercibido na comunidade desenvolvendo varios papeis diferentes.

Saúdos.



Reconversión

Hai unhas semanas estreouse no Teatro Rosalía da Coruña "Reconversión", a última obra da compañía Ibuprofeno Teatro. O pai de Santiago Cortegoso, director da compañía, traballou durante 30 anos no asteleiro ASCON, que estaba en Meira, concello de Moaña (ou polo menos, iso está dicindo el continuamente, que tamén actúa nesta obra). Sufriu a crise do sector naval dos 80 e os 90, que deu lugar á reconversión que dá título á obra. Polo que di tamén o actor-director na obra, pero non sei se é certo, estaba nunha crise creativa (el, non o pai), e ocorréuselle esta idea, porque cando quixo preguntarlle ao seu pai por esta historia, xa estaba moi maior e perdera a memoria.

A obra resulta moi amena de ver, está soando música continuamente porque os seis actores e dúas actrices tamén tocan instrumentos musicais formando algo así como unha charanga. De feito, a obra comeza e remata con todo o grupo entrando ou saíndo polo patio de butacas tocando música. As oito persoas que actúan son: Artur Abad, Cristina Collazo, Santiago Cortegoso, César Goldi, Celia González, Davide González, Fran Lareu e Nani Matos.

Saúdos.

Leria + A Banda da Loba

Hai unhas semanas celebrábase o Día dos Medios en Galego que, obviamente, non tivo demasiada repercusión. Pero os máis interesados no tema soubemos que un dos actos "estrela" ía ser un concerto que tivo lugar no Playa Club da Coruña. Tocaban dous grupos de música que cantan en galego, e neste caso tamén están unido polo feito de que todas as súas integrantes son mulleres.

O primeiro dos grupos é Leria, catro (polo que semella, xa son cinco) rapazas da Coruña que tocan un pop-rock bastante fresco. Xa as vira actuar no xuño pasado no festival que organizou "Aquí tamén se fala" no barrio da Cidade Escolar. Alí era un concerto ao aire libre, ruído de tráfico, etc., e non me deran moi boa impresión. Nesta ocasión, ao ser nunha sala pechada, e cunha grande calidade de son, parecéronme moi boas.

O segundo grupo é A Banda da Loba, para min unha das mellores que hai actualmente no país, con diferenza. Xa debía ser a terceira ou cuarta vez que as veía, e sempre ofrecen concertos moi amenos e interesantes. Están presentando o seu quinto disco, titulado "Lovismo". Cambiaron de guitarrista, antes estaba Inés Mirás (parece que tivo que deixar o grupo por enfermidade, polo que lin nalgures) e ficharon a Iria de Cabo, que demostrou sobradamente o seu virtuosismo no instrumento.

Teño constancia de algunha xente que asistiu a este concerto sen saber moi ben onde ía e ficou moi gratamente sorprendido, sobre todo co segundo grupo.

Saúdos.




Xoana de Vega: a muller que desafiou o seu tempo

Acabo de ler este interesante libriño (ten pouco máis de 100 páxinas, e de formato pequeno, podería lerse en pouco máis de 1 hora) sobre a f...