sábado, 9 de xullo de 2022

Visita ao Pazo de Meirás

Teño un querido amigo que vive a 5 minutos andando (ou menos) do Pazo de Meirás, e levaba tempo insistindo en que o visitaramos. Non o tiña eu moi claro, porque cría que podía visitarse moi pouco do espazo interior, como efectivamente así é, pero semella que a visita máis demorada aínda queda lonxe, polo tanto fomos comezando.

O recinto completo é moi grande, duns 100.000 metros cadrados. Hai bastantes construcións. 

A máis grande e vistosa, aínda que no interior case non pode verse nada, é a casa solariega, mal chamada pazo, que é a imaxe que seguramente todos asociamos a este espazo. Ten dúas grandes torres na fachada, a da dereita chamada de Oriente ou da Quimera, máis alta. A da esquerda é a de Poñente. Na da Quimera tiña lugar a vida de Emilia Pardo Bazán, e na biblioteca do andar superior só podía entrar ela. Na de Poñente estaba o despacho de Franco. Entrábase polo centro, daba a unha grande escalinata que daba paso ás dúas ás. Detrás da torre de Poñente estaba outra de altura similar, e entre as dúas está a capela, que polo visto é o máis antigo da construción, porque o resto, do século XIX, fíxose arredor del. Polo visto, no 1978 (sospeitosamente, ese mesmo ano tamén se incendiaron outras "propiedades" desta simpática familia Franco), houbo un incendio que queimou bastante a á dereita da casa solariega, incluída a biblioteca da Quimera, da que se perderon moitos libros, e practicamente non se tocou nin reformou nada. Ou sexa, que esta xentuza estivo máis de 40 anos disfrutando dalgo que non era seu e sen preocuparse de reparar algo tan grave como un incendio.

A confusión en canto ao nome vén de que "pazo" fai referencia a unha vivenda típica galega, xeralmente en forma de L, na que se traballaba principalmente no campo, agricultura ou gandería. A pouca distancia da casa solariega hai un pazo que cumpre esas características, e que estivo funcionando dese xeito durante bastante tempo.

Por outra banda, na extensa finca hai algunhas construcións máis, e bastante espazo de xardín e bosque, incluso cun bosque de bambú. Por outra banda, hai pezas ornamentais como cruceiros, pías bautismais, bancos e similares, que foron traídos con total impunidade franquista de lugares como o Pazo de Dodro. Esta xentuza, sobre todo Carmen Polo, que tiña bastante fama diso, roubaba todo o que quería de todas partes.

Saúdos.



O vicio de cantar: despedida de Joan Manuel Serrat

Non é que me apaixoe a min a música dos cantautores, agás algunha honrosa excepción como Silvio Rodríguez ou Pablo Milanés (excepción cubana, polo tanto). Pero veu de visita á nosa cidade Joan Manuel Serrat, dicindo que se despedía, e non sei por que, a min iso motívame. Na última década xa fixen tamén iso con Miguel Ríos, Rosendo e Barón Rojo, sempre no Coliseum. Coñecía eu bastantes poucas cancións do repertorio que tocou, como cinco ou seis, pero "Mediterráneo" e "Cantares" xa merecen o esforzo.

Puxen un vídeo que atopei desta mesma xira, así xa podedes facervos unha idea ben aproximada. Como vedes, tocan con el dous veteranos pianistas que lle fixeron arranxos, e semellan colegas del de moitos anos, un batería, un baixo-contrabaixo, un clarinetista-saxofonista-acordeonista, un guitarrista e unha rapaza violinista que tamén canta unha canción con el como solista.

Pois nada, a experiencia estivo ben, que me gusta a min despedirme en persoa da xente que me acompañou amenizando a vida.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...