domingo, 18 de abril de 2021

O sarxento negro

Oín falar moito e moi ben desta película dirixida en 1960 por John Ford. Así que, como a botaban un domingo pola tarde, nin o dubidei. Os dous actores máis salientables e lembrados da película son Jeffrey Hunter e Woody Strode. Woody Strode foi un atleta e xogador de fútbol americano, pero no ano 1960 participou nesta película e en "Espartaco" de Stanley Kubrick, así que naquel momento tamén era unha estrela de cine, pero tiña xa case 50 anos. Xa temos falado aquí da mala sorte de Jeffrey Hunter, que nos anos 50 ía para super-estrela. Protagonizou xunto a John Wayne "Centauros do deserto", e tamén fixo "Rei de Reis" como Xesucristo e esta película. Pero na década dos 60 non tivo tanta sorte e no ano 69 morreu debido a unha sucesión de estraños accidentes en rodaxes.

Tamén poderíamos falar bastante sobre o título da película. O orixinal era "Sarxento Rutledge", que foi o que se usou en case toda Hispanoamérica. En España decidiron convertelo en "O sarxento negro", que non é moi fiel, pero tampouco desvirtúa moito o tema da mesma. Pero en Arxentina decidiron titulala "Capitán Búfalo". Podería parecer un disparate, pero tampouco o é tanto, porque a canción principal da película (escóitase no vídeo que puxen abaixo) titúlase así e fala dese sarxento de modo épico. E acabo de alucinar ao ler que a canción "Buffalo soldier" de Bob Marley refírese ao Noveno Reximento da Cabaleiría, que estaba formado por negros, e que protagoniza esta película.

A historia da película é ben interesante. Está ambientada no Oeste estadounidense na época típica de mediados do século XIX, pero ten pouco que ver coas historias habituais deste xénero. Ten algo da loita contra os indios, pero pouco, é unha película sobre un xuízo militar, e ao mesmo tempo tócase a diferenza racial, entre brancos e negros (que neste xénero case nunca aparecía), e algo tamén cos indios, obviamente.

Todo comeza cando, nun forte militar, aparece morto dun disparo un alto mando e a súa filla aparece tamén morta e violada na habitación contigua. Algúns testigos afirman ter escoitado uns disparos, e a continuación ver como fuxía malferido desa casa o Sarxento Rutledge (protagonizado por Woody Strode), que era un militar negro considerado exemplar ata aquel momento.

A estrutura da película, polo visto, foi moi novidosa no seu momento. O elemento central era o xuízo militar para intentar aclarar a verdade (aínda que case todos daban como culpable ao sarxento, obviamente), e cando ían saíndo a declarar os diferentes testigos, facíase un "flashback" para ilustrar a súa testemuña. Dese xeito íase construíndo a historia. O avogado defensor era o Teniente Cantrell (Jeffrey Hunter) que loitaba contra un agudo fiscal. Polo que parece, o defensor non sabía quen era o culpable, pero semellaba ter claro que non era o sarxento sospeitoso.

Non me vou extender moito contando a historia, porque é bastante complexa e é unha película moi interesante de ver, pero si direi que me chamou a atención da presenza do Noveno de Cabaleiría, formando exclusivamente por negros, e que cubría aquela zona. Eran bastante ben considerados, sobre todo algúns soldados, pero claro, eran negros, así que o xen racista que tiñan e aínda teñen moitos estadounidenses brancos non o podían ocultar facilmente. E ademais estaban tamén algúns indios con algunhas batidas e ataques algo inesperados que aínda lían máis a cousa. Só direi que a historia dá un xiro bastante sorprendente nos últimos minutos, o que lle dá aínda máis interese.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...