Hai uns días estaba buscando algunha película breve (por falta de tempo) para ver a última hora da noite, non tiña demasiado tempo para decidir, e iso sempre leva a escollas regulares, como foi este caso. Creo que a atopei en Amazon, e pode interesar aos amantes de Agatha Christie, aínda que neste caso a protagonista é ela mesma e algunhas das cousas que pasan nela tiveron consecuencias na futura vida da autora. Como din ao comezo da aventura, a historia é unha ficción do que lle puido ter pasado nese tramo concreto da súa vida.
"Agatha e a maldición de Ishtar" foi dirixida en 2019 por un tal Sam Yates (nin el nin ningún dos actores ou actrices me soaba de nada, deben ser dun circuíto descoñecido para min). Os principais papeis da película foron para Lyndsey Marshal, Jonah Hauer-King, Stanley Townsend, Jack Deam e Katherine Kingsley.
Antes imos contextualizar a historia con algúns datos que non saen na película. A finais dos anos 20, Agatha Christie estaba pasando unha fonda crise persoal. No ano 1926 desapareceu durante 11 días con algúns indicios de amnesia. Parece que boa parte diso era culpa da mala relación co seu primeiro marido, do que se divorciou en 1928. Debido a iso, decidiu buscar novas experiencias e coñeceu a uns arqueólogos que estaban excavando en Irak, os Woolley, que tamén protagonizan a película. Ata aquí o contexto.
Chega entón ás excavacións de Irak e atopa a un tipo ferido cun "perdigonazo" na fronte e a un macaco aforcado na recepción do hotel onde se hospedan as persoas que a invitaron e todos os seus colegas. Un colega dos arqueólogos acababa de morrer uns días antes, e outra das hóspedes morre uns días despois. O marido desta segunda señora xa lle dixera que a súa muller tiña unha aventura con outro home. Como vedes, a cousa pinta fantástica. E aínda hai algunha morte máis. E detrás de todo iso, tamén paira a chegada das primeiras excavacións de petróleo a Irak, que ameazan con levarse por diante os restos arqueolóxicos.
Por certo, aquel tipo ao que lle deron un "perdigonazo" na fronte ao comezo da historia era Max Mallowan, que foi o seu segundo e último marido. Agatha sempre tivo certa atracción pola arqueoloxía, pero obviamente a partir de casarse cun arqueólogo, ese interese creceu moito máis.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario