luns, 5 de decembro de 2022

Historias para non durmir

Como xa dixen algunha vez, non me chaman demasiado as series e tampouco o cine de terror. Pero mira ti por onde, estaba vendo eu algún capítulo de "O Ministerio do Tempo" (da que espero falar aquí dentro de pouco, cando poida rematar de vela), e facían algunha referencia a aquela mítica serie de Chicho Ibáñez Serrador. Vagamente lembraba eu algo de cando era pequeno, entroume a curiosidade e mira ti por onde, que está completa en RTVE Play, aínda que creo que tamén pode verse en Youtube.

Tivo tres tempadas, de 13, 13 e 4 capítulos. As dúas primeiras foron na segunda metade dos anos 60, en branco e negro. A última foi no ano 82, tamén pretendía ser de 13 capítulos, e foi gravada en vídeo, ou sexa, menos calidade técnica. Pola miña data de nacemento, só podo lembrar esta última tempada, aínda que pode ser que botaran algúns dos capítulos antigos. Pero tamén é certo que Chicho nos 80 xa estaba triunfando moito co "Un, dous, tres", así que tampouco debeu poñer moita ansia.

Pero a min gustoume moito a serie. Non sabía que fixeran versións de contos de Poe, Bradbury ou Henry James. Outros eran guións orixinais de Luis Peñafiel (o seudónimo de Chicho cando era guionista). E gustoume moito o seu pai, Narciso Ibáñez Menta, como actor, que gran expresividade facial.

Saúdos.



XXV Memorial Ibán Toxeiro: homenaxe a Pedro Brandariz

Hai xa un mes que se celebrou a XXV Edición do Memorial Ibán Toxeito, que organiza todos os anos a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda nesta época do ano. Nesta ocasión fíxose unha homenaxe a Pedro Brandariz, humorista moi querido que morreu en febreiro con 44 anos, cando estaba actuando nun colexio.

A gala durou case 3 horas, estivo presentada por Sabela Hermida, e contou con actuacións de Víctor Grande, Fran Rei, Isabel Risco, as Izquierdo Sisters, Touriñán, David Perdomo e o grupo de teatro da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.

Saúdos.



O home dos círculos azuis

Hai uns anos pasou por diante miña a sinopse desta novela, e chamoume a atención. Non son eu un fanático da novela negra nin de suspense, pero de cando en vez hai que probar, sobre todo cando se saen algo do convencional. Esta novela semella ir moito nesa dirección e probei, e non me desagradou, aínda que recoñezo que é algo desconcertante. Estaba agora mesmo lendo críticas da novela e non hai medias tintas, hai xente que a aborrece (sospeito que amantes da novela negra que non soportan que se afaste tanto do canon), e xente á que lle gustou bastante. A autora é a francesa Fred Vargas, da que non sabía nada.

Supoño que unha das cousas que desconcerta aos puristas é que o comisario Adamsberg, o personaxe principal da novela, xa é desconcertante de por sí. Formula teorías baseadas en intuicións, imposibles de explicar, fai uns interrogatorios bastante surrealistas, e non dá a impresión de que a investigación avance. E ao final (a novela non é moi longa) chégase case de súpeto por esa intuición, e ninguén podía prever que ese ía ser o desenlace final. Supoño que eses puristas son uns posibles "detectives frustrados" e non poden soportar que a novela non dá ningún pé a que demostren a súa pericia.

A historia é bastante curiosa. Nun determinado momento, comezan a aparece en zonas de París grandes círculos azuis, de varios metros de diámetro, pintados no asfalto, e no seu interior só hai uns poucos obxectos irrelevantes, e que ademais ocupan moi pouco espazo, polo que ninguén entende o seu desmesurado tamaño. Chama a atención, a curiosidade, pero o comisario xa comeza a dicir que eses círculos destilan unha grande crueldade e a cousa vai ir a máis en gravidade.

Ninguén o entendía, pero resulta que pouco despois teñen que darlle a razón, porque aparece o primeiro cadáver, e xa se desencadea a psicose. Refórzanse as investigacións, e especúlase se o asasino que mata esas persoas é a mesma persoa que pinta os círculos azuis, ou se son persoas diferentes, se se coñecen ou non, etc. 

E non vou desvelar máis, porque a novela non é moi antiga e se cadra pode interesar a moita xente. Por certo, eu lin a tradución ao galego publicada por Factoría K Narrativa, da editorial Kalandraka.

Saúdos.



Batman Begins

Como xa comentei aquí, nos últimos tempos estou vendo algunhas películas anglosaxonas de superheroes, pero máis da saga de DC que da Marvel, que me desconcertan un pouco. Estoulle dando bastante a Spiderman, algo a Batman e incluso vin varias seguidas de Hulk. Pero o máis interesante que se fixo neste eido é, para min sen dúbida, a triloxía de Batman que dirixiu Christopher Nolan, que me ten pinta que vai ser un dos directores máis importantes da primeira metade do secúlo XXI (creo que xa o é, e aínda lle quedan varias décadas para dar alegrías). Nesta ocasión botaban "Batman begins", que é a primeira da triloxía, xa vin tamén a segunda e só me falta a terceira. Debo recoñecer que xa pasaron unhas semanas e xa case non lembro de que ía, pero si teño claro que o espectáculo audiovisual é apabullante (aínda que efímero na miña memoria).

Foi dirixida en 2005 por Christopher Nolan e no elenco destacaban Christian Bale, Michael Caine, Liam Neeson, Katie Holmes, Gary Oldman, Cillian Murphy, Tom Wilkinson, Rutger Hauer, Ken Watanabe e Morgan Freeman (ou sexa, moitos, e case todos homes). Sigo dicindo que Christian Bale paréceme un actor fenomenal que lle transmite moi ben o espírito desta triloxía, nada maniquea, algo escura e moi realista.

Conta a historia dende o comezo, con Bruce Wayne neno, que lle ten medo aos morcegos, e cuxos pais morren traxicamente. O resto é moi difícil de reproducir, a película é longa e nos filmes de Nolan pasan tantas cousas por minuto que contar a historia completa convértese nunha odisea. Por salientar algo, diríamos que os viláns contra os que máis loita nesta ocasión (non son sempre os mesmos) son o Espantallo e Ra's al Ghul.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...