mércores, 7 de xaneiro de 2026

Contos de Terramar (Historias de Terramar V)

Rematamos aquí esta saga literaria de fantasía. Non é un xénero que me chamara moito a atención, pero decidín probar, e o resultado non está mal. Non quedei entusiasmado. Hai que ter en conta que este volume é o único da saga de seis que non forma parte da "secuencia" histórica de sucesos. Publicouse no ano 2001, antes da sexta e última parte (que xa comentei aquí hai uns días).

Contén cinco relatos e un ensaio. E ademais vai acompañado dun prólogo da propia autora que explica de que trata cada un deles:
- O buscador: ten lugar trescentos anos antes que o resto das novelas, e explica algunhas das cousas que suceden na sociedade de Terramar tempo despois.
- Rosaescura e Diamante: é unha pequena historia de amor entre dous personaxes peculiares.
- Os ósos da terra: explica un feito que se comenta nalgunha das novelas, sobre un dos feiticeiros que foi quen de parar un terremoto.
- Na braña alta: conta un suceso que lle pasou a Ged cando era arquimago.
- Libeliña: di a autora que é un especie de ponte entre a cuarta parte e a sexta, xa que explica a formación de Orm Irian na escola de Roke e a súa conversión en dragón.
- Unha descrición de Terramar: fala sobre os pobos, as linguas, a maxia e a historia de Terramar. Por certo, ao comezo de todos os volumes aparece un mapa das illas dese mundo chamado Terramar.

Saúdos.



O demo dixo non (O ceo pode agardar)

Agora que estou atopando máis películas do magnífico director Ernst Lubitsch en Youtube, estou disfrutando delas. Xuraría que desta oín falar, pero creo que non a vira. Non me gustou tanto como outras deste autor, pero sempre resultan simpáticas e os diálogos están moi pulidos. En canto ao título, en toda América (saxona e hispana) puxeron o de "O ceo pode esperar", pero en España quixeron innovar. Certo é que o "demo dixo non", pero iso non se sabe ata o final da película, así que desvelalo no título non semella unha táctica moi intelixente.

"O ceo pode agardar" foi dirixida en 1943 por Ernst Lubitsch, con guión de Samson Raphaelson. No elenco podemos destacar a Gene Tierney (que na época tiña fama de ser a muller máis fermosa da historia do cine), Don Ameche, Charles Coburn, Marjorie Main, Laird Cregar, Spring Byington, Allyn Joslyn, Eugene Pallette, Signe Hasso e Louis Calhern.

A película comeza co ancián Henry Van Cleve chegando ao Inferno, onde é recibido polo Demo. Henry está máis que convencido que fixo méritos máis que sobrados para estar alí, pero o Demo ten un estricto control de calidade, e non estaba moi enterado do seu caso (así que tan malo non debía ser), así que acepta ouvir a súa historia. E diso trata a película. Como os españois da época xa a cagaron traducindo o título, xa saberedes que finalmente o Demo lle propón que vaia ao Ceo, a ver se alí teñen sitio para el.

Parece que o tipo sempre foi un mal bicho dende pequeno, aínda que houbo momentos non que estivo a piques de deixar esa vida. Estaba sempre de xolda, flirteando con mulleres, sen nada serio, ata que un día, por casualidade, coñece a unha fermosísima muller chamada Martha, da que namora perdidamente, pero pérdelle a pista. Ata que unhas horas máis tarde descubre que vai casar co seu curmán Albert, un repipi avogado insoportable. Henry e Martha fuxen xuntos o día que ían anunciar o compromiso de Albert e Martha, e casan inmediatamente.

Durante uns anos son felices e teñen un fillo chamado Jackie, que semella seguir os pasos do pai, polo menos ás veces. Pero Henry volve ás andadas e segue flirteando. Martha ameaza con deixalo nun determinado momento e volver á casa familiar en Kansas, pero finalmente volve xunto a Henry, animada por Hugo, avó de Henry, que tamén era boa peza. Despois de moitas aventuras parecidas, Henry morre con 70 anos, e o resto xa o sabedes.

Saúdos.



A barraca

E con esta rematamos a maratón de ver series históricas de Televisión Española en RTVE Play. A min soábame algo o título, pero non debín vela, eu era bastante pequeno. Aínda que non o entendo, porque "Cañas e barro" aínda é anterior e si lembro algo, pero pode ser que a repetiran nos 80.

Sempre se dixo que xéneros literarios como a novela e o teatro relatan conflitos. Se non pasa nada, non hai demasiado que contar. Existe por exemplo o mito das obras de teatro de Anton Chejov, nas que supostamente non pasa nada, pero supoño que algo pasa, menos que nas outras, pero algo pasará, digo eu. Vin as representacións dalgunhas obras de Chejov, e efectivamente, moitas cousas non pasaban. Pois nesta historia de "A barraca" pasan cousas, e hai moito conflito, practicamente non hai outra cousa.

"A barraca" foi dirixida en 1979 por Leon Klimovsky. Os principais papeis do elenco foron para Álvaro de Luna, Marisa de Leza, Victoria Abril, Juan Carlos Naya, Lola Herrera, Luis Suárez, Eduardo Fajardo, Terele Pávez, Gabriel Llopart, Fernando Hilbeck, Adrián Ortega e Miguel Ayones. Constou de 9 capítulos que se rodaron na Horta valenciá, cerca da Albufera.

Na historia hai que diferenciar claramente dúas partes: o primeiro capítulo e todos os demais. Porque o primeiro explica boa parte do que pasa despois. No primeiro capítulo vese unha barraca na que vive o Tío Barret coa súa muller e as súas catro fillas. O propietario da barraca, un usureiro de Valencia, denuncia á xustiza ao Tío Barret porque leva tempo sen pagar a contribución e vanse acumulando os intereses. A débeda xa é imposible de pagar, e vén a xustiza a desafiuzalo da barraca. En venganza, o Tío Barret vai cun fouciño a buscar ao propietario, que sempre está vagando polas hortas, e rebánalle o pescozo. Que, non está mal para o primeiro capítulo? Pero o lío vén nos seguintes.

Porque no segundo capítulo aparecen en escena un carro e un cabalo que traen a unha familia formada por un matrimonio e os seus cinco fillos, que veñen a ocupar a barraca do Tío Barret. E iso é o que non pode ser, a Horta quería moito ao tío e ninguén volverá ocupar esa barraca, polo tanto fanlle o baleiro a esa nova familia (que non parecía saber moito ou nada sobre o sucedido anteriormente). Non lles saúdan, non lles prestan nada, non falan con eles nin responden cando lles falan, moi mal rollo.

A familia intenta integrarse pero o resto de veciños pasa deles. Pero resulta que son unha familia moi currante (sobre todo o pai) e adecentan a barraca en tempo record e poñen a producir as terras abandonadas tamén nun suspiro. Así que os novos veciños, ademáis de odiados e non benvidos, agora son envexados.

No capítulo IV agreden aos cinco fillos do matrimonio, en varias accións independentes. E por se non chegara con iso, o vello cabalo que os acompañaba reventa de cansancio ante o traballo. Tampouco está mal para un só capítulo.

Como resultas do anterior, o fillo máis pequeno, que tería 3-4 anos, morre despois duns días de agonía. E incriblemente toda a Horta esquece o anterior e vólcase coa familia no velatorio e enterro do meniño. E a partires de aí, durante un breve tempo, son benvidos, acollidos, préstanlles material co que non contaban.

Ata que Batiste, o pai, ten un día a mala idea de ir á taberna a divertirse, como fan todos. E alí está Pimentó, o seu veciño e líder da Horta, que se encara con el porque paga o aluguer da barraca, e por culpa del todos teñen que facelo agora, cando levaban anos escaqueándose coa escusa de que as terras eran pouco fértiles. Pelexan e Batiste case lle rompe a cabeza a Pimentó.

Debido a iso, volven á posición inicial, ou peor. Agora Pimentó ameaza con matalo en canto teña ocasión e todos os veciños danlle de novo as costas á familia. Atópanse (non por casualidade) no monte con escopetas de caza, e os dous saen feridos, pero Pimentó acaba morrendo. Esa mesma noite, alguén lle prende lume á barraca da familia, e teñen que marchar sen nada (spoiler).

Saúdos.



Xoana de Vega: a muller que desafiou o seu tempo

Acabo de ler este interesante libriño (ten pouco máis de 100 páxinas, e de formato pequeno, podería lerse en pouco máis de 1 hora) sobre a f...