sábado, 29 de outubro de 2022

Do piñeirismo ao Consello da Mocidade

Hai máis de oito anos que un bo amigo que é un dos máximos expertos na historia do nacionalismo galego me agasallara con este libro, do que era un dos seus coautores. Xa sabedes que, para un libro, caer na miña biblioteca, é case garantía segura de esquecemento e ostracismo durante varios anos, para despois pasar a ser candidato a ser lido. Hainos que aínda esperaron máis.

Neste libro, editado pola Fundación Moncho Reboiras, e coordinado principalmente polos historiadores Xoán Carlos Garrido Couceiro e Uxío Breogán Diéguez Cequiel (aínda que hai varios artigos máis, de menor calado), fálase da historia do nacionalismo galego nunha época duns 30 anos. Máis ou menos dende que comezou a Guerra Civil ata mediados dos anos 60, cando nacen a UPG e o PSG, que máis ou menos dan lugar ao BNG uns anos máis tarde.

Obviamente, a figura de Ramón Piñeiro, que falaba de non actuar en política e si na cultura, pero que despois acabou militando no PSOE, non queda moi ben parada. El falaba de impregnar de galeguismo a todos os demais partidos e de non crear ningún propiamente galeguista ou nacionalista. Postura respectable pero que, obviamente, non gusta nada en determinados entornos. 

O que máis me chamou a atención foi a figura de Antón Moreda. Nacido no ano 34 en Galicia, tivo que emigrar de pequeno a Sudamérica, fíxose galeguista no exilio, e decidiu volver a Galicia no ano 60, cando tiña 26 anos. Os conflitos que tivo co grupo "piñeirista" naqueles anos, foron tan terribles e inesperados, que volveuse tolo e estivo internado nun manicomio na Terrá Chá durante uns 40 anos, ata a súa morte, que sucedeu hai uns 10 anos, aproximadamente. Moi interesante historia, da que xa se ten falado nalgún libro e película galega dos últimos anos.

Saúdos.



Avanoa

Hai algún tempo oín falar deste musical, de clara orixe coruñesa. Sae do empeño de varias escolas de música e teatro da cidade. Por exemplo, o elenco saíu da Escola Galega de Teatro Musical e da Rock School Coruña. E entroume a curiosidade por ver que saía de aí. Cando asistín, levei a sorpresa de que unha das actrices principais fora alumna miña. Cousas que pasan.

Como supoño que sabedes, nos musicais habitualmente hai partes faladas e partes cantadas. Obviamente, as partes faladas enténdense mellor, e permítenche entender a historia. Nas partes cantadas, entre que non todo o mundo vocaliza ben, ou esforzos na voz fan que non se entenda tan ben, e que están soando instrumentos que poden enturbiar a letras, se algo non se entende moi ben, tampouco pasa nada grave. Pero é que neste musical non hai partes faladas, só hai partes cantadas.

Polo tanto, non sei se sabería explicarvos exactamente que historia se contaba no musical. Leo na súa web un breve resumo da sinopse e cóstame relacionalo co que eu vin no teatro... Fala de que dous xóvenes que formaban parella, Canavar e Masina, fundaron unha empresa dixital e fixéronse inmensamente ricos. Agora, xa maiores, e coas ilusións perdidas, ven como outros mozos máis ambiciosos queren facerse cos mandos da empresa para facela menos humana e máis maquinal, pero tamén terán oposición.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...