sábado, 26 de outubro de 2024

Tan só a fin do mundo

Hai xa unhas semanas comezou a tempada teatral na Coruña. Este ano propúxenme, porque semella que o calendario mo vai permitir, polo menos en certa medida, ir algo máis a obras desta arte que tanto me encanta. Iso máis ou menos xa o consigo todos os anos, pero este ano ademais vou intentar ir tamén a obras que, en principio, non me atraian tanto, como podería ser esta da que vos escribo hoxe.

"Tan só a fin do mundo" é unha coprodución das compañías Teatro Kamikaze e Teatro Español. O elenco está formado por Irene Arcos, Yune Nogueiras, Raúl Prieto, María Pujalte, Eneko Sagardoy e Gilbert Jackson. Este último é un actor negro que non di nin unha soa frase, que aparece en moitos momentos da obra bailando ou movéndose polo escenario. Por un comentario que se escoita nalgún momento, parece que representaba á morte que se achegaba. O autor foi Jean-Luc Lagarce, que escribiu a obra en Berlín en 1990.

A obra resulta bastante rara e confusa. Un personaxe preséntase ante o público dicindo que sabe que vai morrer dentro dun ano, e que polo tanto, vai pasar pola casa familiar, por onde había tempo que non pasaba, para intentar despedirse (como punto de partida, non está mal, pero resulta un pouco raro ese vaticinio da morte, aínda que ten explicación, como veremos despois).

Alí atópase con catro familiares: a nai, os dous irmáns, e unha cuñada, a muller do seu irmán, á que aínda non coñecera en persoa. E non me estraña que levara tempo sen pasar por esa casa, porque vese que as relacións son moi tensas entre todos eles, practicamente en todas as combinacións posibles. E diso vai a obra, non me deixou gran pegada, non lembro cal era o final, pero creo que non era especialmente impactante.

No folleto que entregaban, pódese ler que pouco antes de escribir a obra, o autor recibiu a noticia de que contraera o virus do VIH. Unha vez lido iso, o resto xa cobra sentido, e explica, ao meu ver, esa certeza da cercana morte que a min me resultaba tan inexplicable.

Saúdos.

 

Paycheck

Xa hai semanas que vin esta película, e apenas lembraba xa nada, tiven que ler un artigo que a resume, para centrarme, e iso debe ser indicio de algo. Tiña ganas de vela dende hai tempo, por estar baseada (unha máis) nun relato do gran Philip K. Dick, un dos autores máis celebrados da ciencia-ficción. No mundo hispanofalante esta película ou o relato no que se baseaba foron titulados "O pago" ou "A paga". Pero é unha historia moi retorcida, non sería doado poñer un título representativo.

Esta película foi dirixida en 2003 por John Woo, e no elenco destacan Ben Affleck, Uma Thurman, Aaron Eckhart e Paul Giamatti.

A historia fala dun exitoso enxeñeiro que é capaz de imitar os sistemas doutras compañías e melloralos. Pero cando remata cada proxecto, bórranlle a memoria por cuestións de seguridade. Chégalle unha moi interesante oferta dun antigo compañeiro de estudios, pero que lle esixe un compromiso de tres anos, moito máis longo do que el adoita asinar.

Fai o traballo, bórranlle a memoria, coma sempre, e o pago será en accións desa compañía, condición que el acepta, aínda que dubida ao principio. Cando vai recoller o seu salario, descubre que as súas acción nesa compañía valen xa casae 100 millóns de dólares, cousas que lle fai moi feliz, obviamente. Pero queda totalmente perplexo cando na empresa lle din que unhas semanas antes devolveulle as accións á empresa a cambio de nada, e hai documentos que o acreditan. Aínda máis perplexo queda cando lle devolven os seus obxectos persoais, que consisten nun sobre con obxectos que non recoñece en absoluto.

A partir de aí, comezan a pasarlle cousas máis tolas e disparatadas cada vez, situacións que non parecen ter saída, pero consegue fuxir de todas elas con obxectos dese "sobre misterioso" que di non recoñecer. Non me vou extender nesta parte da historia, é a maior parte da película e, xa vos digo, tremendamente retorcida, é mellor que a vexades vós mesmos. Non me gustou demasiado que se converte nunha película de acción pura e dura, eu esperaba outra cousa. Como non, ao final a historia comeza ben, ganan os "bos" e acaba obtendo aquela magnífica recompensa monetaria, pero doutro xeito totalmente diferente, porque parece que neses tres anos de traballo estivo traballando nunha máquina que lle permitía prever o futuro.

Saúdos.



Xoana de Vega: a muller que desafiou o seu tempo

Acabo de ler este interesante libriño (ten pouco máis de 100 páxinas, e de formato pequeno, podería lerse en pouco máis de 1 hora) sobre a f...