venres, 17 de maio de 2024

O Padriño

Hai moita xente que considera "O Padriño" (xa non imos discutir cal das tres é a mellor ou gusta máis, hai opinións moi variadas) a mellor ou unha das mellores películas da historia. A min non me parece para tanto, pero recoñezo que é unha película que se ve con agrado. O outro día botaban a primeira parte no espazo de cine clásico da 2 e non lle fixen ascos. Pareceume entender que nas vindeiras semanas caerán as outras dúas, así que aproveitarei para revisionalas, que xa había tempo que non tocaba.

Foi dirixida en 1972 por un novato chamado Francis Ford Coppola, e no seu extensísimo reparto destacan Marlon Brando, Al Pacino, Robert Duvall, James Caan, Diane Keaton e Sterling Hayden, aínda que se poderían mencionar moitos máis.

Como é moi coñecida, bastante longa e pasan moitas cousas, tampouco vou extenderme demasiado na trama, que xa a sabedes de sobra. Só direi que na familia Corleone hai que facer un relevo na cúspide, porque a batalla entre as cinco familias da mafia italiana de Nova Iork provoca un atentado contra a vida de Don Vito, o xefe dos Corleone. Está a piques de morrer, pero conseguen salvalo e sácano incluso do hospital, onde estaba moi exposto. Ao final, morre de morte natural.

O seu fillo Michael, o máis novo, que estaba na II Guerra Mundial, recén rematada, non quería saber nada dos negocios da familia. Pero vendo a situación da mesma, decide implicarse, e acaba sendo o líder ao amosar unha capacidade que supera claramente ao resto de irmáns. Véngase de todas as familias rivais e queda como o xefe máximo.

Agora hai que ver as outras dúas partes para lembrar como evoluciona a historia. Xa digo, vinnas hai moitos anos e só lembro algunhas escenas e situacións da segunda. Da terceira, nin iso. A película resulta moi agradable de ver, e dinámica, pero intuir cales son os momentos nos que van pasar as cousas máis impactantes quítalle algo de misterio, obviamente. Como das outras dúas apenas lembro nada, espero que me sorprendan máis.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...