xoves, 29 de xullo de 2021

Esplendor na herba

Desta película tamén oíra falar moi ben, así que en canto tiven ocasión, non a deixei fuxir. Botárona hai uns días no espazo de cine clásico da 2, como non podía ser doutro xeito. A película está ben pero tampouco me enganchou demasiado, por estar demasiado centrada na relación romántica da parella. Iso si, proxectou ata o infinito as carreiras dos dous protagonistas principais, Natalie Wood e Warren Beatty. Para a actriz, non era a primeira película, pois xa era unha estrela dende nena, pero para o actor e sex-symbol si que o era. Os dous tiñan pouco máis de 20 anos cando a rodaron, en 1961, ás ordes do controvertido (por causas políticas) director Elia Kazan.

Dennie Loomis (Nathalie Wood) e Bud Stamper (Warren Beatty) forman unha exitosa parella que están no seu último curso no instituto. Ela cae moi ben e el máis ca iso, porque é a estrela do equipo de fútbol americano e tamén xoga no equipo de baloncesto. Ela é de familia modesta de clase media, e el é de familia rica, pois o seu pai atopou petróleo (e segue atopando máis) en Kansas, onde viven os dous.

Só saben que están moi namorados, pero as ríxidas convencións sociais e represión sexual existentes no país, coa historia ambientada en 1928, fan que a súa relación pase por altibaixos. Por se non chegara con iso, o posesivo e obsesivo pai de Bud non quere que se case xa con Dennie e poñerse ao cargo dunha granxa que teñen (que é o que quere Bud), senón que pretende pagarlle a carreira en Yale (nunca queda claro que carreira é) e que despois case con ela se quere.

Intentan facer iso, pero Bud, que nunca foi un grande estudiante, fracasa totalmente en Yale. Ao mesmo tempo, Bud pide que se separen durante un tempo, porque lle supera a situación familiar, principalmente provocada pola súa irmá, que é moi rebelde, e de moral moi laxa para o lugar, e está metendo en compromisos e escándalos á familia, dos que Bud se ve obrigado a sacala, nalgún caso levándose algunha paliza.

Cando iso sucede, Bud xúntase de cando en vez con algunha compañeira de clase algo lixeira de cascos, pero obviamente, entérase todo o mundo, e Dennie tamén, que como vinganza xúntanse con outro compañeiro que pretende aproveitarse dela, pero a cousa remata mal, e ela está a piques de suicidarse tirándose a un estanque que remata nunha fervenza, pero a salvan pouco antes.

A familia de Dennie decide ingresala nunha clínica psiquiátrica cara que queda lonxe, onde estará durante un par de anos, e cando volve, xa está comprometida para casar cun médico que tamén estivo alí ingresado durante algún tempo. Nese tempo, Bud casou cunha rapaza que coñeceu durante o seu fracasado tempo universitario, tivo un fillo, e foise a vivir á granxa do pai, que por certo, tamén se suicidou durante o crack do 29 ao arruinarse na bolsa.

En definitiva, que non está mal, porque a complexidade dos dous personaxes neses 2-3 anos de vida que lles coñecemos dá moito de sí. Pero tanto romanticismo a min cánsame, que lle imos facer. Chamoume a atención recoñecer a un dos actores secundarios, Gary Lockwood, que uns anos máis tarde foi un dos actores principais da mítica "2001: Unha odisea espacial".

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...