luns, 4 de xullo de 2022

Os dados de Deus

O volume número 92 da colección Biblioteca Galega que editou a Voz de Galicia no ano 2002 foi "Os dados de Deus" de Arturo Lezcano. Esta colección está formada por 120 volumes, e editouse no ano no que ese xornal cumpría 120 anos. Como vedes, xa estou achegándome ao final desa colección.

Pero este libro concretamente pareceume bastante frouxo. O autor foi xornalista nese mesmo medio, así que non descarto que ese feito fora moi relevante á hora de engadilo a esta colección. Nunca oíra falar das publicacións literarias dese autor alén do xornalismo, e ademais preséntano como un dos pioneiros da ciencia-ficción en galego, e supoño que diso si me tería enterado.

Supostamente este libro trata sobre ciencia-ficción, e si, os seus relatos algo diso teñen, polo menos algúns deles. Pero son tan breves na súa maioría, que cando comezabas a collerlle cariño á historia, xa rematan. Apóianse en ocasións en tradicións galegas, incluso lendarias, o cal non me parece nada mal, pero raramente suxiren ideas interesantes.

Saúdos.



Unha confesión

Nunca pensei eu que chegaría a crear unha sección sobre "Series" neste blog, porque é un formato audiovisual que non me atrae case nada. Dende hai uns anos que apareceron as plataformas de streaming como Netflix, que ofrecen moitos contidos pero sobre todo series (polo que parece), converteuse no formato preferido de case todo o mundo, e moitos din que estamos pasando pola "idade de ouro da televisión". Aínda así, eu non teño a máis mínima intención de darme de alta en ningunha desas plataformas. Pero a miña nova Smart TV ten acceso a varias plataformas como Rakuten, RTVE Play ou EITB que poñen contidos deste tipo ao meu alcance, e vexo algunha cousiña se me chama moito a atención ou resulta asequible.

Esta serie atopeina na plataforma da EITB, que ten contidos en castelán e en eusquera. Eran só 6 capítulos de 45 minutos, así que en poucas horas podía dar conta de toda a historia. Só nese caso ou se os capítulos son máis ou menos autoconclusivos lle darei unha oportunidade. Por exemplo, teño case vista por completo a serie "Sherlock" (só me faltan dous capítulos neste momento, e eran un total de trece), e estou comezando a ver "O ministerio do tempo", pero sen presa, porque cada capítulo conta unha historia diferente. Unha das cousas que me atraeu desta serie é o careto de Martin Freeman, actor principal da miniserie, e que me resulta simpático despois de velo en varias series e películas que me agradan.

Esta serie está baseada no caso real dun asasino en serie que foi apresado pouco despois de cometer o seu último asasinato, aínda que na serie non queda demasiado claro cantas mulleres matou. Está claro que foron dúas, pero os indicios apuntan a que foron moitas máis, pero non se sabe a cantidade exacta.

O dilema moral consiste en que o detective que dirixe as investigacións comete un erro de procedemento que provoca o descubrimento dunha muller que levaba anos morta e desaparecida, pero que a forma de facelo fai que non se poida utilizar como proba nun xuízo. Polo tanto, o asasino cumpre condena de 25 anos polo último asasinato, pero ata varios anos máis tarde, cando un xuíz diferente cre que o erro non foi tan grave, non se lle imputa o segundo delito, que provoca a cadea perpetua. Ou sexa, de novo o debate se a policía pode facer o que quere para obter máis probas ou se hai que conseguilas de forma garantista.

Saúdos.



Sherlock Holmes: Xogo de sombras

Quen lea este blog verá que aparece con certa frecuencia o personaxe de Sherlock Holmes (e máis que aparecerá), que me parece un dos máis fascinantes da literatura universal. Hai algo máis dunha década, alguén probou a facer novas películas sobre este personaxe, obviamente moi diferentes das clásicas, e semella que tivo bastante éxito. O ano pasado vin a primeira desta nova saga e agora tocaba ver a segunda.

Esta segunda da saga foi dirixida en 2011 tamén por Guy Ritchie, así que segue sendo moi visible a súa man, cos cambios de ritmo na proxeción de imaxes, e todos os personaxes repartindo sen compasión. O elenco é máis ou menos o habitual, con Robert Downey Jr, Jude Law e Rachel MacAdams (aínda que o seu personaxe, Irene Adler, aparece só brevemente ao principio, morre axiña, aparentemente). Nesta ocasión aparecen outros secundarios como Jared Harris, Stephen Fry ou Noomi Rapace.

Como pasa sempre coas historias de Sherlock Holmes, e xa non digamos coas versións modernas, nas que retorcen as tramas orixinais ata o infinito, a historia é moi enrevesada. O fondo parece ir de que o profesor Moriarty, o grande inimigo de Holmes, está facéndose aos poucos coa propiedade das maiores empresas de armas, e está organizando atentados orquestrados de xeito que provoquen unha guerra mundial entre as principais potencias europeas, e así saír beneficiado da contenda. Aparecen xitanos que teñen que ver cunha das tramas, persoas que sufriron operacións de cirurxía estética que os converten en practicamente irrecoñecibles, e moitas outras cousas. Ou sexa, unha película trepidante que non aburre nin un segundo.

Saúdos.



Xullo Pop

Nos últimos días celebrouse no Teatro Colón da Coruña o ciclo de concertos Xullo Pop, unha atinada proposta da Área de Cultura da Deputación para darlle visibilidade a grupos galegos dese estilo, aínda que algúns deles non encaixaban demasiado nesa etiqueta. Asistín aos tres concertos con interese, aínda que algún dos grupos xa o coñecía (e non me convenceran demasiado no pasado) e outros os descoñecía, aínda que oíra falar deles.

O primeiro grupo que actuou foi o de Anxo Araújo. Ten unha formación máis ou menos típica con batería, baixo, guitarra, guitarra acústica e voz, e o máis rechamante é o quinto compoñente toca algo parecido a un teclado e a trompeta. Soa bastante a pop, pero tampouco me chamou demasiado a atención.

O segundo "grupo" foi Garza. Realmente non é un grupo, senón a proposta musical de Adrián Charlín, que foi batería en grupos de rock galegos. Case toda a música a produce electronicamente con ordenadores e só está acompañado por unha batería, que toca el mesmo cando deixa ás maquinas producindo son. Acompañouse nunha única peza por un violonchelista. Non me pareceu nada atractiva a súa proposta, pero é que iso me pasa con toda a música electrónica. Serei xa moi maior, pero gústame ver persoas manipulando instrumentos e interpretando a música no momento, os sons pregravados non me gustan demasiado, e cando case todo o que ofreces é iso, obviamente non me gusta.

O terceiro e último grupo foi Grampoder, ao que xa vin actuar hai 6 ou 7 anos na Mardi Gras. Que mágoa de grupo!! Está formado só por dúas persoas, Martín, que canta e toca a guitarra, e Roi, que agora toca só a batería (hai anos tamén tocaba o baixo de cando en vez). Digo o de "mágoa" porque son os dous compoñentes que quedan dos tres que formaban inicialmente The Homens, un magnífico grupo de pop en galego que se disolveu hai uns 10 anos, cando Xocas, o batería, tivo que marchar a traballar (creo que a Portugal). Pois non sei que pasou, pero todo aquel caudal de talento que tiñan cando estaban todos xuntos parece que xa se esgotou, porque as súas cancións actuais non me transmiten case nada.

Saúdos.









Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...