Amosando publicacións coa etiqueta Teatro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Teatro. Amosar todas as publicacións

domingo, 11 de outubro de 2026

As gardiás ou o nó do tecelán

Ultimamente estou bastante liado e non puiden publicar aquí ningún artigo, aínda que si asistín a algúns eventos, como esta obra de teatro, que non estivo mal. 

O autor orixinal é o francés Nasser Djemaï, foi adaptada ao galego por Vanesa Sotelo, traducida polo profesor xa falecido Henrique Harguindey e dirixida por Cristina Domínguez. A montaxe foi das compañías Teatro de Ningures e Amarelo Teatro, e o elenco estivo formado polas actrices Casilda Alfaro, Pepa Barreiro, Melania Cruz, Rebeca Montero e Sonia Rúa.

A temática é algo curiosa, pero non descarto que a sociedade non se dirixa xa cara a ese horizonte. Catro mulleres xubiladas que se coñeceron traballando na mesma fábrica téxtil viven xuntas na mesma vivenda en moi boa harmonía. Todas teñen as súas respectivas casas, pero nesta vivenda vive unha delas, que era a líder sindical, moi querida por todas, pero que agora está impedida nunha cadeira de rodas, e non é autónoma, así que elas bótanlle unha man, e de paso, viven xuntas e felices.

Un día chega a filla da minusválida de visita, e iso non é bo agoiro. É unha boa muller, pero as poucas veces que vén, porque vive lonxe, sempre hai unha pequena revolución. E sobre todo temen a súa reacción ao saber que xa as outras tres se mudaron para esa vivenda e ocuparon as diferentes estancias da mesma.

Ela vén coa intención de levar á súa nai a unha residencia non barata da cidade na que ela vive agora, e pretende pagar ese elevado gasto alugando o piso da súa nai que quedaría baleiro. Obviamente, isto non agrada en absoluto a ningunha das catro mulleres e comeza unha tensa disputa para impedilo.

Saúdos.



venres, 4 de setembro de 2026

A velada de Londres


Acabo de asistir á estrea da obra teatral "A velada de Londres", a cargo da compañía ButacaZero. O director da maioría das obras da compañía, Xavier Castiñeiras, foi alumno de Manuel Lourenzo, e esta foi a forma que atoparon de homenaxear ao que foi o seu mestre, falecido o pasado ano 2025.

A obra foi máis ben breve, dunha hora, e había poucos actores sobre o escenario, ou sexa, moi na liña do que era o teatro de Manuel Lourenzo, que pode verse aínda nas montaxes de Casahamlet, escola de teatro coruñesa fundada por Manuel Lourenzo e Santiago Fernández en 1998. Actuaron Xurxo Cortázar, Teo Piñeiro, Sophia Rodal e tamén estivo a soprano Esperanza Mara cantando e tocando o violonchelo.

Como en tantas outras obras de Manuel, era unha reinterpretación dun mito ou obra clásica. Neste caso é do mito de Drácula, e presenta a Jonathan e Mina Harker despois da visita do inglés a Transilvania, de onde volve obsesionada coa figura de Drácula. Tamén aparece un estraño e enigmático doutor que semella ser o temible e fascinante Conde.

Teño que recoñecer que non me gustou demasiado, pero tampouco me sorprendeu, porque sempre me pasa o mesmo coas obras deste autor. Son habitualmente moi pretenciosas ou transcendentes, pero a min non me transmiten case nada. Cousas que pasan.

Saúdos.

sábado, 4 de xullo de 2026

Iribarne

Esta obra de teatro xa debía levar cerca de dous anos de xira, oíra falar moi ben dela e tiña ganas de vela, porque a primeira vez que veu á Coruña non me foi posible ir. Pero a segunda, cando pechaban a xira, non a deixei fuxir. E de novo volveron encher o Teatro Rosalía de Castro.

A obra é da compañía Butaca Zero en coprodución co Centro Dramático Nacional (CDN) e a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT). Non é normal que esta compañía faga producións tan grandes e potentes, pero esta vez valía a pena. A autora é Esther Carrodeguas, a dirección é de Xabier Castiñeira, e o elenco está formado por Mónica García, Xurxo Cortázar, Anxo Outomuro, Lidia Veiga, Jorge de Arcos e Esther Carrodeguas. Todos facendo de Manuel Fraga (si, as actrices tamén) en diferentes momentos da súa intensa vida. Tres horas de obra xunto cun descanso de quince minutos cronometrados.

Había, antes de vela, algo que me desconcertaba. Supostamente era unha crítica moi ácida a Manuel Fraga e a todo o que el representa (franquismo e Partido Popular). Pero me desconcertaba que a estrea da xira inicial fora en Vilalba, a vila natal de Fraga e onde supostamente o idolatran. Pero despois de vela está claro: non hai compaixón e é unha crítica feroz ao seu labor e traxectoria, e nas partes que tocan, tamén ao Franquismo (chámanlle Paquita todo o tempo). Non me explico como puido estar de xira por todas partes, con coprodución do Centro Dramático Nacional, e que non se escoitara o máis mínimo comentario da "caverna mediática madrileña".

Saúdos.



O proceso

Tiña no punto de mira dende hai algún tempo esta obra, que levaba algún tempo de xira por Galicia. Non me soa que viñera á Coruña, pero en canto souben que ían representala no Centro de Usos Múltiples do Burgo, en Culleredo, non o dubidei.

Trata sobre a denuncia que o bispo de Ourense interpón contra Manuel Curros Enríquez por varios dos poemas da súa obra "Aires da miña terra". Oíra falar bastantes veces do tema e apetecíame ver unha montaxe teatral que abordara o asunto, que ao final quedou en nada.

A montaxe foi da compañía Malasombra, a autoría e dirección foi de Cándido Pazó, que sempre é unha garantía, e o elenco estaba formado por Jouse García, Marcos Orsi, Paula Pier e Xoque Carbajal. O auditorio estaba case cheo (tampouco é tan grande) e gustou moito.

Saúdos.


luns, 25 de maio de 2026

Made in Galiza

Xa había algún tempo que non ía ao teatro, pero por fin atopei algo interesante ao que acudir. O outro día, no Fórum Metropolitano. A cita era coa compañía Sarabela Teatro, sempre fiable, e co seu espectáculo "Made in Galiza", baseado en textos da obra de Sechu Sende, publicada xa hai 15 ou 20 anos con bastante éxito.

A temática principal é defender a riqueza e valor da lingua galega, por medio de sketches bastante simpáticos que son postos sobre as táboas por Elena Seijo, Sabela Gago, Fernando Dacosta e Josito Porto, baixo a dirección de Fina Calleja, co seu bo facer habitual.

Saúdos.



sábado, 4 de abril de 2026

Artur Ui, o ovo da serpe

A magnífica compañía teatral Talía Teatro uniuse a Quico Cadaval para representar a obra "Artur Ui, o ovo da serpe", que é unha versión de "A resistible ascensión de Arturo Ui", escrita por Bertolt Brecht en 1941.

O autor orixinal satirizou o ascenso do nazismo por medio dun ficticio xefe mafioso de Chicago. Actualmente hai varios líderes mundiais que o lembran bastante, así que esta montaxe moderna fainos pensar en personaxes que apareceron nunha pantalla nos últimos segundos da obra, como Trump, Netanyahu ou Putin, o que provocou as previsibles ovacións ao rematar a mesma. Como dixo o outro, a historia repítese. Neste caso está ambientada no extremo Oriente, pero a temática é a mesma.

Quico Cadaval dirixe a obra, e o elenco está formado por Dani Trillo, Marta Lado, Toño Casais, María Ordóñez, Diego Rey, Marta Ríos, Xurxo Barcala e Artur Trillo.

Saúdos.



sábado, 10 de xaneiro de 2026

A Fundación

Dende hai xa uns cantos anos, os alumnos de 2ºBacharelato que se examinan da PAU en Galicia (ao mellor no resto de España tamén, non o sei) teñen que ler unha serie de obras na materia de Lengua Española, que despois "caen" nesa temible proba. Unha delas nestes momentos é "A Fundación", obra de teatro de Antonio Buero Vallejo. Xa oíra falar dela moitas veces, pero saber que no mítico espacio de teatro "Estudio 1" estaba gravada unha montaxe desa obra animoume a vela en RTVE Play, porque tiña moi boa pinta. Por certo, poño este artigo na sección de "Teatro" aínda que a vin na televisión, non en directo.

Esta "montaxe" concreta foi dirixida en 1977 por José Osuna e os principais papeis do elenco foron para Paco Valladares, Jesús Puente, Manuel Gallardo, José María Guillén, José Caride, Luis García Ortega, Celia Castro, Rafael Duque, José María Álvarez. A obra orixinal escribiuse poucos anos antes, foi escrita en 1973 e estreada no teatro en 1974. E isto chama a atención porque sería moi doado interpretar a obra como unha crítica ás ditaduras totalitarias, e nese momento en España aínda había unha (estaba nas últimas, pero naquel momento non podían sabelo, só intuilo).

Cinco homes (Tomás, Tulio, Asel, Lino e Max) comparten unha habitación nun sitio que se chama "A Fundación", que ao principio parece un avanzado centro de investigación. Todo parece ir ben e as únicas presencias "extrañas" son un certo mal olor que sae do baño e un tipo que está deitado nunha cama, que non se move nin fai nada, só fala de cando en vez.

Pero axiña se detecta que deses cinco homes, catro están algo enfrontados a un deles, Tomás. Este semella ver e ouvir cousas que os outros non perciben, e dálle un aire moi estraño a toda a escea. Segundo avanza a historia, sábese que algunhas das cousas estrañas que se notaban ao comezo eran só ilusións de Tomás, como o home enfermo que estaba na habitación, e o bo ambiente no suposto centro de investigación.

Porque ao final sábese que realmente están na celda dun cárcere, e de que están condenados a morte. E ao final el vai lembrando que primeiro o apresaron a el, e el delatou ao resto da organización á que pertencía, e por iso colleron aos demais, que antes non o coñecían.

Como posibles interpretacións da obra hai a obvia crítica ás ditaduras (como a que había en España naquel momento) ou outras máis metafóricas, sobre o cárcere que é a vida, sempre ameazada pola morte.

Saúdos.





domingo, 28 de decembro de 2025

Crisálida

Onte fun ver ao Teatro Rosalía unha obra á que lle tiña certas ganas. Titúlase "Crisálida" e foi posta en escea por Caramuxo Teatro, compañía coruñesa que se dedica normalmente ao teatro infantil, pero que ás veces fai obras tamén para público máis adulto, como pode ser esta. De feito, a media de idade onte era máis ben elevada, como pasa habitualmente co púbico teatral (polo menos na Coruña).

É unha obra breve, muda, de máscaras e algún monicreque, que fala sobre a histórica mercería coruñesa "A Crisálida", que agora está en San Andrés, e que antes estaba na mesma rúa, ou bastante cerca. Eu nunca entrei alí, pasei algunha vez por diante e flipei bastante, e teño entendido que as persoas que a rexentaban (creo que eran dous irmáns, Fernando e Nieves) eran algo peculiares. E foi moi soado que, cando tiveron que pechar por xubilación, colleu a mercería un rapaz novo que está marcando tendencia. Diso trata a obra.

Os catro intérpretes son Josito Porto, Laura Sarasola e Juan Rodríguez (os dous fundadores de Caramuxo) e Anahí Taraburelli. Eu xuraría que levan xa varios anos de xira con ela. Pero ao final da obra dirixíronse ao público, e daba a impresión de que era a primeira vez que a representaban na cidade, ou polo menos nese teatro.

Saúdos.



luns, 8 de decembro de 2025

1936

Unha das grandes últimas montaxes do teatro español foi "1936", a cargo do Centro Dramático Nacional. Parece que se estreou a finais de 2024, e todo pinta que pode seguir de xira en 2026. Veu a comezos de 2025 a Coruña, pero esgotáronse as entradas axiña (a pesar de que estaba tres ou catro días, algo bastante inusual). Tiña un certo interese en vela pero xa a dei por perdida, cousas que pasan. Pero mira ti por onde, de casualidade, saíu a posibilidade de vela a comezos de novembro en Narón, que ten un auditorio teatral prestixioso. E ata alí fomos.

Para comezar, reiterar iso, que Narón ten unha cultura teatral máis que consolidada, coa súa propia Escola Municipal de Teatro, que leva décadas formando á xente da profesión. E unha programación estable, que ten funcións todas as semanas. Tendo en conta que Narón ten uns 40 mil habitantes, e que está pegada a Ferrol, que ten uns 70 mil, non está nada mal para unha poboación dese tamaño. Xuraría que antes facían o teatro nun edificio máis antigo e que hai poucos anos se mudaran ao novo Pazo da Cultura, que nos pareceu impoñente, cun auditorio comodísimo e moi amplo, no que deben caber 700-800 persoas.

O elenco e equipo da obra é fantástico. O texto é de Albert Boronat, Juan Cavestany, Andrés Lima e Juan Mayorga. A dramaturxia é de Albert Boronat e Andrés Lima, e a dirección é deste último. Actúan representando infinidade de papeis diferentes Cristina Arias, Mamen Camacho, Antonio Durán “Morris”, Natalia Hernández, María Morales, Paco Ochoa, Guillermo Toledo e Juan Vinuesa, acompañados por un coro de xente nova, que deben ser en torno a 15 ou 20 persoas. A obra dura unhas 4 horas e 15 minutos, con dous descansos. Nos laterais do escenario tamén se poñen algunhas butacas para acoller a algo máis de público (haberá escenarios onde non sei se caberán). Parece que ao comezo da xira estaban no elenco Blanca Portillo e Alba Flores (e se cadra outras persoas das que eu non oíra falar), pero parece que xa non actúan na obra.

Con tanto esforzo, xa suporedes que está moi ben. Obviamente, nunha obra tan longa, hai momentos máis altos e outros máis baixos, pero non necesariamente son os mesmos para todo o mundo. Eu fun cun grupo de xente numeroso, e había sensacións diversas en cada un dos tramos. Estando moi ben, a min deixoume algo frío, porque tratar algo tan denso e intenso como os oito anos de República e Guerra Civil non é doado nin sequera con catro horas de obra. Pero vaia, se tedes a oportunidade de vela, eu non a deixaría fuxir.

Saúdos.



luns, 27 de outubro de 2025

Os dous de sempre

A fantástica compañía Mofa e Befa, que agora forma parte de Producións Excéntricas, acaba de estrear unha versión teatral de "Os dous de sempre", a novela curta de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

Como sabedes, toda esta xente é moi fiable. Nesta montaxe están sobre as táboas Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira (Mofa e Befa), pero nesta ocasión están moi ben acompañados por Josito Porto. Se non entendín mal, a idea inicial era que estivera Piti Sanz, pero ante a súa repentina morte en xuño, tiveron que buscar un substituto. Nalgunha escena están os tres tocando algún instrumento musical, especialidade de Piti, que era músico.

Se os personaxes principais de "Os dous de sempre" eran dous, o vago e lacazán Pedriño e o eivado Rañolas, pode que vos preguntedes para que facía falla un terceiro actor. Pero en moitas escenas facían falla máis personaxes, e na primeira parte cóntanse escenas da vida de Castelao.

Saúdos.


domingo, 28 de setembro de 2025

Go home

Onte fun ao Teatro Rosalía da Coruña a ver a obra de teatro "Go home", que xa leva algún tempo de xira por Galicia, seguramente máis dun ano. Xa actuaron na cidade algunha vez, pero non me foi posible vela, e esta vez non a deixei escapar. O teatro estaba case cheo, e houbo sesións en dous días consecutivos.

O autor da obra é José Luis Prieto Roca, que xa leva décadas ofrecendo obras moi interesantes, pero segue sen ser moi coñecido. A dirección estivo a cargo de Tito Asorey coa axuda de Melania Cruz. O elenco estaba formado polo veterano Josito Porto e por David Amor, que non o fixo nada mal, tendo en conta que el non destaca moito como actor de teatro senón como monologuista.

A historia trata do encontro de dúas persoas nun lugar estraño. Un turista perdido aparece de madrugada nunha casa afastada na que o recibe un anfitrión bastante hostil. Resulta que o anfitrión é un tipo que odia aos turistas e que xa viviu en varios lugares, como Combarro e Compostela, dos que di que tivo que fuxir pola invasión turística. Decidiu afastarse e irse a unha aldea illada para non ter que soportalos máis, e a pesar diso, aínda lle aparece algún despistado na súa mesma casa.

A relación é moi tirante, obviamente, e coa axuda dunha escopeta, maltrata e humilla ao turista que chegou alí. Incluso obrígalle a gravar un vídeo avisando de que deben irse todos os turistas de Galicia, xa que ten secuestrado ao seu visitante.

O final é bastante sorprendente, así que non o vou destripar, porque aínda poderíades vela nos vindeiros tempos. Déixase ver bastante ben.

Saúdos.



sábado, 24 de maio de 2025

As desterradas

Xa leva varios meses de xira polo país esta obra, da que oín falar moi ben, e tiña ganas de vela. Ademais, esta montaxe é da compañía Producións Teatrais Excéntricas, e iso é garantía de éxito case total. O Teatro Rosalía de Castro da Coruña estaba case cheo. Tristemente, esta representación tivo lugar exactamente o mesmo día que morreu Piti Sanz, músico que estaba moi unido a esta compañía.

A autora da obra é Carme Varela, e a dirección é de Quico Cadaval. No elenco están catro actrices que fan sempre de monxas, Belén Constenla, Patricia Vázquez, Rebeca Montero e Rocío González, por outra banda está Melania Cruz, que nalgún momento fai de monxa pero case sempre fai de aldeá, e remata en Víctor Mosqueira, que fai un cantos papeis diferentes nos que apenas fala, como aldeán, romeiro, músico...

A historia está ambientada no mosteiro bieito feminino de San Salvador de Albeos, que acolle as reliquias de San Paio, que era daquela zona. Nos séculos XV e XVI, os mosteiros bieitos de Galicia estaban enfrontados á coroa de Castela. E a raíña Xoana decretou mediante unha carta que as monxas debían deixar ese mosteiro e marchar para o de Antealtares en Compostela, onde xa estiveran varias veces, aínda que elas alí considerábanse "desterradas". Acatan a orde (non todas) con resignación, despois de resistirse todo o que puideron.

Saúdos.



domingo, 4 de maio de 2025

Manuela Rey is in da house

Teño a sensación de que nos últimos tempos o Centro Dramático Galego colleu de novo un certo pulo. Semella que a dirección de Fran Núñez estalle dando algo de aire fresco, e hai bastantes producións e bastante variadas. Seguro que haberá moita xente da profesión teatral que non estea de acordo, e que saben máis ca min do tema, pero tamén é certo que é un sector no que teñen bastante tendencia a estar insatisfeitos, pase o que pase.

O caso é que onte mesmo vin unha das súas últimas producións, que xa dende o título semella pouco convencional: "Manuela Rey is in da house" (supoño que o título está en inglés, pero nin iso podería asegurar). A obra non está mal, pero hai que recoñecer que estiran o chicle dun evento ou sucedido do que se sabe moi pouco, e supoño que o fan a partir de elucubracións e moita imaxinación.

O evento ou sucedido foi o descubrimento da existencia dunha actriz galega de mediados do século XIX, que morreu pouco tempo despois sendo unha estrela do mundo teatral en Portugal, pero da que non se sabe apenas nada (sobre todo dos seus primeiros anos, dos últimos xa si).

Manuela Rey naceu en Mondoñedo en 1842. Por algunha razón que se descoñece, con poucos anos (se cadra 8 ou 10) marchou dalí cunha compañía teatral. Cabe a posibilidade de que algún dos integrantes da compañía fora familiar seu, pero tampouco está nada claro.

Despois de actuar principalmente en lugares do noroeste da península ibérica, acabou chegando a Portugal con non moitos anos, menos de 20. E alí tivo sorte e pasou a formar parte do elenco estable do Teatro Nacional Dona María II, que está no centro de Lisboa. Era xa unha estrela consagrada, e consérvase algunha fotografía. Morreu a comezos de 1866, cando só tiña 23 anos.

É unha coprodución do Centro Dramático Galego, o Centro Dramático de Viana do Castelo, o Teatro Nacional Don Joao, o Teatro Nacional Dona María II e incluso o INCIPIT, que pertence ao CSIC, porque houbo traballos de arqueoloxía (documental) debidos a esta investigación. O elenco está formado por oito persoas, catro galegas e catro portuguesas.

Saúdos.



domingo, 6 de abril de 2025

Un Deus salvaxe

Como xa dixen aquí máis veces, unha das compañías máis fiables do actual panorama teatral galego é Talía Teatro, orixinaria de Cee pero agora radicada en Compostela (creo). Raramente fallan e case todas as súas estreas resultan moi interesantes. A última, que representaron no Teatro Rosalía da Coruña, foi "Un Deus salvaxe", da autoría de Yasmina Reza, autora francesa contemporánea que tamén acerta moito, porque cada certo tempo escribe obra con moito éxito e versións por todo o mundo, como "Arte".

Neste caso, baixo a dirección de Artur Trillo, o elenco está formado por María Ordóñez, Dani Trillo, Marta Lado e Toño Casais, que actúan con frecuencia nas montaxes desta compañía. Se podedes vela, non a perdades.

A trama da obra é sinxela. Dous nenos pelexan no parque e un rómpelle un par de dentes ao outro. Os pais do agredido convidan aos pais do agresor á súa casa para redactar e asinar un documento no que se explica o sucedido, sen maiores implicacións (ou sexa, algo parecido a un parte de accidente de tráfico). Aparentemente, hai harmonía na operación quitando algún pequeno matiz dalgunha palabra ou expresión concreta.

Pero, aos poucos, vaise notando claramente que as catro persoas que interveñen na "negociación" son moi diferentes e que aquelo non pode acabar ben. E cando digo catro persoas non digo os dous matrimonios, porque dentro de cada un deles tampouco hai moita paz, que digamos.

Os pais do agredido son unha nai moi culta e amante da arte ata un punto algo obsesivo, e un pai que se dedica a actividades comerciais e é bastante pragmático. O pai do agresor é un alto executivo que se pasa media obra colgado ao teléfono porque é avogado dunha farmacéutica que pode ter problemas por unha posible demanda. E a súa muller, se non lembro mal, tamén é avogada pero dedícase a outro tipo de temas. En calquera caso, os ataques entre eles que se ven máis adiante non van necesariamente dunha familia a outra, senón en todas direccións, e ás veces prodúcense alianzas inesperadas.

O título da obra vén dunha afortunada (na miña opinión) intervención do alto executivo, que por momentos semella o máis afastado da historia, pero que ás veces ten reflexións bastante acertadas (de novo, na miña opiníon), e que di que os nenos teñen estas cousas pero iso non significa que non sexan civilizados.

Para que vexades que a obra tivo éxito e que xa houbo moitas versións teatrais e incluso cinematográficas, déixovos un vídeo da montaxe en castelán con Maribel Verdú e Aitana Sánchez-Gijón, que xa se fixo hai máis de quince anos.

Saúdos.



domingo, 23 de febreiro de 2025

Reconversión

Hai unhas semanas estreouse no Teatro Rosalía da Coruña "Reconversión", a última obra da compañía Ibuprofeno Teatro. O pai de Santiago Cortegoso, director da compañía, traballou durante 30 anos no asteleiro ASCON, que estaba en Meira, concello de Moaña (ou polo menos, iso está dicindo el continuamente, que tamén actúa nesta obra). Sufriu a crise do sector naval dos 80 e os 90, que deu lugar á reconversión que dá título á obra. Polo que di tamén o actor-director na obra, pero non sei se é certo, estaba nunha crise creativa (el, non o pai), e ocorréuselle esta idea, porque cando quixo preguntarlle ao seu pai por esta historia, xa estaba moi maior e perdera a memoria.

A obra resulta moi amena de ver, está soando música continuamente porque os seis actores e dúas actrices tamén tocan instrumentos musicais formando algo así como unha charanga. De feito, a obra comeza e remata con todo o grupo entrando ou saíndo polo patio de butacas tocando música. As oito persoas que actúan son: Artur Abad, Cristina Collazo, Santiago Cortegoso, César Goldi, Celia González, Davide González, Fran Lareu e Nani Matos.

Saúdos.

mércores, 29 de xaneiro de 2025

A Rexenta

Unha das novelas máis destacadas e famosas da literatura en español é "La Regenta", do autor Leopoldo Alas "Clarín", ambientada na súa Vetusta (Oviedo) natal. Eu tiven a sorte de poder lela na mesma cidade durante unha Semana Santa xa hai uns cantos anos. Aparte diso, creo lembrar que tamén vin a serie que fixo RTVE hai anos, protagonizada por Aitana Sánchez-Gijón e Carmelo Gómez (está en RTVE Play, ao mellor repito un ano destes). 

Pero non me soaba ter asistido nunca á versión teatral desta célebre obra. Así que aproveitei a visita a provincias desta produción do Teatro Fernán Gómez, o Centro Cultural da Villa e Secuencia 3, aparte da colaboración de varias compañías máis.

Todos os actores e actrices fano moi ben e resultan moi convincentes. Só mencionarei os principais: Ana Ruiz como Ana Ozores, Alex Gadea como Don Fermín, Joaquín Notario como Victor Quintanar e Jacobo Dicenta como Álvaro Mesía.

Por se non coñecedes a historia, unha beata (ou algo así) de Vetusta chamada Ana Ozores debátese entre o amor e/ou o cariño a Víctor Quintanar (o seu vello marido), Álvaro Mesía (o gigoló da vila) e Don Fermín de Pas (o seu confesor de Catedral, que tampouco parece moi de fiar). Hai uns cantos personaxes secundarios que tamén lle dan moito xogo á historia.

Saúdos.



domingo, 22 de decembro de 2024

Entrega en man

Xa había algún tempo que non ía ao teatro. E a esta obra tíñalle bastantes ganas, xa leva algún tempo de xira e estaba agardando a que pasara por Coruña. A sinopse inicial soa a algo surrealista, e podía irselles das mans, pero vaia, ao final acaba resultando máis interesante do previsto inicialmente.

"Entrega en man" é unha adaptación de Cándido Pazó da obra orixinal do dramaturgo irlandés Martin McDonagh, do que o teatro galego xa aproveitou moito a súa obra. No elenco están Evaristo Calvo, María Roja, Diogo Sales e Santi Romay.

A trama é bastante singular. Un tipo anda polos Estados Unidos ofrecendo unha recompensa para recuperar a man que lle cortaron de forma arbitraria cando tiña 16 anos, e diso xa pasaron 27. Obviamente, a posibilidade de atopala é moi baixa, pero hai xente sen escrúpulos que pretende aproveitarse da súa obsesión, como unha parella de delincuentes de baixa estofa, que rouban unha man dun museo e din que é a súa, pero parece bastante imposible, xa que esa man é aparentemente negra, e el é branco (e bastante racista, por certo).

O seu encontro prodúcese nun hotel moi cutre, e o recepcionista tamén é algo delincuente, e métese no medio da estraña relación puntual que se produce alí, e de todo iso non pode saír nada bo. Non vou desvelar o final, pero hai que recoñecer que o final é un pouco sorprendente.

Saúdos.



domingo, 17 de novembro de 2024

Terceiro acto

O outro día fun ao Teatro Rosalía de Castro da Coruña para ver unha obra á que lle tiña certas ganas. Estreouna o Centro Dramático Galego xa no 2021 en plena pandemia (vense imaxes de ensaios e representacións con mascarilla), cando o acceso a teatros estaba máis restrinxido. Non sei se por esa razón ou por outra, aínda non conseguira vela, non lembro se xa viñera á miña cidade. En calquera caso, parece que quedaron contentos co resultado e están facendo xira de novo para que poida vela toda a xente que non o fixo no seu momento.

A obra titúlase "Terceiro acto". Foi creada e dirixida por Andrea Jiménez e Noemí Rodríguez. En principio, semella que foi creada para reivindicar o papel dos actores e actrices veteráns, que en Galicia hai moitas e moi boas. Se non me engana a memoria, o elenco orixinal da obra estaba formado por Eduardo Rodríguez Cunha "Tatán", Roberto Leal, Fernando Morán, Mabel Rivera e e Belén Constenla. Na representación que vimos o outro día, só estaba Fernando e Belén. Os outros actores e actrices foron substituídos por César Cambeiro, César Goldi e María Costas.

A obra trata de algo así como que está previsto facer unha montaxe desa mesma obra, pero por algunha razón, o Centro Dramático Galego decide cancelar o proxecto no último momento para facer outro paralelo con actores, actrices e equipo de xente nova, que pode resultar máis atractivo para o público. Obviamente, os veteráns non aceptan de bo grao a decisión, e deciden pecharse na sede do Centro Dramático Galego para que o proxecto orixinal se retome.

A min agrádame iso de reivindicar o papel dos actores e actrices veteráns, sempre moi profesionais e efectivos, e non deixalo todo en mans de xente nova que aínda non ten un nivel de calidade ganado e adquirido (agás excepcións, claro). Pero a obra en si decepcionoume un pouco, non lle vin moita substancia.

Saúdos.



luns, 11 de novembro de 2024

O dragón de ouro

Un ano máis, somos fieis á visita da espléndida compañía ourensá de teatro Sarabela, que raramente decepciona. Certo é que a obra desta vez non é a mellor que lles vin, pero tampouco a peor, porque non hai ninguén infalible.

Nesta ocasión representaron "O dragón de ouro" do autor alemán Roland Schimmelpfennig (totalmente contemporáneo, da mesma idade que os actores). Está ambientada nalgún lugar de Europa e todo xira en torno a un edificio que ten no seu baixo un restaurante asiático dese nome, e nos seus andares superiores viven diferentes persoas ás que lle pasan cousas de todo tipo. 

Hai moitas tramas mesturadas, pero suponse que a principal é que un neno que traballa no restaurante asiático de forma ilegal-alegal, que non ten papeis de ningún tipo, ten unha dor de moas insoportable, pero baixo ningún concepto pode ir a un dentista, así que os outros compañeiros do restaurante "resolven" o problema polos seus medios.

Saúdos.



domingo, 27 de outubro de 2024

"Palinurus" en Casa Hamlet

Dende hai uns anos, a finais de setembro, celébrase a G-Night, na que investigadores galegos presentan os temas nos que están traballando. Faise en todas as cidades galegas (descoñezo se nalgunha vila máis) e normalmente a oferta de actividades divulgativas nesa tarde-noite é ben cumprida. O que nos sorprendeu este ano é que tamén se presentaban produtos das investigacións en Humanidades, que son moito menos comúns e coñecidas. 

Neste caso, en Casa Hamlet fíxose unha lectura dramatizada do "Palinurus", escrito en 1445 por Maffeo Vegio. Un grupo da Universidade da Coruña está localizando todos os textos similares a este (do que agora falaremos) e traducíndoos a castelán, para que poidan ser disfrutados por todos os hispanofalantes.

Esta obra é unha especie de "spin-off" da Eneida, na que Palinuro, o timonel do barco que trouxo a Eneas da guerra de Troia á península agora coñecida como Italia, fala co barqueiro Caronte sobre todos os avatares da súa vida, e o barqueiro explícalle que, se cadra, a súa vida non tivo tantas calamidades como el pensa, e hai outras vidas que son moito máis sufridas que a súa.

A lectura correu a cargo de dous actores de Casa Hamlet, concretamente Daniel Otero e David Vilares, e a presentación da obra e do proxecto de tradución foi a cargo de Jorge Ledo, que explicou as características destas obras. Ben interesante.

Saúdos.




Doce do patíbulo

Hai xa unhas semanas, botaron no espazo de cine clásico da 2, dos luns pola noite, a famosa película "Doce do patíbulo" (no orixin...