xoves, 7 de xaneiro de 2021

Río Grande

Nestas vacacións deume por ver (porque así o quixo o destino e a programación televisiva, claro) películas dirixidas por John Ford e protagonizadas por John Wayne. En artigos anteriores falei de "A taberna do irlandés" e "O home tranquilo" (que vin casualmente o mesmo día, co diferentes que son en todo), e pouco despois tocoume esta de "Río Grande", tamén moi diferente en todo ás dúas anteriores.

Esta é un "western", de 1950, que pecha a "Triloxía da Cabaleiría" xunto con "Fort Apache" (1948) e "A lexión invencible" (1949). Pero polo que parece, en condicións normais non se tería rodado. Foi unha condición que lle puxeron nos estudios a John Ford para deixarlle ir a Irlanda a facer "O home tranquilo" (1952), que era o proxecto que realmente lle ilusionaba. Os protagonistas principais de "Río Grande" e "O home tranquilo" son os mesmos, e só hai 2 anos de diferenza, pero que abismo se ve entre elas, incrible.

Para comezar, "Río grande" foi rodada en branco e negro, e deume a impresión de que a calidade de imaxe non era moi boa (polo menos a copia que vin eu na televisión). Acabo de ver en Youtube que hai unha versión coloreada. Pero a cor e a calidade de imaxe de "O home tranquilo" é inmensamente maior. Xa non digamos a complexidade e matices das historias, tamén moi diferentes. O director e a estrela son os mesmos. Nas dúas tamén aparece Maureen O'Hara en papeis esenciais, e Víctor McLaglen, que nesta é un secundario e na irlandesa é moi principal.

A historia de "Río Grande" non é moi complexa. John Wayne dirixe un forte algo caótico que está case na fronteira con México, e teñen constantes loitas cos apaches, que aínda andan por alí. E chega a el como novo recluta o seu fillo, que foi expulsado de West Point por suspender Matemáticas, e pretende facer carreira no exército, pero por outra vía. E case ao mesmo tempo, aparece tamén a nai do rapaz e esposa de John Wayne, para intentar levarse ao rapaz, xa que non quere que siga no exército, e moito menos baixo o mando do seu pai-marido. Resulta que os tres levaban 15 anos sen verse, porque no recto exercicio do seu cargo, John Wayne incendiou unha propiedade da súa muller, que non llo perdoou, e levouse con ela ao seu fillo, que case acababa de nacer.

A maior complexidade da trama ten que ver coas relacións entre os tres membros da familia. A parte militar non ten moita ciencia, os brancos son os bos, os indios son os malos, e que hai que zurrarlles. O forte é un caos, hai un grupo de soldados que forman unha rondalla que vai cantando a case todas horas, e que supostamente vai explicando partes da historia.

Xa digo, semella algo incrible que o mesmo equipo que dous anos máis tarde fixo unha película tan salientable e agradable como "O home tranquilo", fixera esta simpleza alimenticia dous anos antes simplemente para recadar algo de cartos (e o conseguiron) e deixar contenta á produtora cinematográfica.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...