sábado, 26 de decembro de 2020

Cleopatra

Onte pola noite botaron na 2 a mítica película "Cleopatra", o último dos grandes peplum clásicos, que foi unha catástrofe económica para os estudios que a rodaron, e que é a última das mostras dos grandiosos decorados e vestiarios que se gastaban en Hollywood a mediados do século XX.

Contén algunhas das escenas míticas da Antigüidade clásica que todos coñecemos, como o asasinato de Xulio César por senadores romanos dentro do propio Senado nos "idus de marzo", ou o suicidio de Cleopatra deixándose morder por un áspid.

A película dura catro horas, que por momentos se fan algo longas porque algún tramo é algo lento. Pero a grandiosidade dos escenarios apabulla, e a importancia dos momentos e personaxes fai máis levadeiro o visionado da mesma.

É curioso o reparto de protagonismo dos personaxes principais. Obviamente, Cleopatra está presente en toda a película. Pero na parte masculina, a primeira parte está protagonizada por Xulio César, que ten un fillo con Cleopatra, Cesarión, que acabará sendo o último faraón exipcio. Nesa parte, Marco Antonio aparece, pero de forma moi secundaria. E cando morre Xulio César é Marco Antonio quen gaña moito peso na historia, aínda que Octavio tamén comeza a aparecer con frecuencia. Está claro que son persoeiros moi importantes nun momento crucial da historia.

Estiven lendo información sobre a película, e semella que o máis interesante foi o desastre da produción. Houbo un primeiro director, Robert Mamoulian, que xa tiña escenas gravadas con outros actores totalmente diferentes, pero descartáronse porque non gustaban nada, e iso xa supuxo un costo grandísimo. Contratouse ao novo director, Joseph Leo Mankiewicz, coas novas superestrelas (Elizabeth Taylor, Rex Harrison e Richard Burton). Polo visto, no tramo final da produción, Mankiewicz tamén foi despedido, pero houbo que contratalo de novo porque ninguén era capaz de montar a película. Había gravado material para 6 horas, fíxose unha versión de 3 para cine, e agora nas televisións emiten a versión de 4 horas.

Despois houbo todo tipo de problemas: Elizabeth Taylor e Richard Burton coñecéronse na rodaxe, e tiveron un apaixoado romance que foi moi escandaloso. Taylor púxose enferma, retrasou a gravación, estivo a piques de morrer e fixeron unha traqueotomía para salvarlle a vida que, polo visto, pode medio verse nalgunhas escenas gravadas despois. Para que non lle afectase máis á saúde, a rodaxe levouse de Londres a Roma. Xa por non falar do mogollón de carísimos vestidos que leva a Taylor durante toda a película. En definitiva, un caos. Pero a película é agradable de ver, claro.

Saúdos.



Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...