luns, 18 de marzo de 2024

Candlelight tributo a Coldplay

Pasoume varias veces no último mes. Algún grupo de colegas mercou entradas para algún espectáculo, a algún deles xurdiulles algún imprevisto, e chamáronme a min para non perder a entrada xa mercada. Está ben que pensen nun para ese tipo de situacións. Tamén é certo que intentei pagar a entrada, preguntei varias veces, e aínda non o conseguín, así que pode que me saíra de balde.

Nesta ocasión foi para un concerto do que xa oíra falar bastante nos últimos tempos. Na Coruña celébrase con moita frecuencia dende o verán, sempre no mesmo sitio, pero semella que é unha "industria planetaria", no que moitos grupos diferentes tocan diferentes repertorios (normalmente en tributo a coñecidos grupos de pop ou rock), e incluso con formacións diferentes. Chámase CANDLELIGHT e polo visto consiste en usar unicamente como iluminación velas eléctricas (son centos ou miles, así que as de cera serían moi pouco operativas e incluso perigosas).

O concerto ao que eu fun foi no Hotel Finisterre da Coruña, no seu salón para vodas máis maxestuoso (que debe estar desocupado a maior parte do tempo). O concerto era en homenaxe a Coldplay, e a formación que tocou aquela noite era só de corda (como a que se ve no vídeo), pero polo visto teñen algunha capitaneada polo piano.

Coldplay non é, nin moito menos, o meu grupo preferido (pero si o de moita xente), pero creo que é do máis salvable no que vai de século XXI. Tocaron moitas pezas coñecidas, botei en falta algunha outra, e tocaron algunhas que eu non coñecía pero que non teñen mala pinta, porque o seu estilo de composición non me desagrada.

Saúdos.



Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...