martes, 26 de decembro de 2023

Omar Al-Mukhtar: o león do deserto

Como dicía o outro día, en TeleVigo botan bo cine, o problema é que ás veces só din que van botar unha película, pero non anuncian cal é. Pero cando o fan, podes atopar perlas como esta película histórica "O león do deserto", que fala da loita pola independencia de Libia a comezos do século XX.

Foi dirixida por Moustapha Akkad en 1981, e no elenco destacan Anthony Quinn, Oliver Reed, Rod Steiger, Irene Papas, John Gielgud e Raf Vallone. O director, do que eu non oíra falar, é de orixe siria e xa tiña fama por algunha película sobre a relixión musulmana que gustou moito no mundo árabe. Nesta película nótase claramente que os "malos" son os italianos e os beduinos son os "bos" (tampouco hai que ser árabe nin musulmán para sentir iso).

Basicamente a película trata do enfrontamento entre o líder guerrilleiro beduino de Libia Omar Al-Mukhtar (interpretado por Anthony Quinn), un mestre de escola coránica que se converte en líder guerrilleiro pola insistencia da Italia de Mussolini en converter Libia nunha colonia (para ser sinceros, xa comezaran con esa teima antes da chegada de Mussolini), e Rodolfo Graziani, un dos xenerais máis sanguinarios da Italia da época, que recibiu o sobrenome de "O carniceiro de..." varios lugares, porque primeiro se ganou o alcume en Libia e na década seguinte en Etiopía, os dous países africanos que intentou colonizar Italia, con non demasiado éxito.

En 1929, Italia xa leva vinte anos intentando colonizar Libia. Algunhas zonas da costa resúltanlle bastante doadas, pero o deserto e as montañas son moito máis rebeldes. Mussolini chega ao poder en 1922, pero xa está canso de tantas derrotas a mans dos beduinos, así que manda a Graziani como gobernador. Xa tiña fama de salvaxe e sanguinario, pero a partir de aquí xa se converte nun mito.

Os guerrilleiros libios, debido á súa astucia e mellor coñecemento do terreo, conseguen frear os avances italianos, pero a abrumadora superioridade de medios italiana acaba impoñéndose. Pero para iso teñen que asasinar milleiros de civís inocentes, montan campos de concentración, envenenan pozos, queiman terras, usan gases tóxicos. Ou sexan, levan a cultura europea.

Polo visto, neste enlace está a película completa, por se queredes vela.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...