domingo, 22 de xuño de 2025

Sherlock Holmes: persecución en Arxel

Pois aquí seguimos coa famosa saga de Sherlock Holmes. Non atopei ningún dato concreto sobre esta historia, pero ten pinta de que esta tamén é creación propia do guionista, non ten nada que ver con Arthur Conan Doyle. Hai que notar un pequeno defecto na tradución do título en España. O orixinal sería "Persecución A (ou ATA) Arxel". Porén, en España puxeron a preposición "en", e non resulta moi lóxico, porque a película remata cando o barco no que transcorre case toda a película chega a esa cidade. Polo tanto, non hai ningunha persecución nesa cidade (polo menos que se vexa nesta película).

"Sherlock Holmes: persecución en Arxel" foi dirixida en 1945 por Roy William Neill (foi unha das últimas da saga). Nos papeis principais os dous de sempre, Basil Rathbone e Nigel Bruce, e nos secundarios esta vez temos a Marjorie Riordan, Rosalind Ivan, Morton Lowry, Leslie Vincent e Martin Kosleck.

Un determinado día, de forma máis ou menos evidente, Sherlock Holmes é "convidado" a ir a un determinado lugar a unha determinada hora, aínda que el non ten a máis mínima intención de facelo. Watson é moi receloso e prefire rexeitar o "convite", pero a curiosidade innata de Holmes faille aceptar. Resulta que acaba de morrer o rei dun país chamado Rovenia, e os seus dirixentes queren levar co maior disimulo ao seu fillo, que está de incógnito en Londres, de volta ao seu país para que asuma a coroa. Obviamente, Holmes aceptou o estraño convite porque recoñeceu a un dos máximos mandatarios do país nesa estraña secuencia de acontecementos cos que se atopou. Obviamente, pídenlle axuda para realizar ese labor.

A primeira idea é que Holmes acompañe ao príncipe Nicolás (que así se chama) nunha viaxe en avión, pero teñen que cambiar de avión a última hora por unha estraña avaría, que fai sospeitar a Holmes. Mentres, Watson fará a travesía en barco. Cando está alí, le nos xornais, que un avión similar ao que colleu Holmes e Nicolás se estrelou, pero non ten demasiado tempo para entristecerse, xa que descubre que foi un engano para intentar despistar aos inimigos do novo rei. Holmes e Nicolás aparecen tamén no barco, pero non poden ocultarse durante moito tempo.

Camiño de Arxel, o barco fai unha inesperada escala en Lisboa e recolle a tres pasaxeiros, homes que non teñen boa pinta, de feito a Holmes sóalle moito a cara dun deles. Non lembra de que, pero non é un bo indicio. Efectivamente, son mala xente e veñen secuestrar o príncipe. Finalmente, coas súas argucias, parece que o conseguen, se non fora porque ese realmente non era o príncipe. O príncipe real era un integrante da tripulación do barco que pasaba totalmente desapercibido.

Saúdos.



II Festival de música "Aquí tamén se fala"

O fantástico proxecto "Aquí tamén se fala" celebrou o seu segundo festival de música, un venres de xuño pola tarde na Praza da Tolerancia, na Cidade Escolar da Coruña. Igual que na primeira edición, actuaron catro grupos, aínda que inicialmente estaban previstos cinco. Finalmente Dios ke te crew non puido asistir, e Boyanka Kostova foi cambiado por Ortiga (tendo en conta que o único integrante de Ortiga é un dos dous de Boyanka Kostova, ao mellor tamén foi algo relacionado cunha enfermidade doutro integrante, por exemplo). Aparte diso, estaba anunciada unha actuación sorpresa, que non sei quen foi porque xa non estaba alí, e na prensa non vin ningunha noticia apabullante sobre o evento.

Finalmente os grupos que tocaron foron:
- ULEX: grupo de pop-rock compostelán formado por rapaces en torno aos 18 anos (o cantante dixo que o día anterior soubo que aprobara a PAU)
- Pava: cuarteto de pop-rock que musica as letras compostas por Lucía Aldao, que toca a guitarra e canta
- Alana: trío de Oleiros que mestura coplas tradicionais con electrónica
- Ortiga: música bailable en galego

Saúdos.






Sirat

Está claro que un dos fenómenos do actual cine galego é Óliver Laxe. Vin todas as súas películas ata agora, e non me acababa de convencer, así que fun a esta última bastante escéptico, pero teño que recoñecer que foi a que máis me gustou, e o inesperado xiro de guión da última media hora paréceme máis que interesante, sen desmerecer a parte inicial da película, claro, pero o contraste enriquece moito a historia.

"Sirat" foi dirixida por Óliver Laxe en 2025 e o único actor profesional do elenco é Sergi López. Acompáñao un rapaz, que fai do seu fillo, chamado Bruno Núñez, e o resto son "raveiros" franceses que fan de sí mesmos, en certa medida. Son Jade Oukid, Tonin Janvier, Stefania Gadda, Richard Bellamy 'Bigui' e Joshua Liam Henderson.

Unha rapaza chamada Mar, desaparece despois dunha "rave" nun deserto de Marrocos. O seu pais, Luís, acompañado do seu fillo pequeno e irmán de Mar, Esteban, van a unha desas "raves" para ver se poden localizar ou saber algo do que lle puido pasar a Mar. Alí non saben nada, pero un pequeno grupo dilles que esas festas organízanse naquela zona con certa frecuencia e que dentro de pouco vai haber outra máis ao sur, cerca de Mauritania, e que é posible que eles vaian, poden preguntar a ver se alguén sabe algo.

No transcurso desta historia, semella haber como unha guerra ou conflito na zona, do que non se concreta nada máis, e ese grupo que lles deu esa información decide fuxir do control militar que paralizou a "rave" na que se atopaban, por mor dese conflito. O pai e o fillo, sen telo pensado antes, deciden fuxir tamén con eles, aínda que ao grupiño, inicialmente, non lles fai ningunha graza.

O cerne da historia é esta, desenvólvese a partir de aquí, e resulta moi interesante. E xa vos digo, o xiro final de guión da última media hora é totalmente inesperado, e na miña opinión, e de máis xente coa que falei, aínda a fai máis interesante. Pero obviamente non vos podo contar nada, é mellor que a vexades.

Saúdos.



Sherlock Holmes en Washington

Pois aquí seguimos coa estraña saga de Sherlock Holmes que se basea pouco ou nada nas historias orixinais de Arthur Conan Doyle. Nesta concretamente innovaron por completo e a historia é totalmente orixinal. De feito, non hai ningunha mención explícita aos nazis, pero algo subxace porque queren quitarlle un valioso documento a un inglés que vai en barco a Estados Unidos.

"Sherlock Holmes en Washington" foi dirixida en 1943 por Roy William Neill (aquí volve o director habitual desta saga). No elenco encabezan Basil Rathbone e Nigel Bruce, obviamente, e nos secundarios están Marjorie Lord, Henry Daniell, George Zucco, Holmes Herbert, Mary Gordon, Gavin Muir e Gerald Hamer, que fai un breve pero esencial papel.

A trama é máis ben simple, polo tanto impropia de Arthur Conan Doyle, porque non a fixo el, senón un guionista estadounidense. O caso é que os ingleses queren enviarlle un importante documento aos estadounidenses, e intúen que os espías inimigos o saben. Así que nun barco mandan a un diplomático ben famoso como "señuelo", pero no seu entorno mandan a un tipo que pasa máis desapercibido.

Se digo todo isto, xa intuiredes que este segundo era o que levaba o importante documento, pero os inimigos tamén debían intuilo, porque aparece morto pouco despois. O que os espías non sabían era o formato do documento, pero o listísimo Holmes o descubre, vai en forma de microfilm metido nun sinxelo paquete de mistos.

Total, que o tipo ese, antes de morrer, pásalle o paquete de mistos a unha señora á que non coñecía de nada, e dese xeito, métese o documento nos Estados Unidos. Dase o caso de que nunha festa na que se xuntan os bos e os malos, o paquete está pasando das mans duns ás dos outros, todos sen saber que xa o teñen nas mans.

Saúdos.



Xoana de Vega: a muller que desafiou o seu tempo

Acabo de ler este interesante libriño (ten pouco máis de 100 páxinas, e de formato pequeno, podería lerse en pouco máis de 1 hora) sobre a f...