martes, 3 de maio de 2022

Falando a boca chea 2022

A semana pasada celebrouse unha nova edición de "Falando a boca chea", un ciclo de contacontos que leva varios anos celebrándose no Fórum Metropolitano nesta época do ano. Hai actuacións a media tarde para público máis xeral e familiar, e pola noite hai actuacións no auditorio. Eu normalmente vou a estas últimas.

Este ano actuaron Oswaldo Digón, que é o único ao que non puiden ir. O xoves actuou Quico Cadaval, unha marabilla, coma sempre. O venres foi a quenda de Paula Carballeira, á que tamén vin xa moitas veces. E o sábado foi o momento da miña novidade, María da Pontragha, da que oíra falar pero á que nunca vira actuar. Conta ben e canta ben, fai unha mestura curiosa.

Por comparar aspectos das actuacións, Quico segue contando historias de coñecidos e amigos da súa familia principalmente. Paula Carballeira tamén conta moitas historias que lle contan principalmente familiares e xente maior, e céntrase en historias de medo. E María conta moitas historias da súa aldea e comarca, e de cando en vez as ameniza cunha copla popular.

Chamoume a atención o feito de que Paula e María fixeron contadas de 1 hora aproximadamente, mentres que Quico, que conta historias máis ben tirando a longas, estivo case 2 horas, e estiraba a actuación como se temera quedarse curto.

Saúdos.



Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre

Semella que estamos saíndo xa da pandemia e xa nos animamos a asistir a eventos que tiñamos algo esquecidos, como os concertos. Un día destes volveron actuar no Teatro Colón da Coruña Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, para presentar en directo "As catedrais silenciadas", o disco que sacaron xusto antes da pandemia e que non puideran apenas presentar.

Como son un grupo absolutamente fiable, a cousa foi fantástica. Por contar algo, podemos dicir que cambiou algo a formación do grupo. Cambiaron os instrumentistas, os irmáns Javier e Gutier Álvarez deixaron o grupo e foron substituídos polo acordeonista Roberto Grandal e polo zanfonista e gaiteiro Iván Costas, que xa non toca o violín, como facía Gutier. Ademais, neste concerto concreto tamén estaba no grupo a violonchelista Margarida Mariño.

Saúdos.


Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...